A pseudo-“normalidade” no capitalismo da globalización

Andrés Rosero E. - 25 Ago 2020

A pandemia púxonos de fronte a algunhas das características máis bárbaras do capitalismo. Destapou as xigantescas inequidades, os extremos de pobreza e desigualdade; a devastación ambiental; a economía que prioriza a especulación e o consumismo; as debilidades dos sistemas de saúde; a corrupción e as redes de lumpen-acumulación; a fascistización e as súas miserias. Aí estaban desde antes. O que fixo a pandemia é sacalas á luz

O contexto: crise civilizatoria

 A crise estrutural de 2007-2009, que conmoveu até os seus alicerces a orde capitalista planetaria e puxo en cuestión os seus fundamentos económicos de forma só comparábel á Gran Depresión[1], tivo na hipertrofia financeira unha das súas facetas máis notorias, como expresión dun “exceso” de capital, de sobreacumulación[2] (avatar da sobreprodución, ver Marx, 1978: I, 330 ou 337).

 A fuxida cara a diante converteuse nunha característica do capitalismo tardío[3], pero só leva ao capital a atopar de novo a crise máis aló, mesmo amplificada (ver Marx, 1978: I, 329). Así, a fins dos 60 e inicios dos 70, o keynesianismo (finalmente militar) do período de posguerra estaba esgotado, pois as políticas de demanda (o intervencionismo estatal) demostráronse xa non efectivas fronte á estanflación (estancamento e inflación) que provocaron. Como sinalan Duménil-Levy (2007: 43 e ss) a caída da taxa de ganancia (da rendibilidade) levou finalmente á crise, polo que a “moratoria keynesiana (e inflacionaria)” até os setenta só a atrasou. É que a diminución do progreso da produtividade do traballo levou á caída da devandita taxa e a unha máis lenta acumulación (Ibid: 56 e ss).

 Entón, o capital migrou ao neoliberalismo (Reagan-Thatcher, pero tamén Pinochet e Videla), imposto a sangue e lume como novo “sentido común” hexemónico ao pasar a unhas políticas de oferta marcadamente anti-populares por atacar o traballo (redistribución regresiva do ingreso, extensión do exército industrial de reserva, precarización laboral, desmantelamento do Estado de Benestar, etc.) e por favorecer o capital (liberalización financeira, apertura comercial, desregulación, privatización, etc.). Por iso, nun proceso crecente, o novo modelo de acumulación aguilloou a financeirización[4] plasmada na exuberancia de instrumentos que permiten succionar unha renda desde a plusvalía global xerada na economía real, tendencia apoiada pola estratexia dos organismos multilaterais e as políticas estatais. Se no capital financeiro “é onde a relación capitalista alcanza a súa forma máis externa e máis fetichista”[5] (Marx, 1978: II, 77), coa financeirización todo é reducido a obxecto de áxio [beneficio monetario]. Isto é, a hexemonía financeira abriu a caixa de Pandora da especulación que, ademais de demostrar a insania económica do capitalismo e o seu frenesí parasitario, crea burbullas incontrolábeis que ao rebentaren provocan enorme destrución. Esa febre do capitalismo salvaxe queimou toneladas de capital ficticio[6] en 2007-2009, afundiu toda a andamiaxe do capital e incendiou o teatro do mundo. Todo no inevitábel axuste das finanzas á economía real.

 O capitalismo mundial viviu unha crise sistémica, estrutural, civilizatoria[7]. Unha crise múltipla ou unha multiplicidade de crises. Aínda que a crise de sobreproduciónr rebentou a través da crise económico-financeira, tamén imprimiu a súa pegada a crise enerxética. Ademais estaba a crise de pobreza e desigualdade, de polarización planetaria. Pero afectou ao conxunto de relacións sociais baixo o influxo do capital: desde a esfera política coa crise da hexemonía global norteamericana, a crise político-militar do imperio ou a crise das formas “democráticas” da dominación política; a creba da ideoloxía neoliberal e a súa matriz neoclásica; até a crise paradigmática que se sintetiza na crise do cambio climático. Expresións da crise universal da civilización que se organiza arredor da produción xeneralizada de mercadorías, evidencia da decadencia histórica do modo de produción capitalista. Por iso, desde a perspectiva do sistema internacional como totalidade é evidente que o conxunto apuntou cara á crise da civilización do capital.

