A representación do persoal do aeroporto de Santiago trasládalle o conflito laboral á subdelegada do Goberno
Representantes da coordinadora do comité intercentros do aeroporto de Santiago 'Rosalía de Castro' mantiveron onte un encontro coa subdelegada do Goberno español na Coruña para trasladarlle o conflito laboral que motivou a convocatoria de folga parcial a finais de agosto e comezos de setembro.
Dende a representación do persoal explican que durante a xuntanza explicáronlle a Pilar López Riobóo a situación na que se atopa o conflito laboral aberto tras a intención de AENA de suprimir a cantina do persoal, “o que destapou máis problemáticas que até o de agora se atopaban latentes”.
Ao mesmo tempo, detalláronlle os motivos que levaron a convocar folga mediante paros parciais a finais de agosto e comezos de setembro “ante a actitude intransixente de AENA e a negativa e reunirse coa coordinadora do comité”.
Varias problemáticas laborais
E concreto, ademais do futuro peche da cantina, citaron o constante aumento de carga de traballo nas diferentes empresas que operan na terminal sen o correspondente incremento do cadros de persoal; o aumento da precariedade e da temporalidade nestas empresas; o incumprimento da cobertura de persoal en horario nocturno; a suspensión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto; e o feito de que o persoal teña que asumir os custes de estacionamento tras a privatización do aparcadoiro.
Segundo sinalan, a subdelegada amosou “sensibilidade” con estas problemáticas e comprometeuse a trasladarllas á dirección de AENA coa intención de desbloquear o conflito laboral para que finalmente non se faga efectiva a convocatoria de paros parciais e evitar deste xeito a posíbel cancelación de voos, “cos conseguintes prexuízos para os usuarios/as, especialmente nunhas datas como as estivais”.