A reforma do seguro de desemprego en Francia: Violencia social por decreto

Michel Husson - 15 Mar 2021

Detrás da reforma do seguro de desemprego, hai un proxecto máis ambicioso que ten como obxectivo desfacerse do carácter paritario [das institucións que xestionan o paro] e da lóxica garantista deste, e reintroducir os subsidios por desemprego nas finanzas públicas

 "Somos como xeógrafos fronte a persoas que pensan que a terra é plana", comentou un sindicalista ao remate dunha xuntanza informativa sobre a reforma do seguro de desemprego. Tiña razón: este proxecto demostra que a burguesía vive noutro planeta.

 Para comprendermos plenamente esta reforma, primeiro debemos lembrar brevemente como está organizado o sistema do seguro de desemprego en Francia. Está xestionado por dúas institucións: Unédic e Pôle Emploi. Unédic recada as cotizacións pagas polas empresas en función da súa nómina e determina as regras para o cálculo da compensación. Os demandantes de emprego rexístranse en Pôle Emploi, que se encarga de calcular e pagar as prestacións por desemprego, axudalos na procura dun emprego e verificar como se dá este proceso.

 Unédic creouse en 1958 en base a un criterio paritario. Por iso, o seu directorio está integrada por cinco representantes das centrais sindicais (CFDT, CFE-CGC, CFTC, CGT e CGT-FO) e cinco representantes da patronal (da que tres son para Medef, a gran patronal). Ao longo dos anos, a maioría dos acordos asinados foron o resultado dun acordo de facto entre a parte patronal e a CFDT. Porén, as cousas cambiaron en 2018: os representantes sindicais e os da patronal recibiron indicacións moi estritas do goberno que fixaron obxectivos precisos de redución do gasto. Por primeira vez en moito tempo (os precedentes remóntanse a 1979 e 1984) non se chegou a ningún acordo, polo que as novas condicións do seguro de desemprego foron fixadas por decreto do 26 de xullo de 2019.

 A aplicación da reforma pospúxose debido á pandemia e acaba de ser posta de novo na orde do día pola ministra de Traballo, Emprego e Integración, Elisabeth Borne, quen, nunhas declaracións moi orwellianas, acaba de dicir: “Son unha muller de esquerda. A xustiza social e a igualdade de oportunidades son as loitas da miña vida. E é en Emmanuel Macron onde atopei o seu mellor defensor”1/. A análise da súa dilatada traxectoria permite dubidalo, pero sobre todo ilustra a dobre linguaxe deste goberno e a dexeneración de certa esquerda incorporada desde hai moito tempo ao neoliberalismo. De feito, Elisabeth Borne, antes de ser nomeada ministra por Emmanuel Macron, alternou postos de responsabilidade no sector público e gabinetes ministeriais con François Hollande. O seu traballo estivo fundamentalmente dirixido ao desmantelamento dos servizos públicos: SNCF, RATP (transporte parisino) ou EDF [sector eléctrico]. Foi ela quen negociou importantes contratos coas empresas concesionarias de autoestradas despois de ser directora dunha delas (Eiffage: grupo de construción, concesións e servizo público francés) e logo, como ministra de Transportes, opoñerse á súa renegociación.

A violencia da reforma

 O sistema francés é moi complexo. Abonda con consultar a documentación de Unédic para entender que é máis fácil definir a nómina dun empregado que o subsidio dun desempregado. Así pois, o demo está nos detalles.

 A primeira parte da reforma consiste en modificar o método para calcular o salario de referencia diario (SJR, en francés), que determina o montante dos subsidios. Até o de agora, este cálculo baseábase no salario anual percibido por un empregado durante os seus períodos de emprego: a remuneración percibida durante os últimos doce meses dividíase polo número de días traballados durante ese período. O novo cálculo consiste en ter en conta as retribucións percibidas durante dous anos -xa non un ano- e dividilas polo número de días traballados aos que agora se suman os días non laborábeis. O resultado é matemático: contando os períodos non traballados e ampliando nun ano o período profesional, a media colapsa. O SJR é máis baixo. E con el, as prestación por desemprego2/.

