A sección sindical da CIG amosa a preocupación polo atraso na elaboración dos pregos da planta de Nostián
A sección sindical da CIG en Albada quere manifestar a súa preocupación polo atraso na elaboración dos pregos de condicións para o novo concurso da planta de tratamento de residuos de Nostián (A Coruña). A central súmase así á preocupación amosada por este mesmo motivo polo Consorcio das Mariñas e pide que se axilice ao máximo a publicación dos pregos "debido ao deterioro progresivo da situación das instalacións e a continua perda de dereitos dos traballadores/as".
Por esta razón, a CIG solicita tamén a recuperación da figura do interventor (que se encargou da planta dende xaneiro a agosto) mentres non saia a nova licitación, para garantir así a xestión adecuada e o mantemento das instalacións e, ao tempo, que se respecten os dereitos laborais, tendo en conta a actitude belixerante de Albada que, a pesar de estar en situación de prórroga forzosa, en ningún momento cesou no recorte das condicións laborais do persoal.
Neste senso, a sección sindical da CIG lembra que os traballadores e traballadoras de Albada seguen sen convenio, despois de que a empresa manobrase para deixalo decaer e non querer negociar un convenio novo. A última reunión da mesa foi en novembro do pasado ano e dende entón non houbo máis xuntanzas, o que demostra a total falta de interese da empresa na negociación.