A reincorporación ás aulas a partir do luns "significa tirar pola borda a adaptación á teledocencia e implicará un caos organizativo"
A Consellaría de Educación continuou hoxe a súa fuxida cara diante na busca dunha falsa normalidade educativa coa intención de manter a reapertura das clases presenciais para o vindeiro luns, 25 de maio, para os cursos de 2º de Bacharelato e de Ciclos Formativos de forma voluntaria para o alumnado. Esta fórmula, como denunciou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial do pasado mércores e volveu criticar hoxe no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, vai provocar o caos organizativo e na práctica suporá que boa parte do alumnado non sexa atendido por quen até o momento foi responsábel da súa docencia presencial e teleformación desde o inicio do estado de alarma.
Aínda que o sindicato se felicitou polos avances conseguidos na Mesa ao respecto do persoal docente que pode estar dispensado de acudir aos centros (basicamente grupos de risco, maiores de 60 anos con patoloxías, embarazadas e quen teña menores de até 12 anos e ou maiores dependentes a cargo), volveu insistir en que “non son suficientes” e apelou ao sentido común para que a Consellaría dea marcha atrás e manteña a teledocencia até finais de curso, como demanda a práctica totalidade do profesorado.
Do contrario, avanzou, “isto vai significar o caos organizativo en canto a ordenación educativa e en canto á aplicación das medidas de prevención e protección que os centros van ser incapaces de implementar durante a primeira semana de reapertura”. Neste sentido aludiu a que aínda hoxe non chegou a moitos centros o material que estaba previsto e que vai ser de uso obrigatorio para profesorado e alumnado e insistiu en que se está descargando nos equipos directivos toda a responsabilidade sobre a protección e a prevención de contaxios.
Suplir profesorado con outro que imparta materias afíns
Así mesmo, advertiu na reunión que as solucións que propón a administración no caso de que haxa profesorado ou alumnado que non se reincorpore son “un despropósito” aludindo á intención de suplir o docente por outro que imparta materias afíns nos cursos afectados ou mesmo doutros niveis educativos, como se pode deducir do apartado 2.1.3 e 2.2.4 do Plan de reincorporación. "Ese profesorado non coñece ao alumnado e por algo máis de dez días lectivos que quedan até a avaliación de segundo de Bacharelato, por exemplo, non ten ningún sentido que se encargue da docencia presencial", subliñan.
Tamén cualificou de “ocorrencia” a recomendación de gravar as clases presenciais para o alumnado que non poida ou non queira asistir presencialmente. Por iso desde o sindicato, aínda recoñecendo que esta non era a solución, se insistiu na contratación de todo o persoal substituto que sexa necesario para dar resposta a esta situación tan excepcional.