A sección sindical da CIG denuncia manobras de acoso médico-laboral en Carrefour Lugo sobre persoal que está de baixa
A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo quere denunciar publicamente o acoso médico-laboral que están a sufrir as traballadoras e traballadores que se atopan en situación de baixa. Explican que a dirección do centro decidiu suspender a prestación económica a persoas en situación de Incapacidade Temporal tras o informe emitido pola Clínica Dinán, por supostas faltas de asistencia á cita médica.
Esta información foi transmitida polo responsábel de Recursos Humanos de Carrefour Lugo indicando que a decisión de non abonar o complemento está avalada polo informe emitido por esta clínica, cando dende o propio centro médico lle entregaron ás persoas traballadoras xustificante de asistencia.
“É dicir, as traballadoras acudiron á cita na Clínica Dinán, pero o persoal facultativo emitiu un informe de que non asistiran, segundo afirma Carrefour Lugo. Con este engano, a dirección da empresa decide suspender a prestación económica, o que constitúe unha maneira de acosar o persoal traballador que está de baixa e, coa complicidade desta clínica, presionalo economicamente baixo ameaza de non abonar o complemento de IT recollido no convenio colectivo”, critica a sección sindical.
Antes estes graves feitos, tanto a representación da CIG como as traballadoras afectadas presentarán denuncia diante das autoridades competentes.