A Revolución rusa: logros, derrotas, fracasos (algunhas leccións para América Latina)
Todas as loitas coloniais, dos negros, das mulleres, das minorías e, por suposto, dos obreiros e a favor da democracia tiveron a súa fonte de inspiración na Revolución Rusa. A extensión do sufraxio en Europa da posguerra non ocorrería de non mediar a toma do Palacio de Inverno e a instauración do goberno dos soviets
As dificultades dun balance
A cen anos da Revolución Rusa é necesario reexaminar esa experiencia pola importancia que ten, de seu, o coñecemento da primeira revolución proletaria triunfante no plano nacional (a Comuna, como se lembrará, limitouse á cidade de París). Mais tamén para extraer algunhas leccións que nos parecen de suma utilidade para a análise dos desafíos que enfrontan as experiencias progresistas e de esquerda na América Latina contemporánea. Noutras palabras, non estamos propondo un exercicio de arqueoloxía política senón unha reflexión sobre un gran acontecemento do pasado as luces do poden servir para iluminar o presente.
Querería comezar expondo en primeiro lugar as dificultades que suscita calquera tentativa de realizar un balance dun proceso histórico tan complexo como unha mudanza revolucionaria. Cóntase que cando ao líder chinés Zhou En Lai foi preguntado acerca de que pensaba da Revolución francesa a súa resposta deixou pampos aos seus interlocutores occidentais: “é demasiado cedo para o saber”. O mesmo repetiu un dos seus compatriotas nun seminario convocado en París para conmemorar os douscentos anos daquela xesta de 1789[ii]. Máis aló do anecdótico, estas observacións son dun certo valor metodolóxico á hora de formularmos a mesma pregunta sobre a Revolución rusa. Cal é o seu legado? O pensamento convencional, dominado polos valores conservadores da burguesía e da academia, emite un diagnóstico terminante: aquela foi unha aberración que tiña fatalmente que culminar no totalitarismo para logo esmorecer polo peso do seu extravagancia histórica. Para autores inscritos nesa corrente interpretativa a Revolución Rusa foi unha dolorosa paréntese na hegeliana marcha de Europa cara á liberdade. Claro que unha reflexión máis sobria ofrecería unha visión diferente: a dunha revolución que transformou o país máis atrasado de Europa nunha fortaleza industrial e militar que xogou un papel decisivo na derrota do fascismo; que posibilitou erradicar a praga do analfabetismo que atinxía a enorme maioría da poboación, sobre todo a feminina, nas sombras da ignorancia e a superstición; que propiciou un desenvolvemento científico e técnico que lle permitiu neutralizar a chantaxe atómica a que fora sometida por Estados Unidos despois do holocausto de Hiroshima e Nagasaki e, coma se o anterior fose pouco, tomou a dianteira na carreira espacial co lanzamento do primeiro satélite artificial da historia[iii].
Non sería esaxerado dicir, en consecuencia, que a historia contemporánea se divide nun antes e un despois da Revolución Rusa. Non foi unha máis das tantas revoltas populares contra unha orde insoportabelmente inxusta pois marcou unha creba histórica que desde a rebelión de Espartaco viña sinalada, até a Comuna de París, coa marca da derrota. Segundo John Roemer, “a revolución bolchevique foi, coido, o evento político máis importante ocorrido desde a revolución francesa porque converteu en realidade para centenares de millóns, ou quizais miles de millóns, de persoas por primeira vez desde 1789 o soño dunha sociedade baseada nunha norma de igualdade máis que nunha norma de avaricia e ambición”[iv]. Por suposto, o pensamento convencional da burguesía, e das ciencias sociais, deu o seu veredicto e, como diciamos máis arriba, instalouno como unha verdade irrefutábel: a Revolución Rusa foi unha gran traxedia, un desgraciado erro, un monumental fracaso que provocou unha chea de pesares á humanidade. Trátase dun diagnóstico para nada inocente. Os pensadores da burguesía abalan entre dúas actitudes: ou desvívense por ignorar a Revolución, finxindo que non existiu e, cando isto é imposíbel, satanizala sen miramento ningún. O reverso desa formulación é nada menos que a reafirmación do carácter eterno do capitalismo, ou a imposibilidade da revolución, ou a súa previsíbel monstruosa dexeneración. Para os pensadores da orde vixente o anterior é proba irrefutábel de que o capitalismo é a Santísima Trindade do noso tempo: o que foi, o que é e o que será. É imprescindíbel desmontar esta terxiversación da verdade histórica.
Devalo ou continuidade do ciclo revolucionario
Nese sentido, comezaría dicindo que máis aló do vergoñento esfarelar da experiencia soviética (a máis grande revolución na historia da humanidade derrubouse sen disparar un só tiro!, lembraba Fidel) e os avatares sufridos polo que podería axeitadamente caracterizarse como o "primeiro ciclo" das revolucións socialistas, nada leva a pensar que a tentativa das masas populares de "tomar o ceo por asalto" estea definitivamente cancelada ou que co triunfo do capitalismo ante o colectivismo soviético cheguemos ao final da historia, tal como o propón Francis Fukuyama.
