A Revolución Cubana no século XXI
Cuba conserva forzas profundas e enormes para manter a súa revolución socialista de liberación nacional, e un sólido potencial para desenvolvela cara a novas metas, ambiciosas pero necesarias. Ante todo, mantívose a maior parte dunha política social que asigna recursos, brinda un enorme número de servizos sobre bases socialistas de gratuidade e universalidade
Como todos saben, Cuba é un país realmente singular. Só mencionarei os cambios colosais da vida das persoas, as relacións sociais e as institucións xeradas polo proceso revolucionario, conquistadas e desenvolvidas coa participación decisiva das maiorías, codificadas polas leis e convertidas en costumes. O consenso por parte das maiorías de que o poder político gozou durante máis de medio século ten bases moi firmes no imperio da xustiza social, a redistribución sistemática da riqueza do país en beneficio desas maiorías, a identificación xeral do goberno como servidor dos altos fins da sociedade e administrador honesto -e non como unha sucesión de grupos corrompidos que medran, enganan e se lucran- e a defensa intransixente da soberanía nacional plena.
A sociedade de xustiza, benestar e oportunidades para todos que se logrou como saldo do proceso até 1990 sufriu deterioracións e reducións deses trazos nos últimos 25 anos. Non me deteño na fonda crise que viviu Cuba na primeira metade dos anos 90, que orixinou esa tendencia negativa, soamente engado dúas constantes que operan sempre e sistematicamente en contra: a agresión permanente de Estados Unidos, desde 1959, que inclúe o funesto estado de guerra económica do bloqueo; e as profundas e abarcadoras desvantaxes económicas que sufrimos, como a maior parte dos pobos do planeta, causadas polo sistema de financeirización, centralización, roubo de recursos e exacciones parasitarias do gran capital.
A crise puido ser enfrontada e remontada porque se produciu a conxunción dunha gran sagacidade, decisión de resistir, valentía e un apego estrito aos principios socialistas, combinados cunha enorme flexibilidade táctica e coa abnegación, a combatividade e a pericia das maiorías, franqueada polo extraordinario desenvolvemento que experimentaran as súas capacidades e a súa conciencia política nas décadas previas. Foi moito máis que o mantemento dun gran pacto social. Non houbo ningunha rendición, nin apelación ao repertorio neoliberal que era usual: a política social exemplar cubana mantívose, aínda nos peores momentos. A mestría e a firmeza de Fidel e a sabedoría política do pobo, unidos, impediron a caída do socialismo cubano.
Mais os efectos da profunda contracción da actividade económica e a calidade da vida, e os dunha parte das medidas que foi necesario tomar, fixéronse sentir de xeito agudo primeiro e, aínda que axiña foron atenuados, comezaron a ter consecuencias que se volveron en parte crónicas, e que recibiron impactos moi diversos nas dúas décadas que seguen até hoxe.
Na actualidade pódese apreciar a consolidación de desigualdades ante os ingresos que percibe a poboación, que eran descoñecidas antes da crise. Hai sectores empobrecidos, e isto é máis agudo en grupos sociais que estaban en desvantaxe por razóns históricas e/ou territoriais, ou aos que a evolución da situación foi levando a ese estado. Dun nivel ínfimo de pobreza e cero pobreza extrema hai 30 anos, pasamos a taxas de pobreza que para Cuba son notabelmente altas. As deficiencias máis significativas atópanse en vivenda, remuneración do traballo, situación de comunidades e acceso a unha parte dos consumos necesarios ou desexados. Dunha sociedade na que as relacións entre os esforzos laborais e os consumos e a calidade da vida eran moi indirectas, pasamos a unha situación na que os ingresos directos que se obteñen desempeñan un papel grande neses consumos e na calidade da vida. O papel do diñeiro medrou moi sensibelmente nun gran número de eidos.
As remesas desde o exterior, importantes para a macroeconomía, poden erosionar tamén as ideas socialistas. É probábel que unha parte delas estea servindo para crear empresas pequenas, pero privilexiadas en canto a operar e sosterse.
Xunto a esas realidades foron golpeadas as representacións, os valores, a conciencia e as ideas, de xeito paulatino pero que non pode subestimarse. Entre os seus efectos está a existencia dunha franxa de poboación que é allea á Revolución, privilexia os asuntos persoais e as relacións familiares e de pequenos grupos, e adoita sentirse allea a militancias e contaminacións políticas. Ese apoliticismo convive en paralelo coas convicións políticas e os costumes socialistas arraigados, como conviven en paralelo na nosa sociedade un enorme número de relacións sociais, representacións e valores socialistas e capitalistas. Estase librando unha guerra cultural aberta entre o socialismo e o capitalismo.