 Na súa versión inicial, o proxecto prevía incluso ter en conta todos os períodos non traballados, o que supoñería dividir por catro os subsidios nos casos máis desfavorábeis. O Consello de Estado censurou esta cláusula mediante decisión do 25 de novembro de 2020, sinalando que o montante do salario diario de referencia podería "variar do básico ao cuadruplicado segundo a distribución dos períodos de emprego durante o período de referencia", o que levaría a "unha diferenza de trato manifestamente desproporcionada con respecto ao motivo de interese público perseguido". Na súa versión actual, a redución non pode superar o 43%.

 Esta medida está orientada a penalizar a determinados sectores que alternan contratos curtos de traballo -o que lles permite recargar os seus dereitos- con períodos de desemprego, beneficiándose de prestacións. A patronal e os seus economistas afíns3/ levan moito tempo denunciando o "escándalo da optimización dos parados". Muriel Pénicaud, anterior ministra de Traballo, durante un debate parlamentario, declarou mesmo que un pode "permanecer indefinidamente no paro traballando un día de cada dous"4/ e, en última instancia, gañar máis estando desempregado que traballando. Ademais do feito de que esta observación é falsa5/, o verdadeiro escándalo é que esta práctica se implementa con maior frecuencia por iniciativa da patronal, que a ve como un instrumento para unha boa xestión da súa forza de traballo.

 A segunda modalidade da reforma refírese ás condicións que se deben cumprir para ter dereito ao subsidio. Até o de agora, era preciso contribuír 4 meses nos últimos 28 meses. Coa reforma será necesario ter cotizado máis (6 meses) e nun período máis curto (24 meses). O goberno argumenta que, a cambio, a xente desempregada será compensada durante máis tempo. Porén, os autores dun notábel estudo sobre a historia do seguro de desemprego nos últimos 60 anos, utilizando un simulador, observan que “esta mellor cobertura no tempo está lonxe de compensar a perda das cantidades a percibir, ao contrario do que afirma o goberno”6/. Chegan a preguntarse se o seguro de desemprego “segue sendo un seguro de desemprego para a xente empregada con emprego descontinuo”. Podemos ver que, malia o seu carácter aparentemente secundario, o impacto será especialmente violento no período actual no que é precisamente a xente precaria a que estivo máis exposta á perda do emprego.

 A terceira parte da reforma introduce a diminución dos subsidios da xente desempregada con salarios máis altos: ao final do sétimo mes deberían caer un 30%. Pero, polo momento, esta medida suspendeuse. Antes de abordar os efectos perniciosos da reforma, non podemos resistir a tentación de mencionar este lapso de Muriel Pénicaud, ministra de Traballo no momento do proxecto inicial. Durante a súa presentación, o 18 de xuño de 2019, falou dunha reforma "contra o desemprego e a favor da precariedade", aínda que despois rectificase7/.

A sombría ecuación da reforma

 Unédic8/ realizou un estudo de impacto da versión inicial da reforma. O devandito estudo estima que o número de persoas inscritas durante o primeiro ano da reforma será de 2,24 millóns. O 37% delas, ou sexa 840.000 beneficiarias, se verían afectadas por esta. As reducións nas percepcións vinculadas á reforma abalarían entre o 7% e o 50% segundo a traxectoria da persoa beneficiaria (o seu "índice laboral"), estimándose a perda media nun 24%.

 Esta reforma é tanto máis perniciosa canto que se está producindo nun contexto de crise e perda de postos de traballo. O seguinte gráfico, extraído do citado estudo de Unédic, mostra a evolución do desemprego compensado [polas medidas gobernamentais por mor da pandemia] vinculado á destrución de emprego (en milleiros). Até marzo de 2021, a curva reproduce as distintas fases das medidas sanitarias: un pico en abril correspondente ao primeiro confinamento, seguido dunha diminución e logo unha nova progresión co segundo confinamento. Pero, de forma estraña, a curva comezaría a descender regularmente a partir de marzo de 2021; así que non podemos senón preguntarnos lexitimamente acerca da fiabilidade de semellantes prognósticos.

