A Rede Europea de Sindicatos pola Xustiza en Palestina (ETUN) celebra o seu encontro en Bilbo
Durante o 17 e 18 de novembro celebrouse en Bilbo o encontro da Rede Europea de Sindicatos pola Xustiza para Palestina (ETUN) do que a CIG participou como membro integrante xunto con outros sindicatos europeos de Bélxica, Irlanda, Irlanda do Norte, Países Baixos, Noruega, Euskal Herria, Catalunya e Andalucía.
A reunión da rede, que xa leva anos de traxectoria, serviu para facer balance do traballo desenvolvido durante os últimos dous anos, como a apelación á Comisión e Consello Europeo a fin do embargo militar e da suspensión dos acordos UE-Israel, a xuntanza en Bruxelas con eurodeputados e eurodeputadas, ou, xa no presente ano, diversas campañas informativas co obxectivo de chamar á acción contra os gobernos estatais e para continuar coa presión para finalizar a complicidade dos organismos europeos con Israel en coherencia coa lexislación internacional e cos dereitos humanos.
Para alén disto, na etapa previa á reunión vense traballando nunha listaxe de empresas e compañías europeas que persisten no acordo comercial co ente sionista e que seguen a favorecer, en definitiva, o xenocidio en curso e o apartheid.
Iniciativas solidarias e acordos
Ademais dos aspectos internos, os sindicatos de Euskal Herria organizaron durante a tarde do 17 unha xuntanza con traballadores da empresa vasca CAF para ilustrar a súa acción en oposición aos pedidos dos tranvías de Xerusalén e de Tel Aviv, dous proxectos estratéxicos para alicerzar a colonización do territorio palestino. Púidose, ademais, coñecer na mañá do 18 o traballo desenvolvido polas iniciativas solidarias con Palestina desde Euskal Herria, nomeadamente, as accións e o traballo desenvolvidos polo BDZ (BDS en galego), fomentadora das accións de boicot, e a plataforma Gernika-Palestina, impulsora de parte da mobilización social do pobo vasco e navarro.
Esta iniciativa constitúese como un espazo de análise das realidades e casuísticas en que cada sindicato actúa e, por outra banda, das iniciativas que se veñen desenvolvendo na mobilización popular, en consonancia cos movementos sociais e a través de iniciativas e accións impulsadas polos diferentes sindicatos.
Tratáronse na xuntanza aspectos de funcionamento interno, como os cambios orgánicos na directiva ou o financiamento, mais tamén se analizaron os retos para continuar desde o ámbito sindical o apoio ao pobo palestino e, en especial, á clase traballadora palestina.
Os acordos para a continuidade do traballo conxunto nos próximos anos versaron sobre tres eixos fundamentais: seguir denunciando a complicidade da UE con especial incidencia no marco xurídico, apoiar as traballadoras e traballadores palestinos/as e facer chegar as súas voces a Europa, e, por último, incidir na expansión da rede e ensanchar a súa base para lograr unha maior implicación dos sindicatos.