A sección sindical da CIG advirte que cos recursos humanos e materiais dos pregos non se garante a limpeza viaria da Coruña
A sección sindical da CIG no servizo de limpeza viaria do Concello da Coruña advirte que cos recursos materiais e humanos recollidos no novo prego de condicións (que vén de ser publicado) non se poden atender os servizos establecidos e manter a cidade "nun nivel mínimo de limpeza".
No seu momento, a CIG presentou alegacións ao borrador do prego nas que lle demandaba ao Concello un incremento significativo do número de percorridos de varrido, até chegar cando menos aos 91 de varrido manual, e sobre todo incrementar o persoal para poder cubrir o servizo de maneira adecuada, xa que nos últimos anos aumentaron as zonas de limpeza pero pola contra se reduciu o número de percorridos e de traballadores e traballadoras.
A este respecto, denuncian que, se no ano 2010, cando a limpeza viaria contaba con 213 operarios/as non se deu cuberto o servizo, "como se vai facer agora con 200 traballadores e traballadoras?". A sección sindical critica que para suplir esta carencia de medios humanos, recórtanselle días de libranza ao persoal e abúsase dos contratos eventuais e en precario. Dúas cuestións que o actual prego segue sen resolver.
Recorte de persoal e de rutas
A causa destas deficiencias de persoal, engaden, os varredores e varredoras mesmo tiveron que comezar a asumir tarefas que antes realizaban brigadas especiais, como a limpeza das zonas verdes; e en moitos casos cubre zonas tan amplas que se ve obrigados a camiñar até 20 km diarios. Para visualizar o continuado deterioro do servizo, lembran que no ano 1999 saían 102 varredores "e hoxe en día só saen 68, ou que hai catro anos había 13 rutas de varrido mecánico e no novo prego contémplanse soamente 3".
Xunto a isto, a representación da CIG denuncia o lamentábel estado da maquinaria, tanto pola súa antigüidade como pola falta de mantemento axeito, e a inexistencia doutra maquinaria que no seu día foi presentada como parte do servizo.
A consecuencia de todo isto é un deterioro das condicións laborais, o aumento da contratación en precario, e unha limpeza insuficiente "na que se prioriza o beneficio empresarial e a limpeza do centro" en detrimento dos barrios. Por iso, e á vista de que o Concello non recolleu ningunha das alegación da CIG, dende a sección sindical pídeselle ao goberno municipal e á cidadanía "que non responsabilicen os traballadores e traballadoras polas deficiencias dun servizo que, atendendo ás condicións dos pregos, resulta imposíbel afrontar cun mínimo de calidade".