A reforma do desemprego dificulta o acceso a unha prestación e reduce contías e duración
O Real Decreto-lei 7/2023, que incorporou a modificación do artigo 84 do ET no sentido de que os convenios negociados en Galiza teñan prioridade aplicativa sobre os de ámbito estatal -unha reivindicación histórica da CIG-, contempla tamén unha serie de medidas para a simplificación e mellora do nivel asistencial da protección por desemprego.
Mais na práctica estes cambios dificultan o acceso a unha prestación, reducen as contías e a súa duración e aumentan a capacidade das empresas de transferir ao sector público os custos sociais da situación de empobrecemento e precariedade xeneralizada pola extensión dos baixos salarios e da contratación parcial e fixa descontinua, tal e como a CIG advertía días atrás durante a presentación dunha batería de propostas para que as reformas do desemprego garantan os dereitos das persoas traballadoras en paro.
A reforma afonda tamén na privatización dos servizos públicos de emprego, xa que as axencias privadas de colocación realizarán labores de intermediación laboral ao mesmo nivel, intensidade e capacidade que a Axencia Estatal de Emprego (SEPE). Ademais, as persoas traballadoras beneficiarias de prestacións por desemprego estarán obrigadas a participar nas actividades e programas que realicen estas axencias privadas.
Trátanse dunhas modificacións impostas pola UE para acceder a novos pagamentos dos fondos Next Generation, “uns fondos que están a hipotecar o noso futuro xa que se condicionan a executar medidas, baixo a forma de reformas, que constitúen un auténtico plan de axuste, de novos recortes de dereitos que se suman aos aprobados no seu día polo PP e que, a día de hoxe, seguen vixentes porque o actual Goberno español non os derrogou”.
Polo tanto, a CIG considera que nos atopamos ante un novo capítulo da “propaganda e da esaxeración” de medidas nas que non se avanza no recoñecemento de dereitos como se anuncia, senón que nalgún caso mesmo supón o contrario: graves recortes. “Con estas reformas, igual que se fixo coa reforma laboral, buscan maquillar os datos de desemprego e falsear a realidade da precariedade laboral, antes marcada polo contratos temporais e hoxe pola contratación parcial e fixa descontinua”.
Subsidio por desemprego
O decreto-lei reforma o nivel asistencial da protección por desemprego, simplificando as modalidades de subsidio por desemprego, que se reducen a dous supostos: o subsidio por esgotamento e o subsidio por cotizacións insuficientes. Consérvase, ademais, o subsidio de maiores de 52 anos na súa contía do 80% do IPREM (480 euros).
Porén, é importante ter en conta que estas medidas non entrarán en vigor até o mes de xuño de 2024, de maneira que as axudas que se soliciten até esa data estarán reguladas pola norma anterior en canto a requisitos, importes e persoas beneficiarias. De maneira transitoria, mantéñense os dereitos recoñecidos coa normativa anterior até a súa extinción.
Non se modifica o criterio de rendas: para o acceso ao subsidio, esíxese non ter ingresos superiores ao 75% do SMI de forma individual. Para acreditar cargas familiares, ademais, é necesario non superar esa mesma cantidade sumando os ingresos de todas as persoas que compoñan a unidade familiar e dependan economicamente do solicitante e dividindo polo número de membros, como até o de agora.
PRINCIPAIS NOVIDADES DA REFORMA
-Contías do subsidio:
As contías do subsidio, que até o de agora era do 80% do IPREM (480 euros), pasan a ser:
• 570 euros durante os primeiros 6 meses (95% do IPREM durante os primeiros
180 días).
• 540 euros os seis meses seguintes (90% do IPREM desde o día 181 ao día 360).
• 480 euros até a súa extinción (80% do IPREM a partir del día 371).
-Ampliación das persoas beneficiarias:
Aquí debemos distinguir entre as dúas modalidades do subsidio:
• Suposto de cotización insuficiente para cobrar a prestación contributiva: Baixo a norma anterior, as persoas sen responsabilidades familiares só podían acceder ao subsidio por desemprego se cotizaran seis meses, prazo que se reducía a tres meses para as persoas que tiñan outros familiares a cargo. Agora prodúcese unha equiparación e, en ambos os supostos, tres, catro ou cinco meses de cotización dan dereito a tres, catro ou cinco meses de subsidio.
Porén, cando se cotizaron seis meses ou máis actívase de novo a diferenza entre persoas sen responsabilidades familiares e con elas. No primeiro caso recibirán o subsidio durante seis meses e no segundo durante 21.
