A sección sindical da CIG no comité de Froiz denucia despedimentos de traballadoras por estar enfermas
A sección sindical da CIG no Comité de Empresa de Distribuciones Froiz da provincia da Coruña vén de denunciar o despedimento de compañeiras por estar enfermas. Manifesta o seu rexeitamento a estas prácticas, exixe o seu cese e a inmediata readmisión de todas as afectadas.
A CIG rexeita a maneira de actuar da empresa ao castigar a compañeiras co despedimento logo de varios anos na cadea de supermercados, soportando unha elevada carga de traballo debido, en grande parte, á falta de persoal en todos os centros de traballo de Froiz e á falta de medidas preventivas que eviten as doenzas derivadas desa elevada carga de traballo.
"Desfacerse das traballadoras logo de provocarlle problemas de saúde leva tempo sendo práctica habitual nesta empresa" denuncia Lucia Freire, Delegada da Sección Sindical da CIG en Froiz quen lle exixe a Froiz que remate con esta práctica e readmita inmediatamente ás traballadoras despedidas que na actualidade teñen procesos xudiciais abertos reclamando a nulidade dos seus despedimentos.
Diante desta situación, que se repite en diferentes establecementos da provincia da Coruña, a CIG vén de pór en marcha unha campaña de denuncia pública diante dunhas prácticas que afectan casualmente a mulleres, co obxectivo de que a empresa mude de inmediato a súa actitude, cumpra coa lexislación vixente en materia de prevención de riscos e respecte a lexislación laboral.