A quen beneficia o rearmamento da Unión Europea?

Maurizio Vezzosi - 28 Mar 2025

Na visión de Donald Trump, así como na de Ursula Von der Leyen, a Unión Europea é, en resumo, un lugartenente antirruso baixo o control da OTAN. Con custos enerxéticos insostíbeis e unha clase media cada vez máis empobrecida, Europa continuará desindustrializándose para beneficio de Washington

 Malia o obxectivo declarado da Casa Branca de alcanzar a paz en Ucraína, a Unión Europea, representada por Ursula von der Leyen, anunciou un plan de rearmamento por valor de 800.000 millóns de euros.

 O máis probábel é que, tras as declaracións aparentemente contraditorias entre Washington e Bruxelas, os principais beneficiarios deste plan sigan sendo os Estados Unidos. Á fin e ao cabo, como pode coexistir un plan deste tipo cos pedidos para a súa propia industria bélica que Washington exixe abertamente aos países de Europa occidental?

 A burocracia da Unión Europea, non por casualidade, está en gran parte en mans de funcionarios polacos e bálticos, unidos por unha cegueira ideolóxica antirrusa. O impulso báltico imposto á Unión Europea é unha das mellores ideas que Washington produciu en detrimento de os intereses europeos.

 O Anovado apoio –de 2.500 millóns de libras– anunciado polo primeiro ministro británico Starmer para Ucraína parece ter máis que ver co desexo de se apoderar de tantos recursos ucraínos como sexa posíbel –xa sexan metais raros ou doutro tipo– ante a temida derrota das tropas de Kiev. Unha loita, a dos recursos de Ucraína, na que Gran Bretaña –como Francia– non se quere contentar coas migallas que deixan caer os Estados Unidos.

 Ademais disto, a pesar dos tons altisonantes, segundo as estimacións dalgúns medios británicos, os tanques dispoñíbeis do exército británico serían da orde dunhas poucas ducias: este elemento, non o único, suxire que as declaracións belicosas do primeiro ministro británico así como doutros representantes da Unión Europea serven basicamente para inflar as cotas de mercado da industria militar, en lugar de preparar as súas tropas para marchar sobre a Praza Vermella.

 Tamén paga a pena lembrar, con todo, que mesmo durante a Segunda Guerra Mundial e até o epílogo de Suez, as posicións de Londres eran moito máis extremistas que as de Washington.

 Por outra banda, a pesar das declaracións de Donald Trump, os intereses das finanzas estadounidenses están a empurrar a Europa á beira da guerra… se unha iniciativa europea realmente apuntase á paz e a estabilidade sobre a base dunha relación de boa veciñanza con Moscova, os intereses das grandes finanzas estadounidenses veríanse debilitados.

 Para evitar este escenario, Washington aborda con Moscova as grandes cuestións de seguridade estratéxica mutua –nuclear e convencional– e impón á burocracia da Unión Europea o extremismo que estamos a presenciar.

 Enormes pedidos á industria militar estadounidense esperan ser pagados co diñeiro de traballadores europeos, mentres Washington os agradece coa burla dos aranceis. Aranceis que deberían responderse, como mínimo, coa eliminación inmediata das sancións contra a Federación Rusa e reactivando a industria europea.

 En esencia, tanto as políticas da Casa Branca como as de Bruxelas van contra os europeos, mentres que a “cegadora” idea da reconstrución de Ucraína distrae a atención dos problemas e intereses xerais.

 É importante ter claro un punto: a Casa Branca quere a paz entre Washington e o Kremlin, pero NON a paz en Europa. Se os Estados Unidos realmente quixesen a paz en Europa, non imporían sancións asfixiantes, compras antieconómicas de enerxía e aumentos colosais do gasto militar para o seu propio beneficio.

 Na visión de Donald Trump, así como na de Ursula Von der Leyen, a Unión Europea é, en resumo, un lugartenente antirruso baixo o control da OTAN. Con custos enerxéticos insostíbeis e unha clase media cada vez máis empobrecida, Europa continuará desindustrializándose para beneficio de Washington.

 Baseándose nesta premisa, os Estados Unidos planean concentrar todos os seus recursos contra China. Mentres, Financial Times escribe explicitamente que os países europeos deben «reducir» os seus estados de benestar para fortalecer a economía de guerra, deixando definitivamente atrás os mantras neoliberais sobre orzamentos equilibrados e o pacto de estabilidade.

 Pola súa banda, o discurso de Emmanuel Macron á nación francesa ofreceu unha representación clara das características dun fantasmal exército europeo. Si, tarde ou cedo a OTAN terminará, como todas as alianzas militares: a pesar diso, os intereses das grandes finanzas estadounidenses seguirán espoliando os recursos do espazo europeo.

 O «continxente europeo de paz» do que se fala estas horas sería sen dúbida unha ferramenta útil para este propósito, requirirá enormes recursos para a súa implementación e contribuirá á continuación da obtusa confrontación coa Federación Rusa. O suposto inimigo existencial contra o cal debería construírse a unidade europea é o país máis grande de Europa, co maior exército e os maiores recursos.

 Ao contrario do que afirman os “líderes” europeos , o que se necesita é unha nova arquitectura de seguridade para todo o continente, non contra a Federación Rusa, senón unha iniciativa que inclúa a Federación Rusa. Unha clase política á altura desa tarefa non permitiría de ningunha maneira que se negase esta flagrante realidade.

 As pantasmas da democracia, dos dereitos e dos valores que se axitan en Bruxelas constitúen unha tapadeira gastada e hipócrita desas camarillas que, se non son detidas, conducirán a Europa ao abismo. Unha Europa digna do seu nome declararía a guerra á guerra e á pobreza, que en Italia chegou a afectar a un de cada seis italianos.

 En cambio, aos pobos de Europa Occidental os medios dominantes  prescríbenlles cada día odiar máis os rusos. Isto pode significar que, tarde ou cedo, os ucraínos enviados ao matadoiro poderían ser substituídos por nós, polos nosos fillos ou polos nosos netos.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 18 de marzo de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.