A sección sindical da CIG no Concello da Coruña critica que o Servizo de Persoal dificulta a cobertura de 10 vacantes de Policía Local
A sección sindical da CIG no Concello da Coruña critica a xestión realizada polo Servizo de Persoal para a cobertura das vacantes producidas no servizo da Policía Local xa que, malia estar aprobadas de urxencia dende o pasado mes de decembro 34 novas prazas, o errático proceder fixo que se demorase moito máis tempo do debido a cobertura polo que, "agora nos atopamos en pleno período de vacacións cun escaso número de efectivos, tanto para a organización interna do servizo coma para as resolucións de calquera tipo de permisos para os/as axentes".
A sección sindical sinala que ante a inminente xubilación de máis de 40 efectivos, o Concello da Coruña aprobou de urxencia 34 novas prazas de Policía Local, o 26 de decembro de 2018. Destas, 26 son de quenda libre e 10 serán cubertas polo sistema de concurso, procedentes doutros corpos da Comunidade Autónoma, atendendo aos requisitos de mobilidade da Lei de coordinación de policías locais de Galiza.
Cómpre lembrar que na comisión de Facenda e Administración do 3 de abril de 2018, o Concello decidiu delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza a competencia para as convocatorias de selección para a categoría de policía, debendo comunicarse á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para que esta desenvolva os procesos.
Reserva de prazas por sistema de concurso
A pesar de que tanto as prazas de quenda libre como as de concurso deberían de pasar pola AGASP, a sección sindical da CIG teme que dende o Servizo de Persoal municipal se decidiu de maneira unilateral comunicar só as da quenda libre. "Descoñecemos que intereses pode haber para reservar as 10 prazas do sistema de concurso e querer xestionalas dende o propio Servizo de persoal, sobre todo pola queixas continuadas sobre a carga de traballo que nel recae", apuntan.
Así as cousas, continúan, a primeiros deste ano, o Concello da Coruña tiña a previsión da cantidade de xubilacións que se producirían en 2019, "pero ou non quixo ou non foi capaz de tramitar 10 vacantes de Policía Local polo sistema de concurso por mobilidade, que dotaría o servizo de policías xa formados/as e operativos/as dende o primeiro minuto".
Ante a urxencia de efectivos na Policía Local e a pasividade demostrada polo Concello da Coruña, o pasado 16 de abril de 2019 a Sección Sindical solicitou que se informara dos motivos que levaron a non tramitar a cobertura destas 10 vacantes reservadas ao sistema de concurso por mobilidade. "Tivemos constancia que a nosa solicitude provocou nese momento unha reunión de urxencia entre responsábeis do servizos de Persoal e da asesoría xurídica para abordar este asunto".
Bases con erros
O resultado final, explica a representación da CIG, foi a aprobación o 15 de maio dunhas bases de acceso á categoría de policía no Corpo da Policía Local reservadas para o sistema de concurso por mobilidade, que foron publicadas no BOP o 10 de xuño. "Porén, esta publicación adoece de erros que impide a súa concreción inmediata, pois dende o ano 2016 os requisitos para participar deben ser 3 anos de antigüidade e non 5 como figura nas bases publicadas".
"Agora a primeiros de xullo, atopámonos no medio do período vacacional, coas consecuencias que isto con leva: escaso número de efectivos tanto para a organización interna do servizo coma para as resolucións de calquera tipo de permisos para os/as Policías Locais". Por iso, dende a sección sindical queren manifestar a "indignación" pola xestión realizada polo servizo de Persoal, "que fixo que este asunto se demorase moito máis tempo do debido sen estar claro a día de hoxe cando se poderá levar a cabo".