A sección sindical da CIG no comité de Froiz concéntrase na tenda de Noia en demanda de condicións laborais dignas
Lucía Freire, delegada da sección sindical explica que o cadro de persoal desta empresa excede, na súa maioría, excede o límite legal de horas de traballo, superando as 40 horas semanais. “Aquí podemos incluír tamén á xente que ten contratos a tempo parcial e que se ve obrigada a facer máis horas das pactadas en contrato”.
Freire denuncia que Distribuciones Froiz nin sequera respecta o tempo de descanso legal, que está estipulado, no sector, en día e medio. “Ademais á maior parte do persoal non se lle dá opción a escoller os seus períodos vacacionais pois é o encargado ou encargada quen os decide”.
A isto engade que os horarios organízanse de semana en semana, e poden mesmo ser variados no medio da semana. “Isto dificulta enormemente a conciliación, o que agrava a situación de moitas das traballadoras que son maioría entre o persoal”.
Freire denuncia ademais que isto acaba provocando que as traballadoras soliciten redución de xornada, o que implica redución de salario, perda de dereitos sociais e pensións miserentas no futuro. “Esta redución de xornada non lles garante sequera ter un horario fixo, máis tendo en conta que a empresa abusa e as obriga a facer máis horas das estipuladas”.
A CIG non tiña antes representación no comité pero a principios de ano obtivo 4 delegados/as. Xa na primeira reunión as e os representes do sindicato transmitiron á empresa esta problemática e demandaron solucións inmediatas. “A resposta da empresa foi que levabamos moitos puntos a tratar e que xa se abordarían nunha próxima reunión que, en todo caso, se celebraría cando Distribuciones Froiz así o decidira e non cando o demandara a sección sindical”.
A esta altura aínda non houbo ningunha outra xuntanza, por iso a CIG acordou pór en marcha un calendario de mobilizacións para denunciar publicamente a precariedade laboral e os abusos aos que está sometido o persoal.