Engado aínda outro trazo negativo que medrou: a conservadorización da vida social. Parece ser aínda máis neutra que a despolitización, e podería verse soamente como unha portadora de modas, comportamentos, satisfaccións e normas que teñen o seu referente en algo que porta a aura do intemporal. Como unha “volta á normalidade” da sociedade. Pero en realidade é un inimigo perigoso do socialismo, porque é unha forma efectiva de desarmar a actividade política e promover a simpatía por solucións conservadoras aos problemas da sociedade.
Avanzará o desarmamento ideolóxico? Chegaremos a ser un país “normal”?
Fronte a esas realidades adversas, Cuba conserva forzas profundas e enormes para manter a súa revolución socialista de liberación nacional, e un sólido potencial para desenvolvela cara a novas metas, ambiciosas pero necesarias. Ante todo, mantívose a maior parte dunha política social que asigna recursos, brinda un enorme número de servizos sobre bases socialistas de gratuidade e universalidade, sostén sistemas como os de saúde, educación, seguridade social e cultura, e protexe os grupos humanos con necesidades especiais.
O acumulado co que contamos é impresionante a nivel mundial. Un bo exemplo diso son os datos sobre as mulleres cubanas brindados polo presidente Raúl Castro no seu discurso ante a Conferencia sobre Igualdade de Xénero e Empoderamento das Mulleres da ONU, o 27 de setembro de 2015. As enormes capacidades de formación xeral, técnica e científica, que foron un factor tan relevante para enfrontar a crise, seguen sendo unha gran vantaxe permanente. A pacificación da existencia persoal e familiar garantiu e elevou a calidade da vida, as posibilidades, os dereitos, os novos problemas e os proxectos das mulleres, os homes, os nenos e os anciáns. En Cuba non existen, desde hai máis de 50 anos, a violencia na política, as execucións extraxudiciais, as desaparicións forzosas nin as torturas a detidos. As taxas de homicidios e de consumo de drogas son baixas. Non existe como problema dalgunha entidade a seguridade da poboación.
Temos, infelizmente, barrios marxinais, pero non temos seres humanos marxinais que interiorizasen a súa inferioridade e o seu destino. Os nosos investigadores estudan a pobreza no país, pero non temos clases subalternas. Non se produciu, nin permitiremos que chegue a producirse, esa vitoria da dominación que é a naturalización das relacións sociais que producen a desigualdade, a explotación do traballo, a exclusión, a opresión. Un escamoteo do esencial que é básico para a hexemonía do capitalismo.
Fronte aos desafíos cruciais da actualidade e o futuro próximo, é imprescindíbel coñecermos o mellor posíbel os problemas, os límites e os retrocesos, identificar o que nos prexudica, ademais dos inimigos externos e as insuficiencias estruturais, como son o burocratismo e a inercia, males moi graves, a falta de cumprimento ou o mal exercicio de tarefas que son indispensábeis, os erros, a formación de grupos conservadores ou de intereses materiais e de poder social, e as xestións corruptas. É dicir, gañar conciencia do que necesitamos cambiar no noso propio campo.
Unha forma eficaz de se opoñer á expansión das desvantaxes e exclusións, por exemplo, é discutir e atopar os modos atinados de combater a reprodución das desvantaxes de determinados grupos e áreas, incluíndo desatar as forzas unidas de especialistas e masas de poboación que posúen calidades suficientes para o facer, e facer os cambios institucionais que sexan necesarios.
Desde 1959 até hoxe Estados Unidos mantivo o seu obxectivo estratéxico de destruír o socialismo cubano e socavar a nosa soberanía nacional. A partir de decembro de 2014 comezou unha etapa diferente dentro da mesma estratexia, mediante lentas e astutas negociacións, acenos formais, algunhas medidas segundo os seus intereses e unha “ofensiva de paz” que erroneamente nos supón inxenuos. Pero mantén incólume o sistema ilegal e criminal de agresións sistemáticas contra Cuba, á espera de recibir concesións e que nos dividamos, mentres intenta seducir a unha sorte de nova clase media con comercio, investimentos, consumos e “tecnoloxías”, e esperanzar a sectores menos conscientes da franxa de pobreza existente. Sen prescindir, naturalmente, de todas as formas de subversión que estean ao seu alcance. Así foi durante a presidencia de Obama. É unha incógnita -no momento de escribir estas liñas- se Donald Trump continuará esa fase ou se vai introducir mudanzas.