Dúas razóns avalan esta presunción: por unha banda, porque as causas profundas, estruturais, que produciron aquelas irrupcións do socialismo en Rusia, China, Vietnam, Cuba -irrupcións inevitabelmente prematuras, como aseguraba Rosa Luxemburgo pero non por iso necesariamente destinadas ao fracaso- seguen sendo hoxe máis vixentes que nunca. A vitalidade dos ideais e a utopía socialistas nútrense a diario das promesas incumpridas do capitalismo e da súa imposibilidade conxénita e incurábel para asegurar o benestar das maiorías. Outra sería a historia se aquel dese probas da súa aptitude para se transformar nunha dirección congruente coas esixencias da xustiza e a equidade. Mais se algo ensina a historia dos últimos trinta anos, a época de ouro da reestruturación neoliberal do capitalismo, é precisamente o contrario: que este é "incorrixíbel e irreformábel" e que se se produciron progresos sociais e políticos significativos durante a luminosa expansión keynesiana da posguerra -onde o capitalismo ofreceu todo o mellor que pode ofrecer en termos de dereitos cidadáns e benestar colectivo, como sinalou a inesquecíbel Ellen Meiksins Woods- estes non naceron da súa presunta vocación reformista senón da amenazante existencia da Unión Soviética e o temor a que as masas europeas fosen “contaxiadas” polo virus comunista que se apoderou da Rusia tsarista. Foi isto o que estivo nas bases das políticas de extensión de dereitos sociais, políticos e laborais daqueles anos e non unha convición profunda da necesidade de producir tales mudanzas. Diversos autores insistiron neste punto ao afirmaren que a fortaleza do movemento obreiro e os partidos socialistas e comunistas europeos foron amenazantes reflexos da existencia do campo socialista tras a derrota do fascismo. Pero unha vez desintegrada a Unión Soviética e desaparecido o campo socialista o suposto impulso progresista e democratizador do capitalismo esvaeuse como por encantamento. No seu lugar reapareceron a ortodoxia neoliberal e os partidos neoconservadores coa súa teima por reverter, até onde fose posíbel, os avances sociais, económicos e políticos logrados nos anos da posguerra. O resultado é unha Europa que hoxe é moito máis inxusta que hai trinta anos.
Os resultados de tales políticas foron deplorábeis, non só na periferia capitalista europea -Grecia, o Estado español, Portugal, Irlanda, etcétera- senón tamén nos países do centro que aplicaron con maior teima a receita neoliberal, como o Reino Unido e, nomeadamamente, Estados Unidos. A clave interpretativa da vitoria de Donald Trump reside precisamente niso. Como veremos máis adiante a reestruturación regresiva do capitalismo tivo connotacións sociais tan negativas que a validez do socialismo como "crítica implacábel de todo o existente" segue sendo agora tanto ou máis contundente que antes. En efecto, o capitalismo actual pódese sucintamente caracterizar por tres grandes trazos:
- a) Primeiro, unha gran concentración da riqueza, tema central da obra de Thomas Piketty que comproba como en douscentos anos o capitalismo non fixo outra cousa que acrecentar a proporción da riqueza social en mans da burguesía e aumentar a desigualdade económica[v]. Téñase en conta, a xeito de exemplificación, o seguinte:
- 8 individuos -non empresas, senón individuos- teñen a mesma riqueza que a metade da poboación mundial. Nin Marx, Engels e Lenin nos seus peores pesadelos podían imaxinar algo así. Pero iso é o que existe hoxe[vi].
- O 1% máis rico da poboación mundial ten máis riqueza que o 99 por cento restante e a tendencia non dá mostras de se atenuar senón todo o contrario[vii].
- b) Segundo, por unha intensificación da dominación imperialista a escala mundial, sobre todo despois da desintegración da URSS, para asegurar recursos económicos non renovábeis e indispensábeis para o sostemento do modelo de consumo de EUA e os países do capitalismo metropolitano.
- Unhas mil bases militares de EEUU en todo o mundo e Estados Unidos, o gxendarme capitalista mundial, convertido nunha plutocracia guerreira cuxas forzas están presentes en cada recuncho do planeta para preservar a estabilidade do capitalismo global.
- 80 bases oficialmente contadas en América Latina e o Caribe cunha tendencia crecente[viii].
- A OTAN reunindo a maior acumulación de forzas e materiais militares sobre a fronteira de Rusia desde a Segunda Guerra Mundial[ix].
- c) Unha depredación sen precedentes do ambiente -a chamada “segunda contradición do capitalismo” por James O’Connor- da natureza, e tentativas de garantir de xeito exclusivo para EUA o fornecemento de petróleo e de auga, recursos que existen en abundancia en América Latina.
Pero se efectivamente non chegamos á fin da historia consagrando o triunfo final do capitalismo e a democracia liberal e, por conseguinte, pechando definitivamente as posibilidades de novas tentativas de “tomar o ceo por asalto”; se isto é así logo, faise necesario formular unha segunda hipótese. Aínda cando o socialismo fracasase irreparabelmente nas súas diversas tentativas ao longo do século vinte, e supoñendo tamén que o capitalismo lograse resolver as súas profundas contradicións, cales son os antecedentes históricos ou as premisas teóricas que permitirían prognosticar que novas revoltas anticapitalistas non haberían producirse no futuro? Só unha absurda premisa que postule a definitiva extinción da protesta social, ou o conxelamento irreversíbel da dialéctica das contradicións sociais podería ofrecer sustento a un pronóstico dese tipo.
Leccións das revolucións burguesas
Dado que o anterior non só é improbábel senón imposíbel, unha ollada á historia das revolucións burguesas podería ser sumamente aleccionadora. En efecto, entre os primeiros ensaios que tiveron lugar nas cidades italianas a comezos do século XVI no marco do Renacemento italiano e a revolución inglesa de 1688 -a primeira revolución burguesa triunfante!- mediaron case dous séculos de intentos errados e derrotas esmagadoras. Aínda que o primeiro ciclo iniciado en Italia foi afogado no seu berce pola reacción señorial-clerical, moito máis tarde iniciaríase outro, no norte de Europa, caracterizado por unha longa cadea de exitosas revolucións burguesas.
Ante isto, xorde a pregunta: por que supoñer que as revolucións anticapitalistas terían só un ciclo vital, esgotado o cal desaparecerían para sempre da escena histórica? Non existe fundamento ningún para soster a devandita posición, salvo que se adhira á xa mencionada tese da "fin da historia" que, dito sexa de paso, non a sostén ningún estudoso medianamente serio destes asuntos.
