A ‘reforma’ das pensións que aprobará o Congreso “nin corrixe nin derroga as reformas anteriores”

A CIG rexeita un texto no que non se tiveron en conta as emendas propostas pola central sindical
Nacional - 23 Nov 2021

A CIG manifesta o seu rexeitamento ao texto acordado no Congreso, tras do debate das emendas, para a reforma das pensións porque, segundo afirma o secretario xeral, Paulo Carril, “nin corrixe, nin derroga as reformas anteriores e abre as portas a novos recortes”. A central sindical cualifica a proposta de ‘lesiva’ non só para as pensións presentes, senón tamén para as futuras e denuncia que non se tiveron en conta as súas emendas, que foron trasladadas a través do BNG.

A CIG propoñía, a través desas emendas, recuperar a idade de xubilación aos 65 anos; ir a un período de cálculo de 10 anos, a escoller polo propio traballador ou traballadora, e a recuperación da xubilación parcial, entre os 60 e os 65 anos, para favorecer o emprego xuvenil. Fronte a isto mantense a reforma das pensións de 2011, que supuxo unha caída das pensións do 25% ao se ampliar a idade de xubilación aos 67 anos e aumentar o período de cálculo aos 25 anos.

Esta reforma tampouco garante o poder adquisitivo das prestacións, xa que as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo coa Carta Social Europea, que sería neste momento de 1.150€ ao mes.

Ademais segue anulando a xubilación parcial, penalizando a xubilación anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, mentres impide a entrada de xente nova no mundo do traballo, cronificando así a emigración e o paro xuvenil, entre os menores de 25 anos.

A CIG denuncia como se condena a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico, mentres se reduce a cota empresarial por continxencias comúns durante as incapacidades temporais das persoas maiores de 62 anos, que eles mesmo castigan.

Diálogo social

O secretario xeral da CIG manifesta ademais o seu rexeitamento porque se chegara a este texto a través das propostas emanadas do diálogo social “anulando unha vez máis os órganos institucionais lexítima e legalmente constituídos” e como vía para impedir a participación “de todos os axentes que teñen dereito a estar”.

Considera ademais que se están dando as costas “a milleiros de pensionistas que reclaman pensións dignas” e que se faga esta reforma “para dar traslado á axenda que a UE exixe para poder acceder aos fondos europeos”.

Lembra que o gasto medio da UE en protección social é do 27,4% do PIB, mentres que no Estado español é de tan só o 23,1%, e que o gasto medio en pensións na UE está no 10, 9%, mentres que no Estado español está no 9,8% do PIB o que “pon en evidencia a distancia enorme que hai no gasto en pensións”.

Carril defende, xunto a isto, que se despenalicen as grandes carreiras de cotización e  o “dereito a ter unha vida digna” recuperando a xubilación parcial, para facer así xustiza con moitas profesións. “En Galiza morren máis persoas por accidente laboral que na media do Estado, precisamente por esas longas carreiras de cotización e porque non teñen idades axeitadas para desenvolver determinados traballos, non só pola falta de medidas de seguridade, que tamén”.

O secretario xeral da CIG insiste ademais na necesidade de que se derrogue a reforma laboral porque é fundamental a vía das persoas cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións.

Advirte ademais de que “á lesividade desta nova reforma súmanselle  os anuncios de  novas medidas para o ano 2022,  como ampliar o período de cálculo da pensións dos 25 anos actuais aos 35, ou aumentar a idade de xubilación”.

Mobilizacións

Carril lembra que a CIG convoca, para o vindeiro día 1 de decembro, mobilizacións en comarcas e vilas porque, camiño do final do ano, esta reforma das pensións e os orzamentos do Estado e da Xunta veñen confirmar o que desde a central sindical se viña advertindo: que estamos ante unha profunda crise que se multiplicou coa pandemia e que, para afrontala, nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado están a adoptar as medidas necesarias para que non sexan, unha vez máis, a clase traballadora e o pobo galego quen a paguemos.

Mobilizacións para denunciar que non só non se derrogan as reformas das pensións de 2011, do PSOE, e 2013, do PP, senón que se reafirman as daniñas medidas que “precisamente están a provocar que en Galiza miles de persoas xubiladas e pensionistas cobren pensións de miseria”.