A provocación de Estados Unidos en Corea do Norte: un pretexto para a guerra con China

James Petras - 05 Mai 2017

As desfeitas da política de Estados Unidos e a súa decadencia económica interna deron lugar a rápidos e profundos cambios nas relacións de poder nas últimas dúas décadas, esnaquizando calquera ilusión dun “século americano” unipolar. China e Rusia son os novos protagonistas esenciais dun mundo multipolar. As dinámicas da necesidade e o seu propio crecemento económico empurráronos a buscar con éxito estados e mercados alternativos e independentes

Introdución

 Estados Unidos comezou a construír o seu imperio a escala mundial durante a Segunda Guerra Mundial e o período posterior a esta. Washington interveu directamente na guerra civil chinesa (proporcionando armas ao exército de Chiang Kai-shek mentres o Exército Vermello loitaba contra os xaponeses), apoiou a guerra de recolonización de Francia contra o Viet Minh en Indochina e instalou réximes títere en Corea do Sur, Taiwán e Xapón.

 Mentres o imperio se edificaba aos tombos, con avances e derrotas, o obxectivo estratéxico seguía sendo o mesmo: previr o establecemento de gobernos comunistas ou nacionalistas laicos independentes e impoñer réximes vasalos compatíbeis cos intereses de Estados Unidos.

 As armas empregadas foron guerras e golpes de estado sanguentos (“cambios de réxime”). Os réximes coloniais europeos derrotados foron substituídos e incorporados como aliados subordinados a Estados Unidos.

 Para realizar as conquistas imperiais, Washington utilizou sempre que estivo na súa man a exércitos de mercenarios adestrados, equipados e dirixidos por 'asesores' estadounidenses. Cando isto non foi suficiente, polo xeral se o réxime clientelar e as tropas vasalas se mostraban incapaces de derrotar o exército do pobo, as forzas armadas de Estados Unidos interviñeron directamente.

 Os estrategos imperiais trataban de intervir e conquistar brutalmente o país elixido. Cando non conseguían alcanzar o seu obxectivo 'máximo', iniciaban unha política de asedio para cortar os vínculos dos centros revolucionarios cos movementos populares de países limítrofes. Se os países lograban resistir a conquista armada, os construtores do imperio impoñían sancións económicas e bloqueos para erosionar a base económica dos gobernos populares.

 Os imperios, como os sabios romanos recoñeceron hai tempo, non se constrúen nun día, en semanas ou en meses. Asínanse a conveniencia convenios e acordos temporais que se creban cando xa non resultan útiles porque os deseños imperiais están por riba de todo.

 Os imperios fomentan as divisións internas entre adversarios e os golpes de Estado en países veciños. Pero, sobre todo, constrúen unha rede mundial de avanzadas militares, axentes clandestinos e alianzas rexionais nas fronteiras dos gobernos independentes para recortar as potencias militares emerxentes.

 Unha vez concluídas con éxito as guerras, os centros imperiais dominan a produción e os mercados, os recursos e a man de obra. Porén, co tempo é inevitábel que xurdan problemas nos réximes dependentes e independentes. Os rivais e os competidores gañan acceso aos mercados e