A secretaria da CIG-Valdeorras aborda cos Concellos problemáticas laborais e sociais da comarca

Nos encontros, que continuarán nas próximas semanas, abordáronse cuestións relacionadas co emprego, a saúde laboral ou a sanidade pública
Valdeorras - 03 Nov 2025

A nova secretaria da Unión Local da CIG de Valdeorras, María Carmen Calvo, vén de iniciar unha serie de contactos con alcaldesas e alcaldes para presentarse oficialmente e abordar as principais problemáticas laborais e sociais da comarca.

Nos encontros celebrados até o de agora coas rexedoras e rexedores do Barco, Carballeda, Vilamartín e A Rúa, responsábeis sindicais e municipais trataron cuestións relacionadas co emprego e a saúde laboral -en especial o alto índice de silicose no sector da lousa-, mais tamén temas que afectan ao conxunto da cidadanía como os problemas na sanidade pública “que padecemos nesta bisbarra”.

Finalmente, a secretaria da CIG-Valdeorras adiantou que nas vindeiras semanas, “sempre que tanto a nosa axenda como a municipal o permita”, seguirán estas entrevistas institucionais coas alcaldesas e os alcaldes da comarca e tamén do ámbito de actuación da Unión Local, que comprende as terras de Trives e Viana do Bolo”.