 É a crise da forma de ser do capital no mundo, da súa dinámica que destrúe a vida en prol do beneficio, dos seus modos de existencia que sementan depredación e morte, cuxos signos xa eran visíbeis con anterioridade (ver, por exemplo, Rosero, 2002-2003), pero que desde o 2007-2008 rebentou de modo evidente.

Transición: “Goldman Sachs goberna o mundo?”

 Malia as consecuencias do liberalismo ao fomentar burbullas especulativas e desfeitas de todo tipo, a crise de 2007-2008 enfrontouse cunha estratexia centrada no rescate do capital e a intervención do Estado con ese obxectivo, á vez que se impuña o axuste e se mantiña a hexemonía do capital financeiro. A masiva acción estatal traduciuse na compra de activos tóxicos, o auxilio a xigantes corporativos crebados ou a piques, a inxección de recursos aos bancos, os paquetes de auxilio, o enorme relaxamento cuantitativo (astronómica impresión de billetes), etc. Toda esa estatización de pasivos e ese despregamento de política económica activa que contraría o dogma liberal, xerou xigantescos buratos nas finanzas públicas. Entón, ademais de rescatar o capital, a política estatal tivo por obxectivo facer pagar os custos da crise á maioría dos traballadores e os pobos (no centro mais tamén nas periferias) por medio de programas de axuste. En contraste, boa parte dos principais responsábeis da desfeita foron premiados, e mesmo dirixían os Estados e o mundo no seu propio beneficio.

 Como o dixo un pretendido operador de Bolsa: “Goldman Sachs goberna o mundo” (La Vanguardia, 27/09/2011). O que recoñece a hexemonía global dunha oligarquía financeira transnacional que subordina o poder político, en algo demasiado parecido a unha ditadura do capital financeiro, a un totalitarismo de novo tipo, claro que nun ambiente “feliz”, de consenso “activo”, nun ambiente “amigábel”, de supresión de liberdade “agradábel” (Marcuse, 1972), consenso que nunca deixa de estar acoirazado de coerción (ver Gramsci, 1975: 165). Os custos de tal exercicio hexemónico vense nos extremos de pobreza e desigualdade, de opresión patriarcal e colonial, así como nas guerras que o imperialismo acomete directamente ou por terceiros, na devastación ambiental...

 Dado que o predominio financeiro se mantivo tras a crise 2007-2008, volveu desatarse a especulación con toda a amplitude do cancro. Entón, reactualizouse o fame insaciábel de ouro e a tola carreira por beneficios cada vez maiores a calquera custo, lóxica central do modo de produción; así como o seu ethos, a ética individualista que subordina todo aos seus intereses ou pulsións, ou sexa ao seu ser, a si mesmo.

 A banca transnacional mantívose impune e foi auxiliada polos Estados mentres se abandonou aos cidadáns á súa sorte e impúxose o axuste ás sociedades para cubrir o rescaste bancario; os paraísos fiscais incontrolados, a libre mobilidade de capitais intacta, a escasa supervisión sobre o sistema financeiro internacional, a súa opacidade, que posibilitan a súa mancomunidade de facto cos diñeiros negros do roubo dos fondos públicos, do tráfico de armas, de drogas, de persoas e de tantos outros “negocios” fraudulentos; a expansión da corrupción como unha metástase, contracapa da propagación da lumpen-acumulación[8]; os mecanismos de endebedamento público que proporcionan imporantes beneficios aos investidores (moitos deles verdadeiros piratas transnacionais, como Goldman Sachs) que están ultra-protexidos polos organismos multilaterais; o poder político controlado polo gran capital, nunha colusión de intereses impúdica que deixa os banqueiros a cargo[9]. É dicir, a saída da crise 2007-09, tras o rescate masivo dos bancos, foi o axuste neoliberal e, despois deste, o reino da especulación e a finanza, o cal demostrou por unha banda que o capital non ten proxecto alternativo estratéxico, pero por outro significou máis do mesmo. Neste período post-crise 2007-09 a economía tivo un crecemento ralentizado, case estancado. Así, o capital ía vento en popa... cara a unha nova crise sistémica.