Sendo isto así, por que non pensar que estamos ante un refluxo transitorio -que podería ser prolongado, como no caso das revolucións burguesas; ou non, debido á aceleración dos tempos históricos- máis que ante o ocaso definitivo do socialismo como proxecto emancipador? De feito, un dos trazos da crise actual é que xurdiu produto das contradicións internas, irresolúbeis, xeradas pola desorbitada financeirización do capitalismo e o seu desastroso impacto sobre a economía real. A caida do 2008 -da cal aínda as economías capitalistas non se recuperaron- non foi provocado por unha vaga de folgas ou grandes mobilizacións de protesta en Estados Unidos ou en Europa Occidental senón pola dinámica das contradicións entre as diversas fraccións do capital. Porén, o seu resultado foi que, por primeira vez no mundo desenvolvido, as vítimas do sistema recoñeceron que o causante dos seus padecementos (desemprego, caída de salarios reais, desaloxos hipotecarios, etcétera) xa non eran os malos gobernos (que, por certo, hainos), ou situacións simplemente conxunturais senón que o gran culpable era o capitalismo. Iso foi o que formularon os “indignados” en Europa e o movemento Occupy Wall Street en Estados Unidos, o cal revela un inédito salto na conciencia popular e unha promisoria evolución ideolóxica que lles permite identificar con claridade a natureza do sistema que os oprime e explota.
Retomando o fío da nosa argumentación acerca dos ciclos das revolucións sociais gustaríanos expresar o noso acordo coa postura adoptada polo “marxista analítico” John Roemer cando afirma que o destino dun experimento socialista moi peculiar, o modelo soviético, "que ocupou un período moi curto na historia da humanidade", para nada significa que os obxectivos a longo prazo do socialismo, a saber: a construción dunha sociedade sen clases, estean condenados ao limbo do imposíbel. Tal visión é considerada por este autor como "miope e anti-científica": (a) porque confunde o fracaso dun experimento histórico co destino final do proxecto socialista; (b) porque subestima as transformacións radicais que a soa presenza da Unión Soviética produciu no noso século e que, a través de complexos percorridos, fixeron posíbel un certo avance na dirección do socialismo. Di Roemer:
“Partidos socialistas e comunistas deron en formarse en cada país. Sería moi difícil avaliar os efectos globais deses partidos na organización política e sindical dos traballadores, na loita antifascista dos anos trinta e corenta, e na loita anticolonialista dos anos de posguerra. Pero ben podería ser que a chegada do Estado de Benestar, a socialdemocracia e a fin do colonialismo se deban, na súa xénese, á revolución bolcevique”[x].
É máis, tal como sinala Doménico Losurdo, no texto xa mencionado, todas as loitas coloniais, dos negros, das mulleres, das minorías e, por suposto, dos obreiros e a favor da democracia tiveron a súa fonte de inspiración na Revolución Rusa. A extensión do sufraxio en Europa da posguerra non ocorrería de non mediar a toma do Palacio de Inverno e a instauración do goberno dos soviets. É dicir, que a mesma democracia burguesa recibiu un impulso decisivo desde a afastada Rusia. Ademais, o xenio político de Lenin permitiu romper as artificiais barreiras que separaban as loitas dos negros e os brancos; dos europeos e das “nacións agrarias” e os asiáticos. En suma: o revolucionario ruso converteu todas as loitas particulares nunha soa gran loita universal pola construción dunha nova sociedade. Mesmo se pode dicir, con probas na man, que o proceso de “desegregación racial” en Estados Unidos foi decisivamente influído pola soa existencia da Unión Soviética. A Corte Suprema de Estados Unidos que reiteradamente sancionara a legalidade da segregación nas escolas públicas dese país ata 1952 cambiou de opinión ese ano tras recibir diversos informes que demandaban iso porque, dicían, o sostemento da segregación de nenos negros e brancos nas escolas públicas alimentaba a campaña comunista da URSS e desalentaba os amigos de Estados Unidos[xi].
Fracasos ou derrotas?
Agora ben: alén de todo o anterior hai un tema central a dilucidar e é establecer unha distinción entre o “fracaso” dun proxecto reformista ou revolucionario e a “derrota” deste. É razoábel dicir que todas as experiencias do século pasado en realidade fracasaron (tese que sosteñen entre outros John Holloway, Michael Hardt e Antonio Negri) ou non sería logo máis apropiado dicir que foron derrotadas? O fracaso supón un problema esencialmente endóxeno; a derrota remite a unha loita, un conflito, unha oposición externa que se enfronta ao proxecto emancipatorio. Fracaso polas miñas propias limitacións e debilidades; son derrotado cando alguén se opón aos meus designios. Aínda que existe un claroscuro, unha área difusa intermedia na cal fracaso e derrota se confunden, é posíbel, porén, establecer a predominancia dun ou da outra. No caso da Revolución Rusa é indubidábel que o proceso adoeceu de graves incoherencias internas, especialmente tras a morte de Lenin, pero tamén o é que se desenvolveu baixo as peores condicións imaxinábeis: a crise e a devastación da primeira posguerra, a guerra civil e a intervención, nelas, dunha vintena de exércitos foráneos que asolaron o país, e logo, estabilizada a situación, a industrialización forzada, a colectivización forzosa do agro e a invasión alemá coa súa secuela de destrución e mortes. Baixo esas condicións, falar de “fracaso” é polo menos un exceso da linguaxe e unha infame acusación política. Vindo ao caso de América Latina, até que punto se podería dicir que a experiencia da Unidade Popular no Chile de Allende foi un fracaso? Moito máis apropiado sería dicir que foi un proxecto derrotado, por unha coalición de forzas locais e internacionais baixo a dirección