• Suposto de esgotamento da prestación por desemprego:
A reforma dá dereito ao subsidio ás persoas menores de 45 anos sen responsabilidades familiares, que até o de agora estaban excluídas, sempre que cumpran o requisito de ingresos. Porén, as súas condicións de acceso ao subsidio son máis duras: para un subsidio de seis meses duración teñen que ter esgotada unha prestación de 360 días ou máis, cando aos maiores de 45 anos só lles piden 120 días.
No caso de teren responsabilidades familiares, as persoas menores de 45 anos podían, até o de agora, acceder ao subsidio durante menos tempo que as maiores desa idade. Agora van estar equiparadas e o subsidio será de 24 ou 30 meses dependendo da duración da prestación esgotada, sen considerar a idade da persoa beneficiaria.
Outra das novidades é a eliminación do prazo de agarda dun mes para poder pedir o subsidio cando se esgota a prestación contributiva. A axuda comeza a cobrarse desde o día seguinte, sempre que se solicite nos primeiros 15 días ou, se non se fai así, desde a data da solicitude.
-Compatibilidade cun contrato: complemento de apoio ao emprego (CAE)
Regúlase a compatibilidade do subsidio co traballo por conta allea por un período de 180 días por cada novo emprego a tempo completo ou parcial sen redución da contía. Esta medida tamén será de aplicación ás persoas traballadoras fixas descontinuas durante os períodos de inactividade. Iso si, non se poderá compatibilizar se o traballo é nunha empresa en ERE ou unha empresa en que a persoa beneficiaria traballase no último ano.
As prestacións por desemprego (contributiva e subsidio) serán compatíbeis coas bolsas e axudas que se obteñan por asistencia a accións de formación profesional ou no traballo ou para realizar prácticas formativas ou prácticas académicas externas en entidades públicas ou privadas.
Polo tanto, apróbase unha nova medida regresiva que significa subministrar man de obra barata ás empresas, que conseguen gratuitamente transferir ao sector público a pobreza laboral que causan as permanentes reformas laborais e o fomento dunha menor protección social.
-Penalización na pensión das persoas que cobren o subsidio para maiores de 52 anos
Empeora a cotización á Seguridade Social para as persoas perceptoras do subsidio para maiores de 52 anos. Isto afectará negativamente as súas futuras pensións de xubilación, que serán máis baixas.
Así, actualmente as persoas nesta situación cotizan por unha base equivalente ao 125% da base mínima. Coa modificación legal, cotizarán polo 105%, aínda que se estabeleceu unha regra transitoria e esta medida comezará a aplicarse en 2028.
Con todos estes cambios apróbase tamén a suspensión do subsidio cando no SEPE consideren que se ten dereito a pensión contributiva de xubilación, empurrando as persoas traballadoras á xubilación e interrompendo a posibilidade de ter máis anos de cotización e máis pensión. Con esta medida legalízase unha práctica inxusta e indiscriminada forma de proceder que o Estado leva anos facendo contra moitas persoas traballadoras.
Dereito de ausencia no permiso de lactación
-O permiso de lactación non pasa a ser de 28 días.
A pesar da propaganda, o único cambio que se introduce neste decreto-lei consiste na eliminación da alusión “nos termos que se estabeleza na negociación colectiva ou acordo ao que se chegue coa empresa”, pero sen ficar estabelecido o número de días no caso do goce acumulado ou a posibilidade de gozar do permiso no caso de ter a suspensión do contrato por nacemento a tempo parcial ou de interrompelo e gozalo por períodos semanais.
-Non se aproveitou para facer retribuído o permiso parental.
Chama a atención que no preámbulo da norma se aluda ao carácter complementario deste dereito co permiso parental do artigo 48 bis ET, introducido mediante o Real Decreto-lei 5/2023, do 28 de xuño, e non se aproveite para regular o seu carácter remunerado, que é un aspecto pendente de transposición.
Tanto a existencia do permiso parental como o seu carácter remunerado son consecuencia obrigada da Directiva (UE) 2019/1158. Porén, o Goberno español optou por facer unha transposición secuenciada. Así, a disposición derradeira oitava do Real Decreto-lei 5/2023, do 28 de xuño, aclara que a directiva está transposta para os efectos da existencia do permiso parental, mais non para os efectos da súa remuneración.
Esta segunda característica do permiso, o seu carácter remunerado (mediante salario ou unha prestación pública, consonte o artigo 8 da directiva), deberá ser obxecto de transposición antes do 2 de agosto de 2024, que é cando finaliza o prazo que dá a propia norma europea no seu artigo 20.