A Sanidade galega mobilizarase en apoio e solidariedade coa sanidade en Palestina

CIG-Saúde convoca concentracións para o 24 de abril en todas as Áreas Sanitarias
Nacional - 10 Abr 2024

A CIG-Saúde anuncia a convocatoria de concentracións en apoio e solidariedade co persoal sanitario e de axuda humanitaria de Palestina. As mobilizacións terán lugar o vindeiro día 24 de abril, ás 12:00 horas, diante da entrada principal dos sete hospitais de referencia das distintas Áreas Sanitarias.

MOBILIZACIÓNS

  • Ferrol- Hospital Universitario Arquitecto Marcide
  • A Coruña- Hospital Universitario de A Coruña
  • Santiago de Compostela- Hospital Clínico
  • Lugo- Hospital Lucus Augusti
  • Ourense- Hospital Universitario de Ourense
  • Pontevedra- Hospital Universitario Montecelo
  • Vigo- Hospital Uniersitario Álvaro Cunqueiro

O acto, convocado pola CIG-Saúde en repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas, persoal sanitario e de axuda humanitaria, conta co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina.

A CIG-Saúde fai un chamamento ao persoal da sanidade a sumarse a estas mobilización porque “non podemos ficar caladas diante do xenocidio e barbarie que outros están a consentir”.

MANIFESTO

OS HOSPITAIS DE GAZA NON SON UNHA AMEAZA!

A sanidade galega en apoio á sanidade da Palestina.

Os hospitais, centros de saúde e ambulancias non poden ser obxectivos militares.

As traballadoras e traballadores da sanidade galega queremos dicir que o persoal da sanidade da  Palestina non está só.

A CIG-Saúde, co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina, instamos ao persoal da sanidade e ao conxunto da cidadanía, a concentrarse o mércores 24 de abril ás 12 h, nas portas dos Hospitais das sete cidades de Galiza en repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas e persoal sanitario e de axuda humanitaria.

Bombardear hospitais, centros de saúde e ambulancias é un crime de guerra que converte en vítimas ás persoas que tiñan que coidar e socorrer á poboación de Palestina.

O estado de Israel está utilizando os ataques aos centros sanitarios dentro da estratexia de barbarie e xenocidio contra o podo de Palestina.

Condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina. Os ataques contra hospitais, centros de saúde e ambulancias son unha mostra desta violencia.

Segundo a propia OMS recoñece, o estado de Israel está realizando ataques sistemáticos contra hospitais, clínicas ou ambulancias tanto en Gaza como en Cisxordania.

Foron bombardeados hospitais cos corredores abarrotados de feridos, enfermos ou moribundos; coas morgues ateigadas; mentres se realizaban operacións sen anestesia e decenas de miles de gazatís desprazados estaban refuxiados ao seu amparo.

Como traballadoras e traballadores da sanidade non podemos quedar caladas fronte a esta barbarie, fronte a este xenocidio, polo que queremos mostrar o noso apoio e solidariedade co persoal da sanidade de Palestina e reclamar a fin da barbarie e do xenocidio que está a cometer o estado de Israel.

A Sanidade Galega coa Palestina

Alto aos ataques contra hospitais e persoal sanitario!

Galiza coa Palestina! Palestina vencerá!