xeral de Washington que desde a noite mesma do triunfo de Salvador Allende o 4 de Setembro de 1970 ordenou, por boca do seu presidente Richard Nixon, “facer que a economía chilena se laie. Nin un parafuso para Chile”. Que sentido ten, daquela, que algúns autores falen do “fracaso” da revolución cubana, acosada e asediada por máis de medio século de bloqueo económico, comercial, diplomático, informático e mediático? E como caracterizar o ocorrido en China e Vietnam? Poderíase dicir sen máis que son casos de “fracaso” do socialismo? É posíbel xa emitir un veredito definitivo? Por que non pensar, en cambio, que a Revolución Rusalogrou éxitos extraordinarios malia tan difíciles condicións: alfabetización masiva, promoción da muller, industrialización, defensa da patria, derrota do fascismo. Pode chamarse a isto un fracaso? Por que non revisar a nosa concepción do proceso revolucionario, deixando de lado a moi popular imaxe que o concibe como unha frecha que ascende rauda e ininterrompidamente desde o pútrido chan do capitalismo cara ao diáfano ceo do comunismo? Álvaro García Linera reflexionou moito sobre o tema, e nun dos seus ensaios di algo que convén ter moi en conta: “Cando Marx analizaba os procesos revolucionarios, en 1848, sempre falaba da revolución como un proceso por vagas, nunca como un proceso ascendente ou continuo, permanentemente en ofensiva. A realidade daquela e a actual mostran que as clases subalternas organizan as súas iniciativas históricas por temporalidades, por vagas: ascendentes un tempo, con repregues temporais despois, para logo asumir, novamente, grandes iniciativas históricas[xii]”. Ou, como di noutra das súas intervencións, o destino dos loitadores sociais non é outro que o de “loitar, vencer, caer, levantarse, loitar, vencer, caer, levantarse” até o fin. Esa é a dialéctica da historia e iso é o que unha correcta epistemoloxía non pode deixar de reflectir nas súas análises. Avances, estancamentos, retrocesos, novos saltos adiante, detencións, outros avances e así sempre. Ese é o movemento real, non ilusorio, da historia.
Entón, como explicar entón a caída da Revolución Rusa? Non é tarefa para asumir aquí pero si deberiamos enunciar uns poucos elementos causantes do seu colapso. Por suposto, a dexeneración burocrática da URSS xa era un factor sumamente negativo advertido por Lenin nos seus últimos escritos[xiii], como tamén o era a política de “coexistencia pacífica” e a tentativa de emular as formas produtivas do capitalismo. Isto sinalouno coa súa habitual fereza o Che Guevara na súa crítica aos manuais de economía da URSS, os “ladrillos soviéticos” como el os denominaba[xiv]. Pero ademais disto estivo a Terceira Revolución Industrial (microelectrónica, informática, automatización, toyotización, etcétera) que se erixiu nun enorme atranco para un modelo económico fordista, de total estandarización da produción en masa que pola súa rixidez burocrática e a enorme asignación de recursos para a defensa non se puido adaptar ás novas condicións de desenvolvemento das forzas produtivas. A intensificación das presións militares en contra da URSS, que chega ao seu paroxismo coa “guerra das galaxias” de Reagan, obrigou a Moscova a desviar inxentes recursos para se defender ante a belicosidade estadounidense. A isto engádese o ataque combinado do máis formidábel tridente reaccionario do século vinte: Ronald Reagan, Margaret Thatcher e Xoán Paulo II, protagonistas dun ataque político e cultural de devastadores efectos xa dentro das fronteiras do campo socialista onde non por casualidade a Igrexa Católica elixira un Papa polaco para desde aí socavar a estabilidade das democracias populares do Leste europeo. Por suposto, a consideración destas cuestións excede dabondo os límites deste traballo, pero non queriamos deixar pasar inadvertido este crucial asunto. Súmese iso a abraiante ineptitude da dirección soviética para explicar que era o que se estaba facendo na era postestalinista, con Mikhail Gorbachov á cabeza, e que sentido tiñan todas esas mudanzas e cara a onde se dirixía o país. Noutras palabras, nin o partido nin os soviets eran xa organismos viventes senón espectros ambulantes sen ningunha capacidade de expresión da realidade social.
Sete teses sobre política, reformismo e contrarrevolución en América Latina
Gustaríame, para rematar, concluír esta breve reflexión formulando algunhas leccións de interese para as loitas actuais na nosa América. E fareino enunciando unha serie de teses, asumindo que son correctas lembrando aquel pioneiro traballo dun gran sociólogo e antropólogo mexicano, Rodolfo Stavenhagen, xustamente denominado “Sete teses erradas sobre América Latina” e nas que demolía meticulosamente o saber convencional das ciencias sociais dos anos cincuenta e sesenta[xv]. Por iso me pareceu conveniente aclarar que, neste caso, confío en que estas teses sexan correctas aínda que sempre é conveniente ter a mente aberta para admitir cuestionamentos, reflexións ou experiencias concretas que poderían obrigar a reformulalas.
Non é casual que deamos en facer esta sistematización ao cumprírense cen anos dun acontecemento que Hegel sen dúbida caracterizaría como “histórico-universal”: a Revolución Rusa. A súa sorpresiva irrupción na historia, o seu triunfo, a súa contribución á democratización universal (tema negado polo saber convencional da ciencia política), a súa dexeneración e posterior derrota abren, un século despois, numerosos interrogantes de gran actualidade. Pero non só ela. Outros exemplos históricos de América Latina son igualmente fonte de inspiración para estas breves páxinas onde estas teses serán apenas enunciadas e que confío serán motivo dun traballo de máis longo alento a realizar nos próximos meses.
Sen máis preámbulos pasamos entón á consideración das teses.