 Un índice da traxectoria da economía tomada lucro financeiro é o crecemento desproporcionado da valoración das accións en Wall Street que, máis que de dar conta da situación real das empresas, expresa a procura insaciábel de renda especulativa. Así, a Media Industrial Dow Jones, desde marzo/2009 até febreiro/2020, tivo un crecemento exacerbado de máis do 350%, como se aprecia no gráfico 1.

 

Gráfico N° 1

Evolución da Media Industrial Dow Jones sobre os últimos dez anos

(Fonte: Macrotrends)

 En contraste, o crecemento da economía mundial non consegue superar os seus rexistros históricos, como se pode ver no Gráfico N°2. Está claro que a tendencia a longo prazo (desde os anos 60 até a actualidade) é cara ao debilitamento na taxa de crecemento, con momentos de forte desaceleración nas crises periódicas (1974-75, 1982, 1991-1993, 2001-2002, 2008-2009).

 

Gráfico N° 2

Crecemento do PIB (% anual)

(Fonte: Banco Mundial)

 Até a aparición do coronavirus, o capitalismo da globalización neoliberal baixo hexemonía estadounidense (en disputa) ía cara a unha profunda crise (mesmo anunciada para o 2020) polas súas propias características e as súas contradicións. Nouriel Rubini adiantou a posibilidade dunha crise máis fonda, debido ás políticas de Trump, as disputas comerciais, o proteccionismo, limitar a inmigración e os fluxos de tecnoloxía e investimento, entre outras (El Economista, 2018). Jean Claude Trichet (ex-presidente do Banco Central Europeo) sinalou que a crise non terminou e que a acumulación de débedas preparaba o camiño dunha nova crise (El País, 2018). Bill Gates tamén predijo a nova crise económica, o difícil era saber cando “mais é unha certeza” (Las Américas, 2018).

 Todo isto se daba, ademais, nun contexto de loita inter-imperialista (os EUA contra China, Rusia, pero tamén contra a Unión Europea -incluído o Brexit-) que expresa a decadencia dos EUA e a loita por ocupar a súa posición, pois mesmo para poderosos sectores norteamericanos a globalización excedeu límites tolerábeis e propoñen retraerse do papel de xendarme planetario sen descoidar o seu interese imperialista (America First), con guerras comerciais, con sanguentas guerras rexionais (Iraq, Siria, Afganistán, Iemen, Palestina, Libia, Sudán...).

 Doutra banda, a fascistización é un correlato da crise civilizatoria. A crise de hegemonía exprésase na decadencia das formas democráticas (ata burguesas), pois progresivamente vólvense máis manipulación, recurso ás emocións, aos medos e aos prejuicios inoculados (racistas, sexistas, culturalistas) e cada vez menos participación informada, sobre programas e propostas. O recurso á violencia (simbólica ou física), peor aínda á guerra, sempre demostra debilidades de hegemonía. Isto, por suposto, responde á resistencia e a movilización que a crise civilizatoria provoca e á incapacidade da clase dominante para construír unha alternativa máis aló do neoliberalismo, á súa incapacidade histórica de dirección. Mentres que as respostas dos oprimidos/as e explotados/as marcaron a historia contemporánea: o movemento altermundista, as xigantescas mobilizacións contra a guerra en Iraq, os indignados e o “Occupy Wall Street”, a resistencia ao neoliberalismo que levou aos “gobernos progresistas” en América Latina, as mobilizacións feministas, anti-racistas (o último, Black Lives Matter), etc.

A relación dos seres humanos coa natureza

 Entre os pobos ancestrais a relación das persoas coa natureza era (e é) a de se saber parte dela, a de interactuar con respecto, a de ser medorentos ante ela. Actitude diametralmente oposta á concepción instrumental do medio natural, propia da modernidade capitalista, que sitúa o ser humano (burgués) no centro e por sobre aquel, que reduce a natureza a simple mercadoría, á vez que relega a maioría da poboación á pobreza, e mesmo á supervivencia, sen poder escapar a esa relación instrumental. Representación aguilloada no capitalismo da globalización polo ultra-individualismo, o consumismo hedonista, a licuefacción de todas as relacións, ademais da exacerbación da desigualdade e a pobreza. A agresión ao ambiente, “o ’desprezo’ dos humanos pola natureza” (como di Jane Goodall, El Comercio, 12/04/2020), entón, non é resultado dunha lóxica inmanente nin “natural”: o nexo das persoas coa natureza depende das relacións sociais que constrúen entre si; é máis, só a través dos vínculos que contraen para producir “é como se relacionan coa natureza” (Marx dixit, s/f: 24).

