
A sección sindical da CIG mobilizarase contra a represión e o clima laboral tóxico en Mercadona

A sección sindical da CIG en Mercadona ten convocada unha concentración para o vindeiro luns, 23 de xuño, ás 12:00h, diante do supermercado que a empresa ten en Monte Patelo (zona Marineda) para denunciar o clima laboral “altamente tóxico” e a elevada represión que padece o persoal, nomeadamente o máis veterano e aquel que se atopa en situación de baixa médica.
A representación da CIG alerta que a persecución e acoso “está sobrepasando todos os límites” non só no agravio a nivel profesional, senón que coa súa práctica e actuacións a empresa estalle provocando as traballadoras e traballadores afectados “importantes danos psicolóxicos”.
Esta situación, denuncia a presidenta do comité de Mercadona da Coruña, María López, intensificouse coa entrada en vigor o pasado ano do novo convenio colectivo, que a CIG non ratificou porque empeora as condicións laborais e salariais xa recoñecidas en convenios anteriores e ademais afonda na centralización das relacións laborais.
De feito, a central nacionalista impugnou o convenio na Audiencia Nacional ao entender que varios dos seus artigos son ilegais, como o referido á minoración da prima anual en situacións de enfermidade común. Esas primas, lembra López, supoñen unha retribución considerábel “(de un a dous, ou incluso máis, salarios mensuais máis ao ano) que se lle outorga de xeito totalmente subxectivo ao persoal e que supoñen unha ferramenta de chantaxe constante para as traballadoras e traballadores”.