A saída militar á crise toma cada vez máis impulso

Isidro Esnaola - 05 Mar 2024

Seica ningún dirixente europeo aprendeu nada da experiencia histórica. Coa industria militar o mundo perde non unha, senón dúas veces: unha cando deixa de fabricar produtos útiles para construír armas e outra cando inviste recursos na compra de armas que soamente teñen un destino: ser destruídas nunha guerra

 A guerra converteuse nun próspero negocio para a industria armamentística. E os gobernos occidentais parecen dispostos a seguir cebándoo para revitalizar unha economía en decadencia. Pero as armas non adoitan servir á disuasión e adoitan terminar destruídas en guerras interminábeis.

 Tras dous anos de guerra aberta en Europa, o único que prosperou foi a industria militar. Así o reflicte, por exemplo, o selectivo índice MSCI World Aerospace & Defense que subiu un 13% en 2022, mentres que o índice xeral caeu un 18%. En 2023, o índice xeral subiu un 23% diluíndo as perdas do ano anterior, pero o da industria de defensa medrou outro 15,5% máis.

 Especialmente significativos son os datos das maiores industrias da guerra. A cotización de Lockheed Martin, o maior contratista estadounidense, subiu un 22% desde xaneiro de 2022. Northrop, quinto fabricante mundial de armas, un 13%, General Dinamics un 28%. Se de media as estadounidenses medraron un 25%, as europeas fixérono máis rápido e subiron até un 75%, impulsadas polo aumento de pedidos dos gobernos europeos. Entre as máis grandes destacan as accións das alemás Rheinmetall, cuxa cotización pasou de 300 euros por acción en xaneiro a 400 o 20 de febreiro (un 33% en dous meses) e Hensoldt que subiu de 25 a 34 euros no mesmo período (un 36%).

 Nas súas previsións para este sector, Goldman Sachs sinala que o sistema estadounidense de contratos a prezo fixo, que obriga as compañías a asumiren perdas no caso de que haxa imprevistos, limita as opcións de beneficio do sector. Boeing, por exemplo, informou de que o ano pasado perdeu 139 millóns de dólares só en tres dos seus programas con prezo fixo e arredor de 1.800 millóns no seu negocio de armamento. ‘Defense News’ fíxose eco de malestar e informa de que outras grandes multinacionais como Northrop Grumman, Lockheed Martin e RTX lograron unha marca de pedidos, pero están a traspasar algúns acordos importantes a outros contratistas para evitar a pinza dos prezos fixos.

 Ante esta situación, o Pentágono decidiu presentar en febreiro a primeira Estratexia Industrial de Defensa Nacional do país. O documento debuxa o camiño cara a un ecosistema industrial de defensa modernizado, máis robusto, resiliente e dinámico. Presentado como un documento destinado a aliñar os intereses da industria e o Goberno, na práctica reduce os controis «superfluos», subliña a importancia dos plans a longo prazo e, o máis importante, sinala que a relación entre os contratistas e o Pentágono debería ser «máis predicíbel e flexíbel», o que significa que a rixidez dos pedidos pechados a prezo fixo parece que ten os días contados. Con todo, Andrew Hunter, subsecretario de adquisicións, tecnoloxía e loxística da Forza Aérea, negou durante un debate organizado por Atlantic Council que vaian desaparecer.

 En calquera caso, como ocorreu coa industria dos semicondutores ou os coches eléctricos, consideradas estratéxicas, onde o Estado está a asumir o risco dos novos investimentos, o máis probábel é que as perdas da industria militar tamén terminen sendo asumidas polo Estado e o freo do prezo fixo aos abusos do complexo militar industrial termine axiña.

 Un cambio especialmente importante nos EUA, que concentran nada menos que o 40% do gasto militar mundial, máis que os seguintes 10 países xuntos. O Goberno estadounidense prevé gastar 842.000 millóns de dólares en 2024. Un enorme negocio que ten un importante impacto na economía do país. O xefe do Pentágono, Lloyd Austin, sinalou hai pouco que «o diñeiro fluirá a través da nosa industria, creando empregos estadounidenses en máis de 30 estados».