Ninguén pode nin poderá impoñerlle a Cuba cambios que non sexan os que as cubanas e os cubanos queiran darse libremente, no exercicio da súa cultura, os seus intereses, os seus ideais, os seus proxectos e a súa soberanía.
Non podemos separar as respostas á política imperialista das accións dirixidas a defender e afondar no noso socialismo: en realidade, estas últimas serán o decisivo. A sociedade pasa ao centro do combate político, e esta necesita que entre todos fagamos política social, e fagamos política. Un requisito básico será a activación de moitos medios organizados que non están sendo eficaces nin atractivos, e a creación de novos espazos e mecanismos para fomentar a actuación e a creatividade populares. Son innumerábeis os asuntos, os retos, as necesidades, os campos nos que poderían exercitar a súa participación quen sintan que deben facelo.
A economía é unha dimensión estratéxica que non teño espazo para abordar aquí. As referencias a ela tiveron un lugar central nos últimos anos. Pero as relacións e os problemas económicos son algo demasiado importante para reducilos a invocacións pragmáticas e medidas que involucren a uns poucos: teñen que ser campo de debates e de labores de todos. Por outra banda, necesitamos que a educación escolar se renove e desenvolva, mais ese obxectivo é completamente factíbel, polo intenso amor á educación que caracteriza a nosa cultura, a multitude de persoas moi capacitadas que hai en todas as partes do país e a xigantesca cultura institucional que existe nese eido.
Necesitamos máis rescate en termos ideais e materiais das relacións e o xeito de vivir socialista; maior socialización dentro do ámbito e a xestión estatais; un impulso certo da municipalización e outras formas de descentralización que beneficien a tarefas de colectivos, as comunidades e o país, e non o individualismo e o afán de lucro; focaxes integrais dos problemas.
Estase a producir un aumento da politización en sectores amplos de poboación, que estimula o nivel inmenso de conciencia política que posúe o pobo cubano. Emerxen sectores de mozos expresamente anticapitalistas. Medrou a expresión pública de críticas e criterios diferentes feitos por cubanos socialistas e dirixidos a fortalecer o socialismo. O pobo cubano exerceu a xustiza social, a liberdade, a solidariedade e o pensar coa súa propia cabeza, e afíxose a facelo. Temos conciencia política do momento histórico en que vivimos e o que se xoga nel.
“Eu son Fidel”
Aquela consigna que saíu a enfrontar a súa morte foi inventada pola xente, non foi orientada por ninguén, e converteuse na expresión nacional por excelencia, porque contén homenaxe, orgullo do que a pronuncia e determinación persoal de continuar a causa revolucionaria, encarnada no líder maior e máis amado. Fidel deu moitas leccións nos nove días do dó, e gañou a súa primeira batalla póstuma. O pobo mostrou abertamente que é realmente, e demostrou que está disposto.
Durante máis de 30 anos, Cuba viuse practicamente privada de ter relacións económicas e estatais coa rexión. Pero nos últimos 25 esa situación transformouse radicalmente. Existe hoxe unha masa enorme de vínculos sociais, económicos, políticos e estatais, e polas súas posicións e o seu alto nivel de actividades internacionais, Cuba goza de gran prestixio en todo o ámbito rexional. Ao mesmo tempo, case 60 anos de solidariedade en ambos os sentidos entre os pobos do continente e o noso, e o exemplo permanente constituído pola sociedade de xustiza e liberdade creada pola Revolución na illa, a súa soberanía nacional plena e o seu antiimperialismo e internacionalismo, configuran un feito moi relevante entre as realidades latinoamericanas.
Acontecementos recentes adversos en Venezuela e algúns outros países latinoamericanos preocúpannos a todos e poderían indicar que o tipo de proceso que tivo moitos logros nunha parte da rexión e xerou tantas esperanzas está chocando cos seus límites, e o imperialismo e sectores capitalistas locais pasaron á ofensiva co fin de o liquidar e esparexer o derrotismo. Cuba mantén o seu apoio e acompañamento a eses procesos, e exprésao moi claramente. Se a tendencia actual dá en avanzar e consolidarse, sen dúbida teremos máis dificultades e menos compañía, pero, como sempre, faremos causa común cos nosos pobos irmáns e o país manterá a política de apoio ás coordinacións de América Latina e o Caribe, e ao horizonte integracionista.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 14 de xuño de 2017]