 Como se mostra no seguinte gráfico, estamos co mesmo perfil en canto ao número de desempregados que cobran e subsidio. Até o estouro da pandemia, a cifra flutúa entre 2,7 e 2,8 millóns. O primeiro confinamento fai que salte a case 3,5 millóns, e logo atopamos o mesmo aumento a partir do outono até un nivel case equivalente a este pico observado en abril. Pero, unha vez máis, cómpre preguntarse polo optimismo das previsións: segundo Unédic, o número de persoas desempregadas que reciben prestacións baixaría en 700.000 entre marzo e decembro de 2021.

 Evidentemente, o impacto da pandemia provocou un déficit maior para Unédic: os seus ingresos caeron do mesmo xeito que a masa salarial sobre a que se calculan e debido á moratoria das achegas das empresas en maiores dificultades. En canto aos gastos, obviamente aumentaron co número de persoas indemnizadas, pero tamén porque o subsidio de actividade parcial pagado á patronal (dito doutro xeito, facerse cargo dos traballadores e traballadoras en paro parcial) é imputábel, nun terzo, ao seguro de desemprego.

 Espérase que o gasto alcance os 38.400 millóns de euros en 2021, pero espérase que a reforma aforre mil millóns. É dicir, reduciremos o gasto do seguro de desemprego en menos do 3% grazas a unha reforma que agravará a situación do 37% das persoas desempregadas. Isto resume, finalmente, a sombría ecuación desta reforma.

Unha fronte sindical unida

 A pandemia obrigou o goberno a pospoñer a reforma, pero agora mesmo quere implementala. Por unha vez, a unidade da fronte sindical é impecábel e a súa oposición radical. Para o secretario xeral da CFDT, Laurent Berger, esta reforma é "inxusta, incoherente, desequilibrada, anacrónica, e xa que logo non ten razón de ser"9/ e prevé un novo recurso ante o Consello de Estado, con argumentos contundentes: “É inxusta porque golpea as persoas paradas máis precarias que xa son as grandes vítimas da crise que atravesamos. É anacrónico porque é este o momento para facer unha reforma que aforre diñeiro a custo das persoas desempregadas, cando non sabemos cal será a situación do paro en xullo?”.

 François Hommeril, o líder da CFE-CGC ao que nos referimos máis arriba, é aínda máis directo: "Temos un goberno que considera que cunha boa patada no cu, é dicir, baixando os seus subsidios, a xente no paro volverá ao traballo. Isto é totalmente falso! Todos os sindicatos o dixeron e llo repetiron ao Ministro, en termos máis educados”10/.

O proxecto neoliberal en marcha

 O sentido común dos sindicalistas oponse frontalmente a unha lóxica neoliberal que se pode resumir de forma sintética en: un subsidio por desemprego demasiado xeneroso alenta as persoas no paro a prolongar a súa condición de vida asistida, e isto custa “unha chea de cartos”, por usar unha expresión do presidente Macron dirixida a toda a protección social11/.

 Para remediar esta situación, a folla de ruta é clara: o que hai que facer é estigmatizar as persoas desempregadas, activalas, controlalas e empeorar a súa situación; todo ao mesmo tempo. As chamadas políticas de activación do mercado laboral consisten en presionar a xente en paro para que volvan a non importa que traballo, aínda que non teña nada que ver coa súa situación anterior e aínda que supoña que teña que complementar o seu salario con outras medidas. Esta filosofía resumírona ben os autores do estudo citado sobre a historia do seguro de desemprego anteriormente: “a idea subxacente é que un traballo calquera (contrato de curta duración, salario baixo, etc.) é mellor que ningún traballo. e que calquera traballo, por precario que sexa, é un trampolín cara a outro traballo mellor”.

 Para logralo, a forma máis sinxela é complicar moito os trámites para se inscribir no desemprego e a fórmula para o cálculo do subsidio. Logo, pódense incrementan os controis para penalizar a quen non está en regra e, mesmo, privalo dos seus dereitos borrándoo da lista: un método amplamente desenvolvido en Francia. Tamén se pode, como ocorre coa reforma actual, activar outros parámetros: acurtar a duración do subsidio, reducir o nivel dos subsidios ou reducilas ao cabo dun tempo (degresión).

