A representación do persoal de Política Social nas catro provincias solicita unha xuntanza coa conselleira
Unha representación do comité de empresa de Política Social de Pontevedra entregou onte por rexistro unha carta dirixida á conselleira, Fabiola García, co obxectivo de solicitarlle unha reunión urxente para abordar as diferentes problemáticas laborais que está a sufrir o persoal deste departamento.
Esta reclamación é froito do acordo do comité intercentros da Xunta de Galiza e dos comités de empresa de Política Social das catro provincias e chega despois de moitas semanas de concentracións diante dos centros dependentes deste departamento “sen que tiñamos conseguido que se nos escoite e se nos reciba”.
Dende a representación do cadro de persoal lembran que Política Social é unha Consellaría “totalmente feminizada”, xa que máis do 75% do seu persoal son mulleres, maioritariamente con cargas familiares e unha media de idade en torno aos 55 anos. “Non entendemos que a conselleira participe dos actos de celebración do 8 de Marzo cando despois esquece aplicar as reclamacións dese día ao seu persoal”, censuran.
Ao mesmo tempo, lamentan que “despois do esforzo realizado por mor da covid, esforzo que continúa a data de hoxe, evidenciáronse aínda máis, se cabe, os problemas que sufrimos: falta de persoal, poucos descansos, lugares de traballo pouco adecuados á actual crise sanitaria, alta sinistralidade laboral, exames de oposición en pleno estado de alarma e despois dun ano esgotador a nivel físico e psíquico, excesiva temporalidade e contratos precarios (fins de semana, 1/3 xornada, etc).
Por todo isto, ínstana a fixar unha xuntanza para poder expoñerlle as inquedanzas do persoal “porque ten que ter en conta que é o maior valor que ten a súa Consellaría, e que se está a ser maltratado psicoloxicamente con quendas abusivas e demasiado estrés laboral”.