A sección sindical da CIG demanda o Concello da Coruña polo uso irregular das comisións de servizos
A sección sindical da CIG do Concello da Coruña acaba de presentar unha demanda no xulgado do contencioso-administrativo contra a aplicación irregular por parte do Goberno municipal do sistema de comisión de servizos para a provisión dos postos de traballo. A representación sindical explica que se ben o uso da figura da comisión de servizos para a cobertura das vacantes non é algo novo no Concello, "o certo é que este Goberno estao levando ao extremo, convertendo algo que debería de responder a motivos de urxencia e necesidade en algo habitual".
O secretario da Sección Sindical, José María Calatayud, lamentou que o Goberno local se preste a promover o que cualificou como "dedazos", "porque non lle debe gustar o resultado dos concursos, da carreira profesional á que teñen dereitos todos os empregados e empregadas da administración".
Neste momento, sinalou, hai sobre 200 comisións de servizo que representan aproximadamente o 14% do cadro de persoal municipal, composto por unhas 1.500 traballadoras e traballadores. Desas comisións de servizos, arredor de 150 (o 75%) están nunha situación de irregularidade, ao superaren os dous anos máximos que permite a lei para este tipo de provisión de postos.
As medidas adoptadas afondaron no problema
A Sección Sindical da CIG instou o Goberno municipal, "dende practicamente a súa toma de posesión", para que convocaran os concursos e regularizaran á adscrición dos empregados e empregadas municipais aos diferentes postos de traballo. Porén, "lonxe de solucionalo, as medidas que foron adoptando non serviron máis que para afondar neste problema".
Calatayud censurou que o Goberno municipal tratara de darlle unha aparencia de obxectividade a este sistema creando unhas bases para realizar concursos con esta fin, "mais con isto o que conseguiron é que un proceso que debería ser áxil é inmediato (hai que recordar os criterios de urxencia e necesidade) adquira a complexidade do proceso normal de cobertura que é o concurso; pero eliminando a obrigatoriedade de permanecer dous anos no posto acadado polo procedemento habitual e deixando as diferentes áreas administrativas sempre en precario, no relativo ás adscricións dos/as empregados/as a estas mesmas". E en todo caso, alertou, este sistema “obxectivo” non se aplica aos postos de xefatura "que seguen nomeándose á dedo".
Ademais, denuncian que non se están aplicando, nin sequera na utilización deste sistema, criterios xenéricos para todo o persoal, "pois a unhas persoas césanas cando rematan os dous anos de prazo máximo, a outras non; a unhas adscríbeselle en comisión de servizo por concurso, a outras a dedo, etc. E xa para rizar o rizo, nalgúns casos que se esgotou o prazo máximo de dous anos, cesan a estas persoas un día para volvelas nomear ao día seguinte".
Posíbel fraude de lei
Esta última maneira de actuar, advertiron dende a Sección Sindical, podería constituír unha fraude de lei ou incluso un delito de prevaricación, polo que dende a asesoría xurídica da CIG estase a valorar a posibilidade de poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía.
Neste senso, sinalaron que esta situación non se podería dar se "non houbera traballadores e traballadoras que se prestaran". "É certo que existe dentro do colectivo dos/as empregados/as do Concello algúns grupos que contribúen a manter esta situación, algúns/has non teñen ningún reparo en acudir á xustiza cando se senten prexudicadas/os, reclamando cuestións de legalidade e despois esquecen a aplicación desta legalidade cando son eles/as os/as beneficiados/as destas arbitrariedades, esquecéndose incluso dalgunhas resolucións xudiciais que no seu momento lles dáballes a razón, anulando algunhas coberturas feitas polo Concello".