"Non existen razóns para aplicar un ERE nas fábricas de Ferroatlántica da Costa da Morte"
Diante das informacións aparecidas estes días a respecto dun posíbel ERE temporal nas fábricas de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, a raíz dos resultados da poxa da interrompibilidade, a sección sindical da CIG neste centro de traballo quere informar que non existe, até o momento, notificación oficial a este respecto por parte da empresa.
Non obstante, si que hai unha gran preocupación entre o persoal das compañías auxiliares, que de maneira extraoficial xa comunicaron a parada para finais deste mes de decembro.
Bos resultados económicos en 2018
A pesar dos desastrosos resultados da poxa da interrompibilidade no conxunto das empresas electrointensivas, a sección sindical da CIG considera que non sería entendíbel nin estaría xustificada a aplicación dun expediente de regulación de emprego nas fábricas da Costa da Morte, atendendo aos bos resultados económicos obtidos durante o ano 2018. "E moito menos tendo en conta a vinculación coas centrais hidroeléctricas, que converten a Ferroatlántica en produtora de enerxía e nunha das beneficiarias dos elevados prezos da electricidade, un alto custe que, paradoxalmente, sería a escusa para formular ese posíbel ERE", denuncian.
Por iso, entenden que atrás destas informacións hai unha estratexia e unha intencionalidade clara da empresa de deslocalización da produción, o que suporía o peche de centros de traballos e/ou de unidades produtivas. Unha estratexia posta en marcha desde a fusión con FerroGlobe. "Intentárono primeiro coa venda das centrais, corroborouse coa adquisición das fábricas de Noruega e Francia (que son competidoras directas das instalacións da Costa da Morte) e agora prosegue a ofensiva coa escisión patrimonial de centros (seguindo o modelo de Alcoa) e tentando a xustificación dun ERE a través do nefasto resultado da poxa", alertan.
En todo caso, a sección sindical da CIG enmarca estas informacións no castigo do grupo empresarial ao persoal das fábricas galegas por non ter logrado o seu obxectivo de vender as centrais hidroeléctricas.
Chamamento aos gobernos
Á espera de acontecementos, a sección sindical da CIG insisten en que non existe xustificación para a presentación dun ERE e, no caso da empresa formular o expediente, demandan do Goberno galego e do Goberno español que utilicen todos os recursos a súa disposición para evitar un novo ataque ao emprego e a viabilidade das fábricas da Costa da Morte. Neste senso, aseveran que os traballadores e traballadoras non poden ser vítimas da inoperancia do Goberno, incapaz de dar solucións ás empresas electrointensivas.