A revolta dos tractores

Benoît Bréville - 09 Feb 2024

O futuro do mundo campesiño abala entre tres horizontes: desaparecer baixo o efecto da división europea do traballo e a entrada na UE de grandes países cerealistas; sobrevivir emprendendo o camiño imposto polas burocracias e os fondos de investimento; ou loitar para que se impoña unha agricultura campesiña que recupere a súa vocación alimentaria

 O pasado 16 de xaneiro, durante o seu monólogo televisado de dúas horas, o presidente francés Emmanuel Macron non dedicou máis de cinco segundos á situación dos agricultores. Innegábel clarividencia a súa: dous días despois comezaba unha das maiores mobilizacións do sector agrícola das últimas décadas. Por toda Francia había tractores bloqueando as estradas, gandeiros botando esterco diante dos supermercados, pneumáticos ardendo fronte aos concellos… E iso que os sinais que anunciaban esta carraxe campesiña se multiplicaron ao longo das últimas semanas. En Europa, onde as mobilizacións convulsionaran Alemaña, Polonia, Romanía, Países Baixos, España ou Bélxica; pero tamén en Francia, onde os agricultores levaban desde novembro dando a volta aos sinais instalados á entrada das vilas, a xeito de símbolo dunha profesión que “vai de cabeza”.

 O 10 de xaneiro, nun comunicado alarmante, seis sindicatos agrarios europeos describían mesmo unha situación que se volveu “insostíbel” e podía “poñer en perigo a supervivencia dos produtores da Unión Europea”.

 Hai xa moito que os agricultores do Vello Continente están na corda frouxa: endebedados, presionados polas grandes distribuidoras e os xigantes do sector agroalimentario, golpeados polas secas e as inundacións recorrentes, obrigados a facer fronte á competencia exterior e os seus produtos baratos, dependentes dun sistema de subvencións que favorece as grandes explotacións. Desde o inicio da guerra en Ucraína, o panorama ennegreceuse aínda máis. Coa abolición dos aranceis aduaneiros e a creación de “corredores de solidariedade” decididos por Bruxelas, os produtos alimentarios ucraínos inzaron Europa do Leste, o que levou a unha caída dos prezos que afecta xa ao conxunto do continente e menoscaba os ingresos dos agricultores, cuxas diversas facturas (enerxía, auga, equipamento, sementes…) se dispararon. Ingresos á baixa e custos de produción á alza nun sector de seu fraxilizado: a mínima faísca podía desencadear o incendio

 En Alemaña foi a supresión dunha rebaixa fiscal sobre o diésel; en Bélxica e os Países Baixos, proxectos destinados a limitar o volume das cabanas gandeiras; en Francia, un aumento do “imposto por contaminación emitida”… Ao enfocarse na pinga que reborda o vaso no canto de nos torrentes que o encheron, os analistas reducen o enfado a unha protesta “contra as normas ambientais”, como se a poboación campesiña fose por definición indiferente á crise climática. Pero iso é precisamente o que denuncian os manifestantes un pouco por todas as partes de Europa: o absurdo dun sistema que fai que contribúan á súa propia destrución ao defender –a falta dunha alternativa dispoñíbel de inmediato– praguicidas dos cales son as primeiras vítimas, a procura dunha produtividade que os leva a autosubstituírse por robots, o trastorno dun medioambiente do cal depende a súa actividade…

 A parte que ocupan os agricultores na poboación activa francesa pasou do 35% en 1946 a menos o 2% actual. O futuro do mundo campesiño abala entre tres horizontes. Desaparecer baixo o efecto da división europea do traballo e a entrada na UE de grandes países cerealistas. Sobrevivir emprendendo o camiño imposto polas burocracias e os fondos de investimento, o dunha industrialización desenfreada –mais ao prezo de estragos ambientais e humanos que xa están a suscitar, aquí e alá, as protestas da Terra–. Ou loitar para que se impoña unha agricultura campesiña que recupere a súa vocación alimentaria asegurando ao mesmo tempo a autonomía dos seus traballadores. Que forza política saberá propor este último camiño? Tal é a aspiración de moitos gandeiros e labradores, o desexo dos consumidores e a exixencia dunha razón que pensa no longo prazo.

 

[Artigo tirado do sitio web en español de Le Monde Diplomatique, febreiro de 2024]