 Na época do grao máis alto de internacionalización do capital e da produción, en que todo é reducido a mercadoría, onde o totalitarismo mercantil invade e coloniza todo e a todos, non é estraño que a natureza sexa rebaixada a mercadoría e dominada como tal. Do mesmo xeito que a maioría de seres humanos que sobreviven na exclusión e/ou na explotación, convertidos en forza de traballo ou exército de reserva, isto é, en mercadoría que non controla o seu traballo e a súa vida, sometida ao capital. Todo é ofrendado no altar da ganancia.

 Aí está a industria petroleira, a mineira, a agroindustria, a plantación de exportación, a pesca industrial, a cadea de cárnicos, as industrias avícola, láctea, de aceites e demais, xunto ao que as rodea: concentración da terra, a auga e outros recursos, apropiación dos bens comúns; a súa transnacionalización; expulsión de indíxenas e campesiños; monocultivo extensivo; o empobrecemento cultural e xenético que implica a homoxeneización; patentes para asegurar o monopolio; produción globalizada; etc. Doutro lado a depredación, o tráfico de especies, o consumo exótico, a contaminación, a deforestación e a destrución ambiental, a fauna e a flora sometidas aos imperativos do mercado, a egocéntrica e autocentrada procura de pracer, etc. Todo o cal é tamén un resultado do totalitarismo mercantil, da produción xeneralizada de mercadorías levada a lóxica organizadora da civilización actual. Que, como tal, deshumaniza as persoas e desnaturaliza o medio natural.

 Deshumanízanse as persoas porque se allean no traballo[10] e no consumismo; son cousificadas ao seren rebaixadas a forza de traballo-mercadoría ou como consumidoras obxectuais embrutecidas pola propaganda ou polas adiccións; é dicir, a estrutura capitalista reduce as persoas a pezas da engranaxe produtiva e reprodutiva; ademais os traballadores son illados na competencia incesante como modo de vida, o que provoca unha disrupción na construción básica da súa condición humana posto que cada un é na medida de/en relación cos demais. A competencia impón unha contradición coas pulsións humanas máis básicas, o que termina en angustia, en baleiro existencial, en saparatidade [soidade existencial] ou acaba en insania.

 Desnaturalízase o medio ambiente porque o contorno é separado das súas interrelacións, para manipulalo dentro dunha concatenación que atende ao beneficio político-económico transnacional, nunha lóxica capitalista. Ademais, a contorna natural nos seus compoñentes é abstraído a un prezo, reducindo a riqueza de tales interrelacións da organización natural e ecolóxica ao equivalente xeral dentro dunha economía mercantil, outorgándolle a legalidade que o capital pode consentir, é dicir, tratándoa como mercadoría á que se asigna unha cantidade de diñeiro para poder ser traficada. Tamén o cousifica ao asoballalo como simple mercadoría, o empobrece ao reducilo a esta unilateralidade.

Crise do capital e coronavirus: A orixe e a expansión da pandemia

 Ese contexto de totalitarismo mercantil e de cultura consumista, no capitalismo salvaxe e decadente do século XXI, dota de sentido e carga de escuras consecuencias á depredación ambiental e ao tráfico de especies.

 Unha pandemia ten características que corresponden ás súas condicións históricas. No século XXI, co acceso instantáneo á información, a hiperconectividade, o desenvolvemento da medicina, mais tamén coa mobilidade, o consumismo, a depredación da natureza... Entón, o contexto histórico-estrutural específico condiciona a pandemia até o punto de convertela nun fenómeno, máis que só sanitario, social, económico, cultural.

 O coronavirus parece que se orixinou no mercado húmido de Wuhan. Estes son espazos tradicionais que fornecen alimentos accesíbeis, onde conviven animais mesmo salvaxes, vivos ou mortos. Esa fauna silvestre serve para comida ou en medicina tradicional. Esa mestura de animais estaría na orixe a pandemia pois pode propiciar a zoonose (o salto do virus entre especies). Porque o probábel é que o virus pasou do morcego aos humanos a través doutro animal.