 Todos estes procedementos só terían sentido se a maioría das persoas desempregadas defraudasen para se aproveitaren do sistema. Mais non é este o caso. Así, para o ano 2016, a Delegación Nacional de Loita contra a Fraude avaliou en 178,1 millóns a fraude, que tan frecuentemente se denuncia nos subsidios. Unha cantidade insignificante fronte aos 33.000 millóns pagos este ano12/. O mesmo ocorre en relación á procura dun emprego: un estudo de Pôle Emploi demostrou que o 86% dos solicitantes de rexistro cumpren coas súas obrigas de buscar emprego. E do 14% que finalmente foi dado de baixa, máis da metade se acolleu aos fondos de solidariedade ou xa non percibía ningún subsidio13/.

 Por outra banda, numerosos estudos refutan a tese oficial14/. Un dos máis detallados é sen dúbida o que concirne a Suíza15/ porque pon de relevo o obxectivo real do control das persoas desempregadas: obrigalas a aceptar un traballo degradado en comparación coa súa situación anterior. Certamente, sinalan os autores, "activar [a busca de emprego] á xente desempregada mediante a introdución dun sistema de sancións pode ser un método relativamente económico e eficaz de facer que volvan traballar máis rapidamente [pero] as e os solicitantes de emprego expostos a unha sanción tenden a reducir os seus requisitos de calidade do traballo" e vense obrigados a aceptar traballos de menor calidade desde o punto de vista "do salario e da duración do emprego ".

 Finalmente, a lóxica neoliberal de renovar o emprego custar o que custar esquece que ao presionar as e os desempregados para que acepten un traballo que non se corresponde coas súas habilidades, ao final leva a privar a outros desempregados menos cualificados destes traballos, “nun triste xogo das cadeiras”16/.

Unha longa degradación

 A finais de 2019, había 6,1 millóns rexistrados en Pôle Emploi, mais só 3,7 millóns podían “percibir subsidio”, e só 2,7 millóns o percibiron realmente”17/. Estas diferenzas pódense explicar por toda unha serie de motivos: ingresos por actividade reducida non acumulábeis, compensación diferida, período de espera, sanción, cobertura da Seguridade Social. No mesmo período, a dotación media era de 1.231 € brutos (antes de impostos e outras deducións) mensuais para un salario medio anterior de 2.135 €. A metade das persoas indemnizadas recibiu menos de 1.077 euros e unha cuarta parte menos de 912 euros18/.

 Á xente en desemprego compensada por Pôle Emploi, hai que engadir a quen percibe subsidios estatais. O principal é o ASS (subsidio específico de solidariedade) destinado a quen esgotou as prestacións. O seu nivel é moi baixo (16,74 euros ao día), pero [para percibilo] é necesario exercer unha actividade asalariada de polo menos cinco anos nos últimos dez anos. En total, a proporción de persoas inscritas en Pôle Emploi que recibe subsidio está diminuíndo constantemente: en 2010 era o 62% e antes da pandemia só chegaba ao 56%. Obviamente, esta porcentaxe aumentou coa chegada da pandemia, como se mostra no seguinte gráfico.

Cara á inclusión do seguro de desemprego nos orzamentos

 Detrás da reforma, hai un proxecto máis ambicioso que ten como obxectivo desfacerse do carácter paritario [das institucións que xestionan o paro] e da lóxica garantista deste, e reintroducir os subsidios por desemprego nas finanzas públicas. A coxestión xustificábase polo feito de que os recursos do sistema consistían exclusivamente en cotizacións proporcionais á masa salarial, polo que era lóxico que a súa xestión fose froito da negociación entre patronal e sindicatos.

 Cómpre sinalar aquí que o sistema de protección social francés establece unha distinción, en parte artificial, entre as cotizacións sociais da patronal e as das e os traballadores. Con todo, as cotizacións por desemprego das e os asalariados abolíronse en 2018 e substituíronse por unha parte do produto da CSG (Contribución social xeneralizada) que é un imposto que se establece sobre todos os ingresos. Esta nova fonte de financiamento representa agora un terzo dos recursos de Unédic, que polo tanto xa non proceden exclusivamente de achegas. Este é un cambio importante, xa que, polo menos formalmente, as e os asalariados xa non contribúen ao financiamento do sistema.