- a) Primeiro, como en Rusia, como en Chile, calquera proxecto, aínda os de natureza mornamente reformista, desatarán nos nosos países unha virulenta resposta dos axentes sociais da orde e a conservación. No caso de América Latina e o Caribe, dada a excepcional importancia estratéxica que a rexión ten para o imperio e a longa historia de dominación oligárquica, non fai falta unha revolución para desencadear unha sanguenta contrarrevolución[xvi]. Calquera idea en contra, ou toda negación desta, diriamos, lei fundamental da revolución, é unha perigosa ilusión. Lembremos o acontecido en numerosos experimentos reformistas en países tan diversos como Guatemala 1954, Brasil 1964, República Dominicana 1965, Arxentina 1966 e 1976, Chile 1973, e o que veu ocorrendo en datas recentes en Bolivia 2008, Honduras 2009, Ecuado, 2010, e Venezuela a pouco de iniciado o proceso bolivariano co golpe do 11 de abril do 2002, o paro petroleiro de fins dese mesmo ano até febreiro de 2003, a abstención insurreccional da oposición que non presentou candidatos á elección da Asemblea Nacional en 2005 e a escalada de violencia iniciada despois da morte de Chávez, procesos todos estes que foron bañados en sangue. Lula unha vez observou que en Brasil a oligarquía é tan racista e reaccionaria que o só feito de ver a un negro ou un mulato subir a un avión lle provoca un odio visceral capaz de incitala a cometer os máis horrendos crimes. Por exemplo, prender lume a un indio polo só feito de selo, como se fixo en Brasilia nos anos que era presidente, ou a mozos sospeitosos de “portación de cara incorrecta”, como o perpetrou a “oposición democrática” en Caracas en polo menos tres oportunidades.
- b) Segundo, en contextos reformistas, progresistas e moito máis, nos marcos dunha revolución, sería fatal caer na ilusión de pensar que existe oposición leal. A dereita non coñece o que é iso: a súa deslealdade é permanente e incurábel. Aquí e en todas as partes cando non é goberno a dereita sempre é conspirativa e destituínte. Como lembrou Maquiavelo, os ricos endexamais van deixar de ver a calquera gobernante como un intruso, aínda aqueles que se desviven por compracelos. Moito máis se quen leva as rendas do estado ten a ousadía de promover políticas contrarias aos seus intereses. E, ameazada, aínda que sexa superficialmente por iniciativas reformistas, o tránsito desde a oposición institucional á contrarrevolución violenta efectúase en moi pouco tempo. A resposta á contrarrevolución e as súas estratexias criminais e violentas non pode ser a mesma que se concede, en épocas normais, á oposición. Venezuela é, outra vez, un exemplo das consecuencias que tivo o feito de non reaccionar coa suficiente enerxía ante as tácticas violentas da fracción extremista e terrorista da oposición. Esta política, inspirada no propósito de evitar o escalamento da violencia, tivo por resultado exactamente iso e colocou o país á beira dunha guerra civil. Por outra banda, ao non defender axeitadamente a orde pública mediante a represión legal dos violentos facilitou que o sector extremista se convertese durante meses na fracción hexemónica da oposición, subordinando e intimidando a forzas opositoras que seguían apostando polos dispositivos institucionais. O resultado foi unha longa demora na pacificación do país, e un moi elevado número de mortos, feridos e propiedades públicas e privadas destruídas pola violencia desatada polo sector terrorista da oposición, e ademais isofavoreceu as campañas internacionais de satanización do goberno de Nicolás Maduro[xvii].
- c) Terceiro, todo proceso de cuestionamento do capitalismo no plano nacional orixina unha resposta internacional, porque o capitalismo é un sistema-mundo, ao dicir de Immanuel Wallerstein, marcado polo imperialismo, con ramificacións locais pero completamente internacionalizado e que ten un “Estado Maior” que se reúne anualmente en Davos e un conxunto de institucións de alcance planetario que funcionan como os cans gardiáns que custodian os privilexios e as prerrogativas do capital. Casos concretos: o FMI, o BM, a Organización Mundial do Comercio, a Comisión Europea, ás cales hai que engadir organizacións informais como o grupo Bilderberg e a agora desfalecente Comisión Trilateral. Defender estes procesos transformadores, polo tanto, só poderá facerse construíndo unha acaída correlación internacional de forzas. Pode ser un país grande, como o foi a República Soviética nos primeiros anos da revolución; ou pequenísimo, como a illa de Granada, no Caribe, mais a resposta da “internacional burguesa” será sempre a mesma: esmagar as forzas insurxentes, cortar de raíz ese proceso e evitar a propagación do virus revolucionario. E se para iso é necesario destruír un país destruirao sen miramento ningún. Fíxolo, pero non de xeito irreversíbel, en Rusia; fíxoo por completo en Granada, e estao facendo infrutuosamente en Cuba desde 1959 e en Venezuela nos últimos anos.
Aínda que na academia o tema do imperialismo non se ten case nunca en conta, os voceiros da política de Estados Unidos saben que isto é así. Dúas perlas apenas para ratificar o dito: as declaracións de Karl Rove, principal conselleiro do presidente George W. Bush cando dixo “Nós agora somos un imperio, e cando actuamos creamos a nosa propia realidade. E mentres vostede está estudando esa realidade -se quere, profundamente- nós actuaremos outra vez, creando outras novas realidades que vostede pode estudar tamén. Nós somos os actores da historia, e vostede, todos vostedes, deberán conformarse con só estudar o que nós facemos”[xviii]. E a máis recente, de apenas estes días, do Secretario de Estado de Donald Trump, Rex Tillerson, cando dixo que “EEUU di que está estudando a forma de derrocar a Maduro. As diferentes axencias de información e intelixencia de Estados Unidos están avaliando que accións poden levar adiante para forzar o presidente de Venezuela a abandonar o poder de forma voluntaria ou impoñer un cambio de Goberno no país”[xix].