 Eses mercados axudan a abaratar a reprodución da forza de traballo e crean ocupación para traballadores migrantes nas marxes da economía, tamén nunha potencia emerxente. Pero o comercio de fauna silvestre, ademais do seu uso en medicina tradicional, débese ao consumo suntuario. É dicir, as características do capitalismo en China, tanto na reprodución da forza de traballo como no consumo exótico, crearían as condicións que deron orixe á pandemia.

 Hai quen atribúe ao Instituto de Viroloxía de Wuhan a orixe do virus que, de forma accidental, escaparía dos animais aos humanos. O rescatábel disto é a certeza de que todas as potencias (EUA, UE, Rusia, non só China) fan investigación en biotecnoloxías para alcanzar vantaxes mercantís ou militares. É dicir, xogan a ser deuses para conseguir virus mutados como armas bacteriolóxicas. O cal é outro resultado do ordenamento económico e político do mundo contemporáneo.

 A difusión da pandemia opera desde os lazos de China ao mercado mundial como potencia imperialista emerxente. Pero tamén polo súper-encadeamento virtual e real do ciclo do capital a nivel internacional polo consumo, o transporte, o turismo, o totalitarismo mercantil planetario... é dicir, polas condicións propias do capitalismo da globalización.

Crise do capital e coronavirus: pandemia e saúde pública

 Como din os epidemiólogos, a saúde e a súa problemática debe relacionar os modos de vida dos diferentes grupos sociais, os seus vínculos á produción e ao consumo, a súa cultura e a súa organización, co comportamento dos seus corpos e as enfermidades que padecen (Breilh, 1991: 204). É dicir, a saúde (e a enfermidade) non son simples procesos biolóxicos peor aínda individuais, senón que, en resposta á súa propia evolución, se xeran dentro da realidade social, económica e cultural e nun momento histórico concreto que os determina.

 Así, a saúde pública é un sistema integral que se insire na totalidade do modo de produción capitalista. Pero ademais comprende as condicións de vida e de traballo que determinan a incidencia da enfermidade. Tamén abrangue as relacións estruturais; as relacións coa natureza; as relacións político-ideolóxicas; a educación e a cultura.

 Polo tanto, “as leis de movemento epidemiolóxico operan nas relacións estruturais de produción-consumo...; as relacións coa natureza...; as relacións político-ideolóxicas e as relacións do movemento biolóxico subsumido que especifican o efecto da historia... (e a estrutura) nos corpos (Breilh, 1991: 210). “A reprodución social [determina] as condicións [do] movemento biolóxico subsumido, pero as condicións naturais e a bioloxía humana participan na determinación da saúde-enfermidade” (Ibidem).

 No capitalismo, a saúde é asimilada a unha mercadoría e é convertida nun escenario para a acumulación de capital. Por iso, a medicina é individualista, con énfase na medicina curativa precisamente porque é mercadoría. Polo tanto, os sistemas de saúde pública terminan debilitados pola austeridade e a privatización.

Conclusións (provisionais) de futuro

 A pandemia precipitou algunhas das tendencias que viñan desde hai anos. E sintetizounas. A crise civilizatoria expresouse na pandemia e deulle forma específica. A crise económica foi acelerada e agudizada pola pandemia. O proceso de autoritarismo crecente, de procura de control da sociedade, de fascistización, paralelas ao predominio planetario do capital financeiro ultra-concentrado, son expresións da resposta do capital á súa crise civilizatoria, que foron recreadas (e lexitimadas, até certo punto) na pandemia.

 A corentena e o confinamento demostraron o superfluo do híper-consumismo e subliñaron a posibilidade de vivir axustados á satisfacción das necesidades básicas. A posibilidade (e a esixencia) de vivir noutro tipo de relacións sociais.