 Pero este é, sen dúbida, só un primeiro paso. Xunto coas consultas sobre a reforma, e de forma moi oportuna, tres economistas acaban de lanzar un globo sonda19/. O seu escrito subliña acertadamente unha falla no sistema; a saber, que os seus ingresos caen cando a economía está mal e que, ao mesmo tempo, o número de desempregados tende a aumentar. Poderiamos imaxinar diferentes formas de modular mellor os ingresos segundo a situación económica, pero os autores teñen en mente un obxectivo moito máis radical. Non se trata nin máis nin menos de integrar todo o seguro do paro no orzamento da Seguridade Social (que tamén recomenda o Tribunal de Contas), para "controlar mellor a evolución do gasto público no seu conxunto".

 Basicamente, o reto desta reforma é contribuír á transición dunha lóxica aseguradora a unha lóxica asistencial. Este obxectivo xa foi reivindicado de forma clara por Macron durante a campaña presidencial cando declarou que quería deixar atrás un "sistema asegurador no que todo o mundo di: eu contribuín, teño dereito a ser compensado”20/. Así pois, ábrese a porta á compensación por desemprego desconectada das contribucións e indexada unicamente ás limitacións orzamentarias.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

[1] BFM TV, 28 de febreiro de 2021. O vídeo pódese ver aquí: http://tankona.free.fr/borne221.mp4

[2] Cécile Hautefeuille, « La réforme de l’assurance-chômage donne la priorité à la baisse des allocations », Mediapart, 19 febreiro 2021.

[3] Pierre Cahuc et Corinne Prost, « Améliorer l’assurance chômage pour limiter l’instabilité de l’emploi », note du Conseil d’analyse économique, setembro 2015.

[4] Citée par Anne Eydoux, « Réforme de l’assurance chômage : l’insécurisation des demandeurs d’emploi », artigo dos Economistes atterrés, xullo 2019.

[6] Henri Sterdyniak, « Peut-on gagner plus en étant chômeur qu’en travaillant ? », Mediapart, 10 marzo 2019.

[6] Mathieu Grégoire, Claire Vivès, Jérôme Deyris, Quelle évolution des droits à l’assurance chômage ? 1979-2020, IRES, maio 2020.

[7] Este gran momento da comunicación está inmortalizado aquí: http://tankona.free.fr/penicaud19.webm

[8] Unédic, Evolution des règles d’assurance chômage. Impact des évolutions au 1er avril 2021, 12 novembro 2020.

[9] France Info, « Réforme de l’assurance chômage : le secrétaire général de la CFDT, Laurent Berger, envisage un recours devant le Conseil d’État », 3 marzo 2021.

[10] Proposta recollida por Sandrine Foulon, « Chômeurs : par ici l’addition ! », Alternatives économiques, 3 marzo 2021.

[11] Non hai mais que ver este vídeo alucinante (e alucinado?), filmado no Palacio do Elíseo e, polo tanto, asumido polo presidente: http://hussonet.free.fr/macronpognon.htm

 [12] Sandrine Foulon, « Faut-il durcir le contrôle des chômeurs ? », Alternatives économiques n°376, 26 xaneiro 2018.

[13] Alain Ruello, « Contrôle des chômeurs : les vrais chiffres de Pôle emploi », Les Echos, 8 novembro 2017.

[14] Michel Husson, « Assurance chômage : une voie punitive inefficace », Alternatives économiques, maio 2017.

[15] Patrick Arni et al., « How effective are unemployment benefit sanctions? Looking beyond unemployment exit », Journal of Applied Econometrics, vol. 28, n° 7, novembro-decembro 2013.

[16] Ioana Marinescu, « Le chômage et le jeu de chaises musicales », Libération, 4 maio 2017.

[17] Unédic, Taux de couverture par l’indemnisation, 2021.

[18] Unédic, Allocations chômage, 2021.

[19] Pierre Cahuc, Stéphane Carcillo, Camille Landais, « Repenser l’assurance-chômage : règles et gouvernance », nota do Conseil d’analyse économique n°61, xaneiro 2021.

[20] Emmanuel Macron, « Mon projet économique », Les Echos, 23 febreiro 2017.

 

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 13 de marzo de 2021]