A omnipresencia do imperialismo é tan desacougante que terminou por ser naturalizada. É como o aire: está en todas as partes e se cadra por iso é que se volve invisíbel. A inmadurez política das forzas populares aínda non comprendeu esta importante lección e non perciben a forma en que o imperialismo actúa de xeito coordinado e nun taboleiro de xadrez planetario. Abonda para iso contrapoñer a organicidade de Davos coa absoluta inorganicidade do Foro Social Mundial, que nunha opción suicida votou en contra da creación dun organismo de coordinación mundial das loitas populares, por temor a reeditar a experiencia da Terceira Internacional. O internacionalismo das forzas populares é condición necesaria para librar esta batalla exitosamente. De aí a importancia das ideas de Fidel, do Che e de Chávez que se plasmaron na UNASUR e a CELAC e noutras iniciativas integradoras e latinoamericanistas.
- d) Cuarto: a existencia dun partido revolucionario, o “Príncipe Colectivo” de Gramsci, é esencial para o éxito do proceso revolucionario. Isto non significa asumir como modelo de partido o teorizado por Lenin no Que Facer? (un dos catro modelos de partido do autor), pero si dunha formación política preparada ideolóxica e practicamente para asumir a dirección do proceso. A ausencia dese partido (na Bolivia da Asemblea Popular de Juan José Torres en 1971, ou en Venezuela antes da creación do PSUV); a súa fragmentación (os seis partidos da UP en Chile); ou a dilución ou abandono das súas ideas, como ocorrería co PT en Brasil ou a SD en Europa e en América Latina (o PRI en México, o APRA no Perú, Liberación Nacional en Costa Rica) en calquera das súas variantes é fatal para o futuro do proceso revolucionario. Isto non significa minimizar outros formatos de organización política, como os movementos sociais, cos cales é imprescindíbel lograr unha virtuosa articulación. Pero á hora de propugnar a conquista do poder estes non poden substituír o “Príncipe Colectivo” capaz de ofrecer unha visión totalizadora e integral do proxecto emancipatorio, superadora dos particularismos dos movementos e das enormes limitacións do espontaneísmo das masas, capaz de producir heroicas accións de rebelión e resistencia pero incapaz de asegurar a conquista do poder, o problema número un de toda revolución segundo os clásicos do marxismo.
- e) Quinto: a educación, a concienciación política ao estilo Paulo Freire é unha condición esencial do triunfo de calquera proxecto reformista ou revolucionario. É o que propón Lenin na súa cuarta teorización sobre o partido: a primeira plásmase no Que Facer?; daquela o POSDR-bolxevique como partido típico da II Internacional; na inminencia da Revolución Rusa aparece a terceira teorización, e o partido eclípase e o protagonismo asúmeno os Soviets; a cuarta teorización, a comezos dos anos vinte ten o partido como educador, como formador da nova civilización, creador do “home novo” do Che[xx]. E esta é a tarefa fundamental, que infelizmente non fixeron, ou fixeron de xeito incompleto e mal, os procesos emancipatorios do “ciclo progresista” que se iniciou coa chegada de Hugo Chávez Frías á presidencia de Venezuela. En todas estas experiencias caeuse no erro de pensar que o “boom de consumo” crearía conciencia política; que os gobernos que se esmerasen en realizar unha gran política social que sacase da pobreza extrema a millóns de persoas recollerían a lealdade e a gratitude dos redimidos. Lográrono, pero só parcialmente porque unha parte significativa deses sectores populares incorporados ao consumo e empoderados con novos dereitos non se identificaron cos gobernos que acudiran a socorrelos nin pecharon fileiras en torno das súas organizacións partidarias ou os seus candidatos. Un sector nada desbotábel, cegado polo seu renovado poder adquisitivo, fixo súas as aspiracións e orientacións político-ideolóxicas dos conservadores sectores medios. En palabras de Frei Betto, estes procesos progresistas máis que cidadáns crearon consumidores, e estes actuaron politicamente en consecuencia. Imitaron non só as pautas de consumo das camadas medias senón tamén as súas orientacións políticas.
- f) Sexto: para que o partido e o goberno dunha revolución poidan cumprir a súa misión histórica requírese dun teimudo esforzo para evitar a deformación burocrática e fortalecer o debate e a democracia protagónica de base. Esta dexeneración ten fondas raíces sociolóxicas e non é nada doada de contrarrestar. Lenin decatouse da gravidade do problema nos últimos anos da súa vida. Mao advertiuno a tempo e por iso lanzou a súa Revolución Cultural concibida para abortar a deformación burocrática da revolución chinesa. Era unha idea correcta pero que desatou unha dinámica política que se lle escapou das mans e produciu consecuencias desastrosas. Pero, insisto, a loita contra o burocratismo e o substitutivismo, cando a dirección reempraza o protagonismo da base, é unha tarefa de excepcional importancia. O anterior é tanto máis importante se se lembra que o estado, todo estado, aínda o revolucionario, é unha institución que abriga no seu seo tendencias esencialmente conservadoras. A burocracia éo, e non hai estado sen burocracia e a lóxica weberiana desta fai que o funcionariado, aínda o dos estados revolucionarios, chegue mesmo a ser pouco amigábel cos procesos de mudanza, desconfíe da iniciativa das masas, prefira as discusións “a portas pechada” e manifeste unha tendencia a buscar solucións “técnicas” cando toda a vida social está inzada da política. Isto supón, en consecuencia, que os gobernos progresistas deben alentar a organización autónoma da base popular. Cuestión moi difícil porque aínda os gobernos máis radicais se senten ameazados cando as súas propias organizacións, identificadas co proxecto emancipatorio, actúan de xeito independente e temen os efectos desestabilizadores que se poderían derivar das súas demandas. Eeste pode ser un problema, sen dúbida. Pero outro máis serio é cando esas organizacións de base están controladas “desde arriba” e maniatadas polo poder porque, en tal caso, a súa utilidade política é igual a cero. A súa debilidade e a súa docilidade ante as políticas gobernamentais lonxe de fortalecer o goberno terminan debilitándoo. É unha dialéctica complexa e difícil, e a reacción dos gobernantes sempre é de suma suspicacia en relación a este tema. En liña con isto por algo dicía Chávez: “Comunas ou nada!”.
