A CIG-Ferroatlántica cualifica de "decepción" a intervención de Conde no Parlamento sobre o peche dos fornos
"Unha decepción". Así cualifica a sección da CIG nas fábricas de Ferroatlántica Cee, Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas a intervención do conselleiro de Industria, Francisco Conde, este mércores no Parlamento Galego para dar reposta a unha pregunta formulada polo BNG arredor da política da Xunta coa industria electrointensiva galega.
A sección sindical acudiu xunto cunha representación do comité ao Pazo do Hórreo para seguir en directo o que alí se falaba sobre este sector, cun especial peso na Galiza. Critican que, na súa intervención, o conselleiro eludiu a responsabilidade de Goberno galego nesta materia "tentando pasarlle á pelota en exclusiva ao Goberno español sobre a tarifa industrial", mais sen atender ao feito de que a tarifa non supón, no caso concreto de Ferroatlántica, ningunha xustificación para ter parados os fornos das fábricas galegas.
A este respecto, recalcan que apenas un día despois de asinarse o acordo do ERTE, a empresa puxo en marcha todos os fornos da planta de Santander, "aínda que producir nesta fábrica lle sae máis caro porque ten bloques de 5 en lugar de 40MW".
A empresa pode compatibilizar interrompibilidade e autoconsumo
A CIG lembra que as plantas de Cee e Dumbría poderían compatibilizar o sistema de compensación da interrompibilidade e o autoconsumo, o cal permitiría rebaixar considerabelmente o custe da enerxía. Non obstante, "foi Ferroatlántica quen de maneira voluntaria optou pola separación das liñas, co claro obxectivo de desvincular o complexo industrial das centrais hidroeléctricas e vender estas últimas".
Por iso, pídenlle ao Goberno galego "que se aplique a mesma firmeza que lle pide ao Goberno central co estatuto das industrias electrointensivas, para facer valer as condicións concesionais das centrais hidroeléctricas", que explicitamente vinculan o outorgamento da explotación dos saltos de auga e os encoros co mantemento da viabilidade do complexo industrial e dos postos de traballo.
Finalmente, dende a sección sindical da CIG reiteraron a petición de reunión co conselleiro, "a quen lla temos solicitada dende hai semanas e aínda está sen concretar data, malia que Conde presuma no Parlamento de manter a interlocución cos traballadores e as traballadoras".