A CIG en ESC de Vigo, do grupo Prosegur, denuncia unha baixada salarial a 3800 traballadores/as no Estado co apoio de UGT e CCOO
A sección sindical da CIG en ESC Servicios Generales de Vigo, empresa multiservizos do grupo Prosegur que conta con máis de 3800 traballadores/as no conxunto do Estado, denuncia que se lle vai aplicar unha baixada de soldos de 52 euros ao mes ao conxunto do cadro de persoal co apoio de CCOO, UGT e USO. O acordo coa dirección asume como absorbíbeis conceptos extrasalariais do SMI como os pluses de transporte e vestiario, contradicindo o que os sindicatos estatais manteñen en público.
ESC Servicios Generales é unha empresa do sector Servizos que desenvolve labores de limpeza, loxística, control de materiais, almacenaxe, vixilancia, etc. e que aplica un convenio estatal de empresa a máis de 3800 traballadores/as. O pasado 3 de agosto o Boletín Oficial do Estado (BOE) recollía un acordo parcial da comisión negociadora do convenio da empresa para absorber dentro do salario mínimo os conceptos de plus de transporte e vestiario.
Segundo denuncian dende a CIG, esta compañía caracterízase por contar cunhas condicións de traballo moi precarias, con soldos que non superan o salario mínimo, polo que a última subida aprobada do SMI supuxo un incremento moi importante nas nóminas do persoal.
Como consecuencia, a sección sindical da CIG solicitoulle ao comité de empresa que a eses 900 euros se lles incrementaran os pluses de transporte e vestiario, xa que se trata de conceptos extrasalariais, polo que o soldo mensual pasaría a 952 euros. A representación dos traballadores/as de Vigo (3 delegados/as da UGT e 2 da CIG) aceptou trasladarlle á dirección a solicitude, que contestou negativamente á proposta amparándose no convenio colectivo anterior.
"Exercicio de cinismo"
Dende a CIG lembran que tanto a UGT como CCOO teñen asinado distintos documentos nos que aceptaban as teses que defende a sección sindical da CIG en ESC, como o aprobado recentemente no Consello Galego de Relacións Laborais sobre a aplicación do salario mínimo.
Máis grave aínda consideran o “exercicio de cinismo” de CCOO, xa que a nivel estatal teñen anunciado a “bombo e platillo” nos medios de comunicación unha campaña sobre o SMI co lema 'Que no te la jueguen', coa que denuncian que as empresas pretenden absorber conceptos que non entran dentro do soldo.
Dende a sección sindical da CIG en ESC pregúntanse se esta é a forma que teñen os sindicatos estatais de loitar contra a precariedade e o empobrecemento laboral, “roubándolle máis de 50 euros do salario mensual a milleiros de traballadores/as”.
Conflito colectivo
Neste senso, a CIG presentou no Xulgado do Social de Vigo o pasado 5 de xuño un conflito colectivo para o recoñecemento de aplicación do novo SMI a todos os traballadores/as de ESC, “demanda que toma se cabe máis importancia despois desta nova vendida dos sindicatos españois”.
Ao mesmo temo, sinalan que outro exemplo da falta de respecto destas centrais coas súas propias reivindicacións foi a aprobación coa súa sinatura do IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva -no que se establecía un salario mínimo de convenio de 1000 euros-, o que motivou que desenvolveran campañas baixo o lema 'Ponte a 1000'.
“Na práctica, non só non nos puxeron o salario a 1000 euros mensuais, senón que nolo baixaron argumentando cuestións como <<conxugar competitividade e emprego>>, ademais de apelar <<ao esforzo das partes negociadoras>>; non entendemos a que esforzo se refiren, como non sexa ao de manter os salarios de miseria no conxunto da clase traballadora”.