- g) Sétimo: cómpre lembrar que unha cousa é o acceso ao goberno e outra completamente distinta, moito máis ardua, a conquista do poder do estado. Este é a engrenaxe de forzas sociais das clases dominantes nas súas diversas expresións: na economía, a política, a prensa, as forzas armadas, as institucións xudiciais, os gobernos locais, a igrexa, etcétera. É o que na ciencia política norteamericana autores como Peter Dale Scott chaman “deep state”, un goberno na sombra, electo por ninguén, responsábel ante ninguén, que non debe render contas e que articula os intereses máis poderosos da sociedade. Chegar ao goberno é un bo paso adiante, mais se non se complementa coa dinámica asoballante da rúa, é dicir, coa organización e mobilización política das clases e camadas populares e a súa concienciación, é ben pouco o que un goberno de esquerda poderá facer. A neutralización, esterilización ou expropiación daquelas fontes non democráticas de poder político é esencial para garantir o futuro de calquera reforma e moito máis de calquera revolución. Se cadra, un dos trazos máis salientábeis da conxuntura actual en países como Brasil, Arxentina e Perú sexa o feito de que o poder real e os seus axentes conquistaron o goberno, revietendo un proceso inconcluso polo cal as forzas de esquerda que chegaran ao goberno fracasaron nos seus proxectos -no caso de que os tivesen- de conquistar o poder.
Nada disto é novo. Xa o dicía con toda clareza Maquiavelo cando observaba que a grandeza da república romana repousaba sobre o equilibrio entre o Senado (é dicir, a nobreza) e o Tribuno da Plebe, ou sexa, o pobo. En termos contemporáneos diriamos o acaído balance entre as institucións do estado e a rúa. Pregunta: era a situación económica do Brasil moito peor que a que caracterizaba a Venezuela en 2016? Non. E daquela, por que caeu Dilma, indefensa, ante unha caterva de bandidos e corruptos como os que a xulgaron e depuxeron da presidencia e en cambio non caeu Maduro, acosado por unha ofensiva política, diplomática e mediática no medio dunha gravísima crise económica? Resposta: porque cando o bolivariano sae ao balcón do Palacio de Miraflores ten un millón de seguidores dispostos a pelexar polo seu goberno e cando Dilma abría o balcón do Palacio do Planalto na praza só estaba o xardineiro facendo o seu traballo. O seu goberno e o de Lula desmobilizaran todas as organizacións populares, comezando polo PT, seguindo pola CUT e así sucesivamente. E cando as hienas do mercado se abalanzaron sobre Dilma a presidenta estaba indefensa, a mercé dos seus verdugos.
Conclusión
O exposto máis arriba permite apreciar como algúns dos problemas que atinxirón á Revolución Rusa desde os seus inicios se reproducen, por suposto que con características diferentes tendo transcorrido un século, nos procesos reformistas e emancipatorios de América Latina. Os actores non son os mesmos; o sistema internacional experimentou fondas mutacións; o marco xeopolítico latinoamericano que nos sitúa como o “patio traseiro” do imperio é radicalmente distinto ao que prevalecía en Rusia co triunfo da revolución, mais a dinámica da loita de clases e a súa expresión no plano do estado e, como dicía Gramsci, e das “superestruturas complexas” revela abraiantes paralelismos e recorrencias que constitúen útiles leccións que sería polo menos imprudente non ter axeitadamente en conta e que conforman a andamiaxe básica do que con certa cautela poderiamos considerar como unha “socioloxía das revolucións”.
A un século do emblemático canonazo do Aurora a nosa rexión enfronta unha encarnizada contraofensiva imperialista disposta a varrer cos avances rexistrados desde finais do século pasado. O proxecto norteamericano non podería ser máis ambicioso: pechar a odiosa (para Washington, por suposto) paréntese aberta pola Revolución Cubana e restablecer a “normalidade” no hemisferio, entendida esta como unha dócil colección de gobernos submisamente pregados aos designios, mandatos e prioridades da Casa Branca. Para evitar tan fatídico desenlace será preciso facer memoria e lembrar as ensinzanzas dos pais fundadores da Patria Grande: Bolívar, San Martín, Artigas e tantos outros, e máis tardiamente, as de Martí. Pero tamén tomar nota dos avatares corridos por outros procesos revolucionarios, e o caso da Revolución Rusa por moitos motivos é dunha especial transcendencia para os nosos pobos. Neste traballo procurei explorar ese terreo, na esperanza de que outros se sumen a esta empresa colectiva para, a partir do coñecemento da experiencia soviética, poder discernir as formas máis efectivas para afondar e radicalizar os nosos procesos emancipatorios e evitar cometer algúns erros que, como o demostran os casos de Arxentina e Brasil, están ocasionando grandes sufrimentos aos nosos pobos e ameazan con desandar o camiño percorrido nas últimas dúas décadas.
_____________________________________________________________________________
[i] Sociólogo, Politólogo. Membro do Comité Central do Partido Comunista da Arxentina (PCA).
[ii] Efectivamente, a Revolución Francesa legounos a Declaración Universal dos Dereitos do Home e do Cidadán, a consigna de “liberdade, igualdade, fraternidade”, a república como forma política mais tamén o colonialismo en África e en Indochina, a cruel vinganza en contra de Haití por ter tomado en serio as bandeiras da Revolución Francesa, a salvaxe represión da Comuna e a tortura “científica” aplicada sen escrúpulos na Guerra de Alxeria.
