A sección sindical da CIG no Concello da Coruña alerta do abandono da Casa de Acollida Municipal

Critica a hipocrisía do Goberno de Inés Rey que practica un “feminismo de discurso” mentres ten en precario este recurso esencial para mulleres vítimas de violencia machista
A Coruña - 21 Abr 2026

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña advirte da situación insostíbel e precarizada que sofre desde hai anos o persoal auxiliar da Casa de Acollida Municipal, un recurso esencial na loita contra a violencia de xénero, e o risco que isto supón para as mulleres que sofren esta violencia.

Consideran inaceptábel que este abandono aconteza baixo un Goberno que se di feminista e lamentan que “mentres o Executivo de Inés Rey presume de igualdade, mantén en condicións indignas un servizo clave para a protección das mulleres vítimas de violencia machista. Isto non é feminismo: é propaganda”, critican.

Só unha praza cuberta de maneira estábel

A representación da CIG explica que a Relación de Postos de Traballo (RPT) contempla 9 prazas, pero só unha está cuberta de maneira estábel. O resto do persoal -un colectivo feminizado- continúa en fraude de temporalidade, no nivel máis baixo e sometido a unha sobrecarga extrema. Así, subliñan que hai quendas cubertas por unha soa auxiliar, cuadrantes sen planificación e dificultades para gozar das vacacións e a conciliación. A isto súmase a falta de concreción na aplicación dos coeficientes nocturnos que si se recoñecen a colectivos masculinizados, como o da Policía Local.

“Estamos ante unha política laboral machista sostida por un Goberno que presume do contrario”. E denuncian as consecuencias graves deste proceder, pois chegouse ao punto de que unha traballadora accidentada non puidese abandonar o seu posto ao estar soa. “Isto é desprotección institucional”, rexeitan.

Mesas sen avance

No plano sindical, tras tres mesas técnicas en 2025 sen avances reais, a CIG solicitou unha reunión coa concelleira Nereida Canosa, mais “seguimos sen resposta”. O Concello tamén incumpriu o compromiso de convocar unha nova mesa no primeiro trimestre de 2026, nun claro desprezo á representación sindical.

“A situación xa foi denunciada no pleno polos grupos da oposición, pero o Goberno segue sen actuar. Ao mesmo tempo, licítase unha empresa privada sen transparencia, baixo sospeitas de posibles vinculacións co entorno da Concellaría”, advirten.

Diante disto, a sección sindical exixe solucións inmediatas que teñen que pasar pola cobertura das prazas, a fin da temporalidade, o reforzo de persoal, respecto aos dereitos laborais -incluídos os nocturnos- e transparencia.