A revolución de traballadores e soldados que cambiou Portugal
A Revolução dos Cravos, na súa xénese mesma, foi unha revolución internacional, o froito da combinación da revolución anticolonial africana e do crecente cansazo dos portugueses cara a un réxime fascista que non tiña sentido para a xente máis nova
Resulta curioso, a participación no Festival de Eurovisión foi clave na revolución que acabaou con décadas de fascismo en Portugal. En 1974, o país luso foi representado pola balada “E depois do adeus”, só obtivo 3 puntos e quedou igualada no último posto, eclipsada polo cuarteto sueco ABBA que arrasou coa súa canción “Waterloo”. Pero a diferenza da balada de Paulo de Carvalho, ABBA nunca desencadeou unha revolución.
Presentada por unha palabra en clave do locutor, soou nunha das cadeas de radio de Lisboa ás 22:55 do 24 de abril de 1974. Non levantou ningunha sospeita, non era unha canción de protesta, non era un himno da revolución como “Grândola, Vila Morena” do cantautor José Zeca Afonso, que tamén soou esa noite, ás 00:25 en Rádio Renascença, tras ser prohibida durante anos. Pero era o sinal que o Movemento de Capitáns, un grupo de oficiais do exército, na súa maioría de entre 20 e 30 anos, estivera esperando para derrocar, en 24 horas, o réxime fascista que estivera no poder desde 1926, axudado por unha brutal policía secreta que torturou e matou os seus opoñentes.
Planificada en África
Un golpe de estado en 1926 trouxo a ditadura a Portugal, que foi gobernada con puño de ferro por António de Oliveira Salazar. Despois de sufrir un derrame cerebral en 1968, foi substituído polo exministro do seu gabinete Marcello Caetano, pero o estado autocrático, o Estado Novo, sobreviviu durante seis anos máis, aferrándose ás súas colonias moito despois de que outras potencias europeas abandonasen as súas.
A descolonización foi fundamental para a misión progresista dos capitáns en 1974. Moitos deles serviran nas desapiadadas e prolongadas campañas militares de Lisboa contra os movementos independentistas en Angola, Moçambique e Guiné Bissau, guerras inútiles e indefendíbeis, libradas á custa do sacrificio de miles de mozos portugueses. Foron eses soldados os que tomaron nas súas propias mans os esforzos de descolonización. De feito, gran parte da planificación da revolución levouse a cabo fóra do país, en Angola e Moçambique.
Tras o 25 de Abril veu unha transición fráxil e incerta; porque como afirmou Hannah Arendt no seu ensaio “Sobre a revolución”: «Ningunha resolveu endexamais a ‘cuestión social’, nin liberou os seres humanos do predicamento da miseria».
A Revolução dos Cravos foi tamén a culminación dunha longa serie de intentos de golpes de estado e revoltas populares. Tivo éxito grazas a unha combinación de planificación coidadosa, coraxe e sorte. Os golpes militares do século XX tendían a ir acompañados de execucións, torturas e represión brutal, máis que de caraveis e cancións populares. Como en Chile, onde Salvador Allende foi derrocado violentamente en setembro de 1973. A Revolução dos Cravos de Portugal, que tivo lugar a primavera seguinte, foi unha gloriosa excepción a esta triste regra.
Os caraveis vermellos chegaron aos canóns dos fusís no medio da euforia nas rúas. Era fermoso ver os traballadores dos estaleiros desfilaren en Lisboa con cascos e roupa de traballo xunto aos soldados en uniforme, como unha orxía de liberdade. Había manifestacións case todos os días, a xente ocupou a terra e as fábricas. Estiveran en silencio durante 50 anos, agora tiñan o poder, até certo punto, nas rúas e nas fábricas. A policía era case inexistente nese momento, pero Lisboa era incribelmente segura, cunha atmosfera moi amábel, sen medo. Os portugueses empezaron a confiar en si mesmos.
Onda revolucionaria europea
A Revolução dos Cravos provocou tensións entre Portugal e os Estados Unidos, xa que Washington cría que unha vitoria comunista era inminente. Fixo que a clase dominante europea temese que o Mediterráneo se volvese vermello. O franquismo seguía aí, aínda que acosado pola resistencia vasca e as folgas parecía a piques de derrubarse. Outros exércitos europeos estaban cada vez máis inquietos. En Italia, máis de mil soldados, uniformados e con panos tapando a faciana, manifestáronse en apoio dos traballadores e soldados portugueses.
A elite fuxiu de Portugal, incluída a familia Espírito Santo Silva (fundadores do Banco Espírito Santo) e moitos dos banqueiros e partidarios da ditadura fascista. Todo o aparello de seguridade do Estado quedou paralizado; centos foron detidos e outros fuxiron.
