O persoal técnico de incendios intensificará as protestas ante a falta de propostas da Consellaría
A xuntanza mantida este martes entre a Consellería do Medio Rural e as organizacións sindicais só serviu para constatar que, a un día do comezo da campaña de alto risco de incendios, as negociacións para un novo acordo laboral están en punto morto. O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que, despois de máis de dez meses agardando por unha proposta, Medio Rural "só foi quen de presentar unha modificación dun parágrafo do acordo do ano 2008 que tan só afecta a unha parte do persoal técnico e que non resolve nin unha mínima parte das reivindicacións".
A CIG-Autonómica considera a posición da Consellería un "desprezo" polo traballo desenvolvido polo persoal técnico de incendios forestais e amosa "un nulo interese por iniciar unha negociación real das novas condicións de traballo". Diante disto, as catro organizacións sindicais acordaron non aceptar o "parche proposto" e intensificar as mobilizacións "até que haxa unha proposta integral de reorganización sobre a que se poida negociar".
Deste xeito, o vindeiro luns, 6 de xullo, está convocada unha "teleasemblea" para todo o persoal técnico de incendios forestais para decidir as medidas a levar adiante nas vindeiras semanas.