A representación da CIG no Concello de Monforte pide a dimisión de José Tomé como alcalde
A representación da CIG no Concello de Monforte, ante as graves acusacións de acoso sexual que afectan á Alcaldía, entende que José Tomé debe dimitir de inmediato do seu cargo. Subliñan que “un Concello digno non pode estar encabezado por quen está baixo acusacións desta gravidade” e que garantir “un entorno laboral seguro e libre de acoso é incompatíbel” coa actual situación.
A representación da central sindical traslada todo o seu apoio ás mulleres que denunciaron acoso, así como todas aquelas que sendo vítimas de agresións e chantaxe puideron sufrir estas condutas. Neste senso piden que haxa un respecto absoluto á súa confidencialidade, que se garanta que non haxa filtracións, “nin insinuacións, nin cuestionamentos públicos sobre estas persoas”.
A CIG reafirma o compromiso cun entorno laboral seguro, respectuoso e libre de calquera forma de violencia machista e polo tanto “consideramos que este compromiso é incompatíbel coa permanencia no cargo dun alcalde acusado de acoso sexual”.
Neste senso, a representación da CIG advirte que non vai tolerar que o persoal municipal sexa utilizado partidariamente para branquear ou intentar xustificar ningún tipo de conduta machista. “O persoal do Concello de Monforte merece respecto e non debe ser instrumentalizado con fins políticos”, aseveran.
Finalmente, reiteran o compromiso co servizo público, coa igualdade e co respecto, “valores fundamentais que deben guiar o funcionamento de calquera administración pública”.