[iii] Estendería desmedidamente este traballo a enumeración da gran cantidade de estudos e libros publicados sobre a Revolución Rusa. Abonde para os efectos desta presentación mencionar ademais dos clásicos textos de V. I. Lenin, León Trotsky e Rosa Luxemburgo o monumental estudo de E. H. Carr, Historia de la Rusia Soviética (sobre todo os tres primeiros tomos); John Reed, Diez días que estremecieron al mundo (Madrid: Akal, xcxcxc); Víctor Serge, El año I de la Revolución Rusa (México: Siglo XXI Editores, xvxvxvxv); Catherine Merridale, El tren de Lenin. Los orígenes de la revolución rusa, (Crítica, 2017); Edmund Wilson, Hacia la estación de Finlandia (Madrid: Alianza, 1972); Barrington Moore Jr. , Terror and Progress. Some sources of change and stability in the Soviet dictatorship (Cambridge, Mass. : Harvard University Press, 1954); Domenico Losurdo, Stalin. Historia y crítica de una leyenda negra ( Madrid: El Viejo Topo, 2011); Juan Andrade e Fernando Hernández Sánchez, compiladores, 1917. La Revolución Rusa cien años después (Madrid: Akal, 2017); Osvaldo Bertolino e Adalberto Monteiro, compiladores, 100 Anos da Revolução Russa. Legados e Lições (São Paulo: Editora e Livraría Anita e Fundação Mauricio Grabois, 2017); Isaac Deutscher, Stalin, biografía política (México: ERA, 1965) Sheila Fitzpatrick, La Revolución Rusa (México: Siglo XXI Editores, 2005), entre tantos outros.
[iv] Roemer, John E., A Future For Socialism (Londres: Verso, 1994), p. 25.
[v] Ver o seu El Capital en el siglo XXI (México: FCE, 2014). A resultados coincidentes chega, desde unha perspectiva marxista, Xabier Arrizabalo Montoro. Ver o seu salientábel libro Capitalismo y Economía Mundial (Madrid: Instituto Marxista de Economía, 2014).
[vin] Trátase de Bill Gates, Amancio Ortega, Warren Buffett, Carlos Slim, Jeff Bezos, Mark Zuckerberg, Larry Elisson e Michael Bloomgberg.
[vii] Informe de Oxfam á Cimeira Cume de Davos, xaneiro 2016.
[viii] Sobre isto ver o noso América Latina en la Geopolítica del Imperialismo (Bos Aires: Ediciones Luxemburg, 4ª edición, 2014). Infelizmente, hai negociacións en curso entre o goberno de Mauricio Macri e a Casa Branca tendentes a consentir a instalación de tres novas bases militares estadounidenses en territorio arxentino.
[ix] Sobre a OTAN e América Latina ver de Mahdi Darius Nazemroaya, Otan. La globalización del terror (prólogo de Atilio Boron) {Managua, 2015}
[x] Roemer, op cit. pp. 25-26
[xi] As reflexións feitas nestas páxinas foron inspiradas, en bo grao, pola lectura da xa mencionada antoloxía recentemente publicada en Brasil por Osvaldo Bertolino e Adalberto Monteiro e polas discusións habidas no Seminario Internacional que sobre o tema se organizou en xuño deste ano pola Universidade Federal de Río de Janeiro, a quen lle agradezo a oportunidade de participar no devandito evento.
[xii] “Fin de ciclo progresista o proceso por oleadas revolucionarias”, en Rebelión, 24 de xuño de 2017. Dispoñíbel en: http://www. rebelion. org/noticia. php?id=228311
[xiii] Ver V. I. Lenin, Contra la burocracia e, no mesmo tomo, Diario de las Secretarias de Lenin (México, Pasado y Presente, Nº 25, 1977).
[xiv] Sobre a “coexistencia pacífica” ver a súa “Carta aos pobos do Mundo na Tricontinental”; sobre a economía da Unión Soviética, ver a recompilación das súas notas nun texto tan incisivo como mordaz: “Apuntes Críticos de Economía Política” (A Habana, Ocean Press, 2006).
[xv] En Política Externa Independente, publicación trimestral de Editora Civilizaçao Brasileira S. a. , Nº 1, maio, 1965.
[xvi] Cf o noso Estado, capitalismo y democracia en América Latina (Bos Aires: CLACSO, 2003).
[xvii] O 2 de agosto do 2017, un par de días despois de realizada a elección á Asemblea Nacional Constituínte, o dirixente de Acción Democrática, Henry Ramos Allup, declarou a súa intención de se presentar como candidato nas eleccións de gobernador que serán efectuadas en decembro do corrente ano. Deste xeito, desmárcase claramente da fracción terrorista encabezada por Leopolo López, María Corina Machado, Henrique Capriles Radonsky e Freddy Guevara. Moitos outros seguirán os pasos de Ramos Allup. De todos os xeitos non deixa de chamar a atención que a violencia cesase da noite para a mañá, o que confirmaría as sospeitas de que unha parte dos revoltosos -non os que se manifestaban pacificamente- eran mozos paramilitares ou sicarios contratados para cometer toda clase de falcatruadas coa complicidade das autoridades municipais controladas pola dereita. Se cadra , esgotouse o financiamento e as protestas “espontáneas” da oposición, “desa” oposición violenta e criminal, cesaron de inmediato unha vez que o diñeiro deixou de fluír.
[xviii] Entrevista concedida a Ron Suskind, NYTimes Magazine, outubro. 17, 2004), citada en Karen van Wolferen, “Karl Rove’s Prophecy: “We’re an Empire Now, and When We Act, We Create our Own Reality”, en http://www. globalresearch. ca/karl-roves-prophecy-were-an-empire-now-and-when-we-act-we-create-our-own-reality/5572533
[xix] http://www. publico. es/internacional/crisis-venezuela-secretario-eeuu-dice-estudiando-forma-derrocar-maduro. html
[xx] Examinamos polo miúdo este asunto das catro versións da teoría leninista do partido na nosa longa “Introducción” ao ¿Qué Hacer? (Bos Aires: Ediciones Luxemburg, 2004).
____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do blog do autor, do 16 de novembro de 2017]