A Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina traslada a petición de suspender o acordo comercial UE-Israel

Representantes de ETUN, da que fai parte a CIG, reuníronse con parlamentarias europeas
Internacional - 13 Dec 2024

O pasado día 9 de decembro, un grupo de representantes do Comité Directivo da Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina (ETUN polas súas siglas en inglés), entre os que está a CIG, mantivo varios encontros con parlamentarias europeas de diferentes grupos. O obxectivo era facerlles chegar a demanda de suspensión do Acordo Comercial entre a Unión Europea e Israel, para que así o trasladasen aos debates no propio Parlamento, e para que tamén se lle fixese chegar á Comisión Europea e os/as comisarios/as correspondentes.

» CARTA TRASLADADA POR ETUN ÁS EURODEPUTADAS

Durante estes encontros fíxose entrega dunha carta, apoiada por máis de 33 organizacións sindicais europeas, e asinada por 137 parlamentarios e parlamentarias dos diferentes estados que forman parte da UE.

No escrito expóñense os argumentos que xustifican sobradamente esa petición:

1º) Instamos a Comisión a que cumpra coa súa responsabilidade como “gardián do Tratado”, cumprindo o ditame consultivo do Tribunal Internacional de Xustiza, e atendendo ás solicitudes dos gobernos de Irlanda e do Estado español, para que o Consello tome as medidas axeitadas sobre as constantes violacións dos dereitos humanos por parte de Israel co pobo palestino, incrementadas gravemente nestes últimos 23 meses. Ademais de estar impedindo o traballo da Axencia de Axuda da ONU (UNRWA).

2º) No artigo 2º do Tratado fálase claramente do obrigado cumprimento deste aspecto, no senso de respectar os dereitos humanos.

3º) A Comisión de Investigación da ONU concluíu que Israel cometeu crimes de guerra e crimes de exterminio contra a humanidade, con ataques, incluso, contra o persoal e as instalación médicas en Gaza.

4º) O Tribunal Internacional de Xustiza, na súa opinión consultiva, destacou as consecuencias legais que incumben aos estados e ás organizacións Internacionais, incluíndo o deber de non recoñecemento, non asistencia e cooperación por medios lícitos para poñer fin ás violacións asociadas.

5º) O goberno de Israel, lonxe de facer caso a estas recomendacións, iniciou a maior escalada en Cisxordania desde 2002, con miles de vítimas, vivendas derrubadas e terreos roubados ou destruídos.

6º) Membros das organizacións sindicais palestinas víronse especialmente afectados polas accións cada vez máis brutais do Estado de Israel, así como traballadores/as sanitarios, cooperantes e xornalistas (No informe anual da OIT queda patente).

7º) Durante os últimos 12 meses, o Consello de Seguridade da ONU aprobou catro resolucións sobre Gaza, entre elas unha que pedía o alto o fogo, e a Corte Internacional de Xustiza emitiu tres sentenzas vinculantes que enumeran as medidas urxentes que as autoridades israelís deberían tomar para evitar o risco de xenocidio, todas elas incumpridas. E tamén emitiu unha opinión consultiva que considera a ocupación do territorio palestino por Israel como ilegal, e que Israel está a aplicar segregación racial e apartheid contra o pobo palestino.

8º) As mesmas persoas enviadas pola UE pediron presións Internacionais para deter as deportacións masivas e subliñaron a necesidade de render contas. Incluso o propio Alto Representante da UE para Asuntos Exteriores manifestou a súa preocupación por esta situación.

Mais, a pesar de toda esta escalada de acontecementos, a UE non fixo nada, máis alá de declaracións chamando a desescalada.

O respecto dos dereitos humanos constitúe un “elemento esencial” dos Acordos de Asociación da UE con países socios, incluído Israel. A UE non tivo problema en aplicar esta premisa para esixirllo a outros países (resposta dada pola vice presidencia de Mogherini no 2015), como Níxer, Guinee-Bissau, Fiji, Liberia, Zimbabwe etc. Por que non o fai con Israel?.

Consideramos que, en base a ese artigo 2 do Tratado, e con todas as probas e acontecementos que existen, a UE debe suspender de inmediato ese Tratado Comercial con Israel.

Encontro coa eurodeputada galega, Ana Miranda, e outras representantes

O primeiro encontro que mantivo a delegada de ETUN foi coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, membro do Comité de Peticións (PETI), cuxo equipo de persoas asesoras facilitou todos os trámites para a acreditación e entrada no Parlamento. Mostrou o seu apoio ás demandas sindicais, e a disposición a colaborar, tanto en facer a correspondente pregunta no plenario, como para ser citados como parte diante da Delegación Palestina, na Comisión de Dereitos humanos, ou a prestar asesoramento para emprender acción xurídicas, tanto na UE. como nos respectivos Estados.

Tamén se recibiu o apoio e ofrecemento de colaboración do resto de deputadas coas que se mantiveron encontros:

  • Rudi Kennes, Eurodeputada belga do grupo da Esquerda Europea, e membro do Comité Internacional de Comercio (INTA), e do Comité de Investigación e Innovación (ITRE).
  • Saskia Brickmont, Eurodeputada belga do grupo dos Verdes, tamén membro do INTA.
  • Lynn Boylan, Eurodeputada irlandesa do grupo da Esquerda Europea, portavoz da Delegación para as Relacións con Palestina, e membro de INTA.
  • Liesbet Sommet, Eurodeputada belga do grupo do Partido Popular Europeo (cristiá demócrata).
  • Estelle Ceulemans, Eurodeputada belga da Socialdemocracia.
  • Anderson Finlay, Representante Permanente de Irlanda en Bruxelas, para a Unión Europea.

Reunión do comité directivo de ETUN

Previamente a esta serie de encontros, as organizacións que forman parte do Comité Directivo da Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina, fixeron unha reunión presencial para tratar os seguintes asuntos:

  1.  Información sobre as accións desenvolvidas nos respectivos países en solidariedade con Palestina.
  2. Preparación previa das entrevistas coas eurodeputadas, na xornada de tarde.
  3. Informe da campaña “Don't buy into ocupation” DBIO ("non ás inversións no territorios ocupados”). Actualización de datos do informe sobre as empresas que están colaborando con Israel nos territorios ocupados e que se fará público en próximas datas.
  4. Avaliación sobre a campaña de suspensión do acordo comercial entre a UE e Israel, e futuras accións a levar a cabo.
  5.  Balance económico do 2024 e presuposto para o 2025.

En Santiago de Compostela, a 12 de decembro de 2024

Departamento de Relacións Internacionais