A CIG de Envases Universales solidarízase coa loita do persoal vasco e catalán en defensa do seu emprego
A representación da CIG no comité de empresa do centro de traballo de Envases Universales en Coruxo (Vigo) traslada todo seu apoio e solidariedade coa loita do persoal das fábricas de Ugao-Miraballes (Euskal Herria) e Montmeló (Catalunya) en defensa do emprego, despois de que a transnacional anunciase a presentación dun ERE extintivo para 68 persoas.
Os traballadores/as afectados/as, que veñen de iniciar mobilizacións e teñen convocada unha xornada de folga para este xoves 14 de marzo, denuncian que detrás desta decisión de Envases Universales agóchase o proceso de deslocalización do departamento de litografía para concentralo na fábrica de León.
Os despidos previstos no centro de traballo vasco afectarían case á metade dos traballadores/as (50 de 108), mentres que no caso da fábrica de Montmeló a decisión de desfacerse de 18 empregados/as deixaría practicamente desmantelada a empresa e convertida nun centro loxístico con dous únicos/as operarios/as.
Aínda que polo de agora a dirección da compañía non comunicou nada a respecto dos plans que manexa para o centro de traballo de Coruxo, o persoal galego de Envases Universales (máis de 300 traballadores/as) xa amosou a súa inquedanza, tendo en conta que a fábrica conta tamén cun departamento de litografía.