 A crise do coronavirus eclosionou como expresión da crise civilizatoria polas súas características. Aínda que é unha crise inédita, non escapa da súa localización histórica e estrutural. Porque non é un resultado soamente da relación degradada coa natureza; nin un feito epidemiolóxico abstracto (exclusivamente médico), dunha enfermidade altamente contaxiosa que debe ser enfrontada pola ciencia (tamén abstracta e ahistórica). Ademais está a orixe da pandemia, por zoonose ou por biotecnoloxía; a súa expansión, grazas á hiperconexión en negocios mundializados, ao consumismo desbocado, en último termo pola globalización; a profundación dos seus efectos máis dramáticos debido á pobreza e a desigualdade (a imposibilidade de cumprir a corentena e demais medidas sanitarias para amplos sectores que viven amoreadas e na marxinalidade nos países periféricos), así como a súa capacidade para afondar na pandemia (a mortandade masiva, os cadáveres en casas e rúas, o extravío destes, as debilidades da saúde colectiva e os sistemas conexos) e máis aínda despois desta (destrución de micro, pequenas e medianas empresas; aumento do desemprego e o subemprego, fame)[11]; as limitacións de resposta polas debilidades do sistema de saúde e de seguridade social (resultado da xestión neoliberal), dos servizos fúnebres, mesmo dos cemiterios, e das lóxicas que priorizan o interese do capital sobre calquera outra consideración, até no medio da pandemia, como nos casos de Trump, Bolsonaro, Johnson. En fin, é un resultado da complexa totalidade da sociedade capitalista actual.

 A pandemia púxonos de fronte a algunhas das características máis bárbaras do capitalismo. Destapou as xigantescas inequidades, os extremos de pobreza e desigualdade; a devastación ambiental; a economía que prioriza a especulación e o consumismo; as debilidades dos sistemas de saúde; a corrupción e as redes de lumpen-acumulación; a fascistización e as súas miserias. Aí estaban desde antes. O que fixo a pandemia é sacalas á luz.

 A saída da pandemia non implica un cambio social porque esta non implicou unha transformación estrutural. Nin a pandemia é unha revolución nin a súa saída tampouco. Non imos ser mellores..., aínda que sería desexábel. Non seremos “máis conscientes, máis sensíbeis, máis humanos”, aínda que sería de desexar. Como en tantos outros casos, a pandemia non implica un cambio estrutural que puidese sustentar unha transformación cultural. En xeral o capital procura deseñar unha saída que o beneficie (en especial ao monopólico) sen tocar apenas a estrutura anterior. A consigna é (coma sempre): salvar o capital, non as persoas.

 Fronte a iso é necesario poñer por diante as persoas e a natureza, é ineludíbel construír saídas que superen o capital e as súas contradicións. Para iso requírese defender as condicións de vida e en primeiro lugar o emprego sen sacrificar os intereses de longo prazo; é dicir, hai que construír os suxeitos sociais e políticos, as organizacións, e as perspectivas estratéxicas que se encamiñen cara á transformación estrutural. Só desa forma se cambiará o modo de vida para que corresponda a outro tipo de sociedade, na que caiban todos e todas en relación harmónica coa natureza. A estas alturas, só desta forma pode ser viábel a sociedade humana sobre a terra.

______________________________________________________________________________________

Notas

 

[1] A creba de Wall Street o 29 de outubro de 1929 produciuse pola picada dunha burbulla financeira. O segundo crack de Wall Street produciuse o 15 de setembro de 2008, tras o rebento do da burbulla inmobiliaria e a creba da banca de investimento (Lehman Brothers).

[2] “A utilización da plusvalía como capital chámase acumulación de capital” (Marx, 1976: III, 25). Unha superprodución absoluta de capital dáse cando o capital incrementado ao final dun primeiro ciclo (C+ ΔC) xera igual ou menor masa de plusvalía que o capital orixinario (C). Con iso “unha parte do capital quedaría total ou parcialmente ociosa” e a outra parte valorizaríase a unha cota máis baixa de ganancia baixo a presión do capital ocioso ou ocupado só a medias” (Marx, 1978: I, 331).

[3] O capitalismo tardío (tras II GM): “é a época en que a contradición entre o crecemento das forzas produtivas e a supervivencia das relacións de produción capitalistas asume unha forma explosiva” conduce a unha crise cada vez máis xeneralizada destas relacións de produción? (Mandel, 1987: 543).

[4] “A era neoliberal [volve ser] a das finanzas” (Duménil-Levy, 2007: 161 e ss). As finanzas comprenden “as institucións [que centralizan] o diñeiro [para] colocación en empréstitos ou títulos” (fondos mutuos e fondos de pensións), “as grandes compañías de seguros e os grandes bancos”; e ademais, “os soportes institucionais... os mercados de títulos que garanten a ‘liquidez’” (Chesnais, 2009: 81-82).