Efecto do gasto militar sobre a economía

 En 2023 as vendas de armas estadounidenses ao estranxeiro medraron arredor dun 50%, moitas vendas compensaron o envío de antigo armamento a Ucraína. Como dixo o secretario de Estado, Anthony Blinken: «Se atendemos aos investimentos que fixemos na defensa de Ucraína […] o 90% da asistencia que proporcionamos en realidade se gastou aquí, nos EUA, nas nosas manufacturas, na nosa produción». Só entre xaneiro e o que levamos de febreiro o Goberno estadounidense aprobou 13 grandes contratos de venda que suman 38.000 millóns e que inclúe cousas tan dispares como un sistema aerostático de radar para Polonia (1.200 millóns), 40 avións F-35 a Grecia (8.600 millóns), drons de vixilancia á India (3.990 millóns), 40 avións F-16 a Turquía e a modernización doutros 79 (23.000 millóns), 8 helicópteros Black Hawk a Croacia (500 millóns) e outros contratos máis pequenos que comprenden desde mísiles aire-aire a Italia, Javelines a Kósovo ou lanchas patrulleiras a Exipto.

 A exportación de armamento converteuse nunha forma de equilibrar a deficitaria balanza comercial dos Estados Unidos co resto do mundo. A exportación de armamento, como sinalan Austin, Blinken e algunha vez apuntou tamén Jens Stoltenberg, crea empregos no EUA, co que o resto do mundo en realidade está a financiar a recuperación da economía estadounidense.

 Ademais, as compras hainas que pagar con dólares, o que permite aos EUA reducir a cantidade de dólares en mans estranxeiras. Unha cuestión cada vez máis importante tras a confiscación dos activos rusos que puxo en cuestión a fiabilidade do dólar. De feito, moitos países están a se desfacer da débeda pública norteamericana. Os dous principais posuidores desa débeda, Xapón e China, desprendéronse de case 350.000 millóns de débeda en dous anos, aínda que aínda manteñen unha importante proporción.

O programa de submarinos nucleares

 A alianza Aukus entre os EUA, Gran Bretaña e Australia é un bo exemplo do uso do armamento para desenvolver a propia industria. Segundo The Guardian, o programa custará entre un mínimo de 116.000 millóns de dólares (todo o gasto militar ruso en 2024 andará polos 100.000 millóns) e un máximo de 368.000 millóns durante os próximos 30 anos. Os primeiros anos Australia investirá preto de 3.000 millóns anuais.

 Contempla a construción de submarinos nucleares de propulsión nuclear de deseño británico, que «incorporará tecnoloxía estadounidense, como sistemas e compoñentes de propulsión, un sistema de lanzamento vertical común e armas». Deste xeito, o proxecto dará un importante impulso á industria británica –especialmente interesante agora que está en recesión– e estadounidense, que os australianos financiarán.

 O acordo incluiría, segundo Reuters, a retirada dos submarinos convencionais que utiliza Australia e a compra de tres submarinos de propulsión nuclear de clase Virginia aos EUA na década de 2030 (coa opción de comprar dúas máis). Deste xeito, os Estados Unidos non só garanten a compatibilidade dos novos submarinos australianos cos seus, senón unha ampla carteira de pedidos para a súa industria. Máis recursos australianos para crear postos de traballo estadounidenses.

 Os expertos sinalan que non ten moito sentido o uso deste tipo de submarinos se non van levar armas nucleares. Malia a tallante negativa respecto diso, todo o mundo entende que nunha situación de necesidade os ianquis terán submarinos apropiados para os seus mísiles nucleares; iso si, pagados polos australianos. Un negocio redondo.

Europa tamén aposta polas armas

 Os líderes europeos tamén viron na industria do armamento a saída a unha situación económica delicada. O chanceler alemán, Olaf Scholz, dixo durante a cerimonia de inicio de obras dunha nova planta de produción de munición do fabricante de armamento Rheinmetall en Unterlüß que «debemos pasar da fabricación á produción en masa de armamentos». Das súas palabras despréndese que o Goberno alemán fía a recuperación da economía xermana á industria militar. Unha aposta moi perigosa que Scholz xustificou cunha afirmación falsa: «Aqueles que queren a paz deben poder disuadir con éxito os agresores». As armas nunca serven para disuadir; pola contra, multiplican as posibilidades de confrontación armada.

 O presidente francés, Emmanuel Macron, aposta tamén por ese camiño. Durante unha visita á base naval de Cherburgo volveu dicir que a industria de defensa debe pasar ao «modo de economía de guerra». Outro chamamento a revitalizar a actividade económica fabricando armamento. Seica ningún dirixente europeo aprendeu nada da experiencia histórica.

 Coa industria militar o mundo perde non unha, senón dúas veces: unha cando deixa de fabricar produtos útiles para construír armas e outra cando inviste recursos na compra de armas que soamente teñen un destino: ser destruídas nunha guerra.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 26 de febreiro de 2024]