A sección sindical da CIG demanda ao Concello de Ferrol que achegue na mesa de negociación os informes xurídicos requiridos
Diante da nova convocatoria extraordinaria de Mesa de Negociación para maña, mércores día 24, a sección sindical da CIG no Concello de Ferrol reclama ao Goberno local que achegue os informes xurídicos necesarios que permitan estudar e avaliar cada un dos puntos a tratar: proposta de modificación puntual da RPT, da proposta de establecemento dun complemento retributivo nas situacións de incapacidade temporal e sobre a Oferta de Emprego Público.
No relativo á modificación da RPT salientan que hai seis meses a Secretaría Xeral do Concello emitiu un informe contrario á aprobación desta. A actual proposta da Alcaldía que se achega para a Mesa, é a mesma que se informou pola Secretaría, engadindo un último punto sobre a inmediata convocatoria da Oferta de Emprego e dos procesos selectivos. "Por todo isto, esiximos que esta nova proposta sexa avalada polos informes xurídicos que xustifiquen este cambio de parecer e a súa legalidade", aseveran.
No tocante ao complemento por IT, lembran que meses antes da aprobación do Decreto sobre a aplicación do mesmo no resto de Administracións Públicas (no pasado mes de xullo), levouse a proposta á Mesa de Negociación con intención de chegar a un acordo sobre a aplicación desta medida, "obtendo por resposta a negativa por parte do Goberno". A proposta actual para é que entre en vigor o 1 de novembro, pero dende a CIG "demandamos a aplicación con carácter retroactivo desde a entrada en vigor do Decreto".
Recorte na oferta de emprego
Finalmente, a respecto da Oferta de Emprego Público, a sección sindical subliña que todos os informes emitidos pola anterior Xefa de Servizo de Persoal, (e que acompañaron os orzamentos aprobados para este exercicio ), indicaban como 4 o número de prazas que conformarían a Oferta de Emprego, podendo incluso sumarse as prazas vacantes que quedaran por xubilación tanto na Policía como en Bombeiros/as. "Pois ben, apuntan, non só non se sumaron estas prazas, senón que o número pasa de 4 a 2 prazas, motivo polo que solicitamos os Informes Xurídicos que xustifiquen esta modificación".
Por outra banda, a representación da CIG pide que se acumulen as prazas vacantes orzamentadas de exercicios anteriores á actual proposta de Oferta de Emprego, "opción posíbel tendo en conta a información xurídica recollida por este sindicato".