A sección sindical da CIG en XEAL considera que o resultado das asembleas do persoal celebradas nos distintos centros de traballo deixou unha mensaxe clara: a proposta de preacordo presentada na última reunión negociadora é insuficiente e non responde ás necesidades do persoal.
Nas asembleas púxose de manifesto que a proposta non garante a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos, non compensa a perda salarial acumulada desde 2021 e, ademais, condiciona parte da posíbel recuperación a un futuro convenio colectivo, hipotecando a seguinte negociación. Por estes motivos, a maioría do persoal expresou que non procedía someter a proposta a votación e trasladoulle ao comité de empresa a necesidade de continuar negociando para acadar un convenio digno.
A CIG defende que este posicionamento “debe ser respectado e asumido tanto pola representación social como pola dirección da empresa”, xa que o mandato das traballadoras e traballadores é “seguir negociando” até conseguir un acordo digno.
Ademais, salienta a sección sindical, esta negociación “está a desenvolverse nun sentido totalmente contrario ao doutras negociacións colectivas en marcha, como a do convenio provincial do metal da Coruña, onde se conseguiu avanzar nas condicións laborais e salariais e na implantación de mecanismos que garantan o mantemento do poder adquisitivo”. Resulta, por tanto, “incomprensíbel que unha empresa como XEAL, con capacidade económica demostrada, pretenda pechar un convenio con condicións inferiores ás que se están acadando no ámbito provincial”.
Bos resultados económicos do grupo
A este respecto, a representación da CIG apunta á recente publicación dos resultados económicos da compañía, que confirman a boa situación financeira do grupo propietario de XEAL. “Os beneficios obtidos e o reparto de importantes dividendos aos seus accionistas desmenten calquera argumento que pretenda xustificar unha proposta salarial insuficiente ou a negativa a recuperar dereitos”, valoran.
Neste contexto rexeitan que a empresa siga sen ofrecer unha proposta de convenio “que garanta o mantemento do poder adquisitivo, unha cláusula de revisión salarial efectiva, a recuperación do 100 % das baixas por incapacidade temporal, a garantía da xubilación parcial e medidas para recuperar o emprego destruído nos últimos anos”.
Por todo isto, a sección sindical fai o chamamento ao comité e á dirección de XEAL para que retomen as negociacións “coa vontade real de alcanzar un acordo que dea resposta ao mandato expresado polo persoal nas asembleas e que sexa acorde coa capacidade económica da empresa”.
Inciden en que as traballadoras e traballadores de XEAL “merecen un convenio que lles permita recuperar o salario perdido, consolidar os seus dereitos e participar dos bos resultados económicos que contribúen a facer posíbel co seu traballo diario”.