A Revolução dos Cravos foi outro exemplo da «onda revolucionaria» que percorreu Europa durante as décadas de 1960 e 1970, promovendo novas visións do mundo e contribuíndo ao cambio social. Tivo un enorme impacto e pareceu compensar, dalgunha maneira, o dramatismo do golpe de estado de Pinochet en Chile. Os mozos europeos ían a Lisboa a facer «turismo revolucionario», a «ver a revolución». Tamén impactou en comunidades e estados vinculados á historia portuguesa, nos chamados «países do Leste», e nos que apoiaron o colonialismo portugués: a Suráfrica do apartheid, Rhodesia do Sur, o Brasil dos militares e a España franquista.
Pero moi poucos, polo menos na comunidade diplomática, sabían quen eran aqueles mozos oficiais, apenas coñecían a súa figura máis emblemática, Otelo Saraiva de Carvalho, non sabían que querían e cal era a súa orientación ideolóxica. Eran completos descoñecidos que planearon a súa revolución en segredo, asumiron o poder cun golpe lóstrego e con moi poucas baixas.
As súas colonias eran máis de dez veces máis grandes que o propio Portugal e as súas tropas estiveran loitando contra teimosas guerrillas africanas durante anos. Os soldados seguían morrendo e non parecía haber un final á vista. O esforzo de guerra custáballe ao país moito diñeiro, que podería destinarse a aliviar a pobreza perentoria. E é que, a principios da década de 1970, con 9 millóns de habitantes, Portugal era o país menos desenvolvido e a ditadura máis antiga de Europa. A maioría da poboación non tiña frigorífico, teléfono nin bañeira, e necesitábase unha licenza para posuír unha radio.
A ditadura fascista caeu ao día seguinte. Aínda que os militares pediron que a xente quedase na casa, as grandes manifestacións do 1 de maio de 1974 demostraron que o golpe se converteu en revolución, primeiro democrática pero logo social, mesmo socialista.
Cambios radicais e tensión
O Movemento das Forzas Armadas (MFA), como se coñecía formalmente os capitáns, continuou desempeñando un papel reitor na axitación popular que seguiu ao 25 de Abril. Detiveron os intentos de António de Spínola, un xeneral conservador ao que instalaron como presidente en lugar de Caetano, por frustrar a descolonización. E en marzo de 1975, seis meses despois de que renunciase ao seu cargo, frustraron un contragolpe dos partidarios reaccionarios de Spínola.
O fracaso dese contragolpe levou o goberno interino a implementar cambios radicais, incluídas nacionalizacións da industria e as finanzas. Este foi un período de gran tensión, folgas e inmensas protestas nas rúas. A democracia desde abaixo floreceu. A xente aprendeu a gobernarse a si mesma e xerou novas organizacións arraigadas onde vivían e traballaban. As comisións de traballadores e as comisións de residentes xurdiron por miles. Os traballadores fixéronse cargo da xestión de máis de mil centros de traballo. Moitas eran autoxestionados e outras deron un paso máis e asumiron a propiedade, pasando a ser cooperativas.
Tivo un programa sinxelo, de «tres Ds»: Descolonizar, Democratizar e Desenvolvemento. Sobre todo, era poñer fin a case catorce anos de guerra colonial que non se podía gañar, que illou a Portugal, que queimaba a metade do orzamento do Estado e empurraba a mocidade ao exilio.
Aínda que en termos xerais era socialista, o movemento dos capitáns non tiña unha axenda ideolóxica claramente definida. Un intento en novembro de 1975 dunha facción comunista de tomar o poder, apoiada por paracaidistas rebeldes, levou o país moi preto da guerra civil e a bancarrota. Foi frustrado e Portugal tomou a partir de aí un camiño, digamos, máis moderado. O 25 de abril de 1976 celebráronse as primeiras eleccións democráticas con sufraxio universal. O Partido Socialista, apoiado polos EUA, a CIA e outros, obtivo a maioría de votos.
Interacción e recordatorio
A interacción de traballadores e soldados foi, e seguramente segue a ser, unha dimensión vital para quen tenta derrocar o fascismo. Xa llo dixo Friedrich Engels a Karl Marx o 26 de setembro de 1851 cando lle escribiu que «un exército desorganizado e unha completa ruptura da disciplina foron a condición e o resultado de toda revolución vitoriosa». Outro debate distinto é que a democracia representativa sexa o único e último destino da revolución. E que no caso de Portugal se poida soster que a representativa derrotou a democracia directa.
Cincuenta anos despois, hoxe volveranse a cantar cancións revolucionarias nas celebracións do aniversario. Pero as eleccións do mes pasado deixaron un recordatorio ameazante: o partido de extrema dereita Chega, que adoptou a lema do ditador Salazar «Deus, Pátria e Família» agregando a palabra «trabalho», cuadriplicou a súa representación. Durante décadas, pensouse que a experiencia da ditadura vacinara a política portuguesa. Mais como no resto de Europa, a extrema dereita moderna xa non se ve limitada polas escuras lembranzas do pasado.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 25 de abril de 2024]