A CIG denuncia que o Concello de Monforte vulnera os dereitos de representación e participación do comité
A representación da CIG no Concello de Monforte de Lemos denuncia a actitude antidialogante e antisindical do Goberno municipal, que se nega a facilitar información ao comité de empresa, chegando incluso a prohibirlle incluso aos delegados e delegadas electas poder participar nas mesas de negociación. A central nacionalista rexeita esta actitude de absoluto menosprezo e critica que o alcalde está a secuestrar o labor que legalmente lle corresponde ao órgano de representación do persoal laboral do Concello.
O comité xa tivo que dirixirse por dúas ocasións á Comisión de Transparencia dependente da Valedora do Pobo para poder ter acceso á documentación que, como órgano de representación unitario, ten dereito a coñecer. Nun caso para acceder ás copias das pólizas de seguros do persoal, despois de constatar irregularidades na xestión das mesmas a raíz dun accidente laboral sufrido por un traballo debido a unha neglixencia da administración local.
A outra reclamación foi para poder coñecer a composición da comisión que supostamente está a elaborar a Relación de Postos de Traballo dende hai dous anos, pois segundo as informacións das que dispón o comité, na fase de realización de entrevistas a traballadores/as estaban intervindo persoas que non forman parte do Grupo de Traballo nomeado a tal fin e sen a cualificación profesional e os coñecementos en recursos humanos que require dita tarefa.
Cómpre sinalar que a RPT, ademais dunha obriga legal, determina a estrutura e as condicións do emprego no ámbito do Concello, polo que se trata dun documento de enorme relevancia tanto para as empregadas e empregados como para a propia xestión da administración e os servizos que presta.
En ambas as dúas reclamacións, a Valedora deu a razón ao comité de empresa, instando o Concello de Monforte a facilitar a documentación solicitada nun prazo de 15 días. E só foi despois de recibir as resolucións dos recursos potestativos que o Goberno local achegou a documentación solicitada.
Denuncia na Inspección
A falta de información tamén levou ao comité a presentar denuncia na Inspección de Traballo ante a negativa do Concello a facilitarlle acceso ao rexistro retributivo, tal e como recolle o RD 902/2020, de igualdade retributiva entre mulleres e homes. O comité fixo esta petición en dúas ocasións para comprobar se se están a dar discriminacións salariais en determinados departamentos, que terían que ser corrixidas de inmediato. Da primeira vez, a Xunta de Goberno local respondeu cunha valoración administrativa e política sobre a igualdade retributiva; mentres que á segunda solicitude, o Goberno indicou que facilitaría o rexistro a máis tardar o 4 de xaneiro, pero a día de hoxe, o que ten o comité é un documento feito ás présas que non cumpre cos parámetros marcados na normativa vixente.
Por todo isto, os delegados e delegadas da CIG critican que o Concello de Monforte non só está ninguneando a representación legal do persoal, senón que ademais, o equipo de Goberno, co alcalde á cabeza, mantén unha actitude de total desprezo por este órgano, obstaculizando o labor fiscalizador e a acción sindical en defensa dos intereses do persoal que lle son propios. Impedir o acceso á información e á documentación lastra a capacidade negociadora dos lexítimos representantes dos e das traballadoras e vulnera os dereitos de representación e participación propios do comité de empresa.
Cese na conduta antidialogante
Fronte a isto, a CIG reclama do Goberno do Concello de Monforte que cese de inmediato na súa conduta antisindical, mude a súa actitude de confronto e abra vías de diálogo coa representación social en lugar de xerar crispación e afondar no malestar entre o conxunto do persoal. E neste senso, a representación da CIG xa avanza que non descarta iniciar accións legais contra o Concello se teima na súa actitude vulneradora dos dereitos fundamentais.