[5] “Valor que se valoriza a si mesmo, diñeiro xerador de diñeiro, sen ningunha pegada da súa orixe... A relación social ultímase como relación dunha cousa, do diñeiro, consigo mesma” (Marx, 1978: II, 78).

[6] O capital ficticio créase “mediante a emisión de simples medios de circulación” (Marx, 1978: II, 90), é dicir, papeis de todo tipo apoiados por entidades financeiras, que no fondo son só promesas de pagamento. Non constitúen capital real, produtivo (Ibid: 89 e 95).

[7] Ver Beinstein, 2008; Rosero, 2010; VVAA, 2010; Robinson, 2011; Wallerstein, 2013.

[8] Lumpen-acumulación: procesos realizados por fraccións cada vez máis lumpenizadas de neoburguesía (narcos, traficantes, corruptos, señores da guerra, mafiosos de toda caste) ou que indirectamente están asociados a eles (sistema financeiro, políticos, avogados, construtores e outros) ou procesos que están atravesados polos métodos utilizados polo lumpen (asasinato, roubo, tráfico ilegal, violencia...).

[9] Henry Paulson, directivo de Goldman Sachs e promotor de activos tóxicos, como Secretario do Tesouro liderou o mega-rescate bancario con 700.000 millóns para comprar os devanditos activos. Mario Draghi, cabeza de Goldman Sachs cando axudou a encubrir o déficit grego, como presidente do Banco Central Europeo impuxo o axuste a Grecia, e liderou a expansión monetaria e a compra de activos por máis dun billón de euros. Romano Prodi, conselleiro de Goldman Sachs, Primeiro Ministro italiano e logo Presidente da Comisión europea; Mario Monti, asesor de Grecia para a fraude, foi Primeiro Ministro de Italia nun golpe de Estado para cumprir a austeridade; Lukás Papademus contraparte da fraude grega, despois primeiro ministro de facto imposto en favor da UE; Durão Barroso, ex presidente da Comisión Europea 2004-2014, reclutado para Goldman Sachs...

[10] Os traballadores non controlan o seu traballo nin o produto deste, que máis ben os somete. “A propiedade privada [é], por unha banda, produto do traballo alleado e, por outra, medio do seu alleamento, realización deste alleamento” (Marx, 1988: 54 e ss).

[11] Segundo o FMI, o crecemento da economía mundial será de -4,9% en 2020 (-8% nas economías avanzadas, -3% nas emerxentes e en desenvolvemento), con todas as rexións en negativo por primeira vez (FMI, 2020: 1 e 9). O impacto será particularmente negativo nos fogares de baixos ingresos a nivel mundial, o que provocaría un aumento substancial da desigualdade (Ibid: 10). Ademais, 1.200 millóns de nenos viron afectada o seu ensino, o que os afectará no futuro (Ibidem). Segundo a CEPAL, a economía de América Latina e o Caribe sufrirá unha contracción do 5,3% en 2020, o que aumentará en 30 millóns o número de pobres e en 11,6 millóns o número de desempregados (CEPAL, 2020: 15). Segundo a OIT, o número de desempregados superará ben as proxeccións iniciais (25 millóns) e a perda de horas de traballo equivale a 195 millóns de traballadores a tempo completo (OIT, 2020: 3-4). En EEUU, superouse a cifra de 36 millóns de desempregados nunha cifra sen precedentes desde a Gran Depresión.

_______________________________________________________________________________________

Bibliografía

Banco Mundial (2020). Crecemento do PIB (% anual) en Datos https://datos.bancomundial.org/indicator/NY.GDP.MKTP.KD.ZG?end=2018&start=1961&view=chart

Beinstein, J. (2008). “Más allá de la recesión: En el comienzo de la segunda etapa de la crisis global”, traballo presentado no Encontro Latinoamericano del Foro Mundial de Alternativas, Quito, febreiro, http://www.forumdesalternatives.org/ES/viewpage.php?page_id=5&banner_id=6

Breilh, J. (1991). “La salud-enfermedad como hecho social”. En VVAA, Reproducción social y salud (pp. 201-216). Guadalajara: Editorial Universidad de Guadalajara.

CEPAL (2020). “Dimensionar los efectos del COVID-19 para pensar en la reactivación”. Informe especial número 2 COIVD 19. Recuperado de: https://repositorio.cepal.org/bitstream/handle/11362/45445/4/S2000286_es.pdf.

