A CIG en Jevaso pídelle ao Concello de Arteixo medidas para evitar os riscos na seguridade viaria
A sección sindical da CIG en Jevaso vén de presentar, a través do grupo municipal do BNG, unha petición ao pleno do Concello de Arteixo para darlle solución aos problemas na seguridade viaria que se xeran nas horas de entrada e saída do persoal ao coincidir nun breve período de tempo centos de traballadores e traballadoras, turismos e camións pesados.
A representación da CIG na empresa mantivo unha reunión a pasada semana co grupo municipal do BNG de Arteixo para abordar este problemática e solicitarlle que levaran esta cuestión á próxima sesión plenaria, no punto de rogos e preguntas. Cómpre lembrar que Jevaso conta con máis de 1000 traballadoras e traballadores (entre persoal directo e contratado a través de ETT), pero na inmediacións das naves que a empresa ten na Avda. do Embalse (Polígono de Sabón) apenas hai sitio para estacionar os vehículos.
"Temos serias dificultades para atopar aparcamento e como non existen beirarrúas estase a xerar unha situación de inseguridade viaria, ao coincidir na saída das quendas, peóns e vehículos, tanto turismos como camións de gran tonelaxe", explican a sección sindical da CIG.
A este respecto, engaden que o persoal que sae do traballo ten que acceder á estrada para ir aos seus coches, pondo en risco a súa seguridade. Por iso demandan do Concello de Arteixo que asfalte as beirarrúas de maneira axeitada para que os vehículos poidan estacionar en batería ou, no seu lugar, que se cree unha vía peonil para que as persoas pesen sen risco de seren atropeladas.
Ademais, tamén piden ao Goberno local que busque un terro para habilitalo como aparcadoiro disuasorio para os traballadores e traballadoras de Jevaso.