A sección sindical da CIG en Política Social reclama a cobertura do persoal de cociña na Escola Infantil de Vite
A sección sindical da CIG na Consellaría de Política Social continúa a reclamar a cobertura inmediata da baixa de axudante de cociña na Escola Infantil de Vite (Santiago de Compostela), sen cubrir dende o mes de xuño e que segue na mesma situación co curso xa comezado.
Para denunciar o "desprezo polos servizos públicos e a prestación destes en condicións de eficacia e eficiencia", a sección sindical distribuíu este martes un cartaz masivamente polo edificio de San Caetano confrontando á negativa da conselleira, Fabiola García, a cubrir a baixa de axudante na EI de Vite coa dilixiencia no nomeamento como subdirectora "á prima de presidente do PP, Alberto Núñez Feijoo".
Dende a sección sindical da CIG subliñan que a dirección do centro fixo petición expresa para a subtitución e que ademais conta coa "conformidade da Xefatura Territorial de Política Social da Coruña". Por iso cualifican de "irresponsabilidade" o "deixamento da política de persoal de García" que afecta ás 45 crianzas inscritas na Escola Infantil de Vite.
"Só queda un cociñeiro de primeira e outra axudanta de cociña polo que, no caso de facer uso de permisos ou ausencias xustificadas, a escola quedaría unicamente cunha persoa no servizo de cociña", advirten.
De non efectuarse a cobertura da baixa, a reprentación da CIG seguirá denunciando "unha situación que merma a prestacións dos servizos públicos" e que só se solventa grazas "ao compromiso e á competencia do persoal que queda en condicións precarias e facendo todo tipo de funcións, pero comprometido con facerlle a comida en óptimas condicións as nenas e nenos que están nesta Escola Infantil de Santiago de Compostela".