Chesnais, F. (2009). “La preeminencia de las finanzas en el seno del “capital en general”, el capital ficticio y el movimiento contemporáneo de mundialización del capital”. En VVAA, Las finanzas capitalistas. Para comprender la crisis mundial (pp. 79-150). Bos Aires: Ediciones Herramienta.

Duménil, G. – Lévy, D. (2007). Crisis y salida de la crisis. Orden y desorden neoliberales, México: Fondo de Cultura Económica.

El Comercio (2020), https://www.elcomercio.com/tendencias/jane-goodall-coronavirus-desprecio-naturaleza.html,12/04/2020.

El Economista (2018) “Nouriel Roubini advierte de un nuevo colapso financiero (peor que el de Lehman Brothers)” en https://www.estrategiaynegocios.net/lasclavesdeldia/1216937-330/nouriel-roubini-advierte-de-un-nuevo-colapso-financiero-peor-que-el-de, 17/09/2018, consultado 28/04/2020.

El País (2018). Trichet: “Estamos allanando el camino para la próxima crisis por la deuda” en https://elpais.com/economia/2018/09/14/actualidad/1536951012_891971.html, 15/09/2018, consultado 28/04/2020.

Fondo Monetario Internacional (2020). Perspectivas da economía mundial. Recuperado de: https://www.imf.org/es/Publications/WEO/Issues/2020/06/24/WEOUpdateJune2020.

Gramsci, A. (1975). Notas sobre Maquiavelo, sobre política y sobre el Estado moderno, México: Juan Pablos Editor.

La Vanguardia, Alessio Rastani: “Goldman Sachs gobierna el mundo” en https://www.lavanguardia.com/economia/20110927/54221586225/alessio-rastani-goldman-sachs-gobierna-el-mundo, 27/09/2011, consultado 22/06/2020.

Las Américas (2018). “Bill Gates pronostica una crisis financiera en algún momento del futuro” en https://www.diariolasamericas.com/economia/bill-gates-pronostica-una-crisis-financiera-algun-momento-del-futuro-n4144840, 2/03/2018, consultado 21/04/2020.

Macrotrends  (2020). “Evolución da Media Idustrial Dow Jones nos últimos dez anos” en https://www.macrotrends.net/1358/dow-jones-industrial-average-last-10-years

Mandel, E. (1987). El capitalismo tardío, México: Ediciones Era.

Marcuse, H. (1972). El hombre unidimensional, Novena edición, Barcelona: Ed. Seix Barral.

Marx, K. (s/f) Trabajo asalariado y capital, Moscú: Editorial Progreso.

Marx, K. (1976). El Capital. Libro I, 3 tomos, Madrid: Akal Editor.

Marx, K. (1978). El Capital. Libro III, 3 tomos, Madrid: Akal Editor.

Marx, K. (1988). Manuscritos Económicos y Filosóficos de 1844, Moscú: Editorial Progreso.

Organización Internacional do Traballo (2020). Observatorio da OIT: “A COVID-19 e o mundo do traballo”. Segunda edición. Estimacións actualizadas e análise. Recuperado de: https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/—dgreports/—dcomm/documents/briefingnote/wcms_740981.pdf.

Robinson, W. (2011). “Crisis estructural y rebelión popular transnacional en Revista América Latina” en Movimiento, N° 471. ALAI, decembro, http://alainet.org/publica/471.phtml

Rosero, A. (2002/2003). “El 11 de Septiembre. Guerra Imperialista y Crisis de Civilización del Capital” en Herramienta, Ano VII-Nº 21 (pp. 9-22). Bos Aires: Editorial Antídoto, Primavera-Verán.

Rosero, A. (2010). “La crisis de la civilización del capital” en Revista Ciencias Sociales, N° 32 (pp. 9-49). Quito: Abya-Yala – Universidad Central del Ecuador, decembro. También en Revista Espacio Crítico, N° 15, julio-diciembre de 2011 http://www.espaciocritico.com/sites/all/files/revista/recrt15/n15_a08.pdf

VVAA (2010). Século XXI: Crise de uma Civilizaçao. Fim da História ou começo de uma nova História, Goiânia: CEPEC.

Wallerstein, I. (2001). El Capitalismo Histórico, cuarta edición, México: Siglo XXI Editores.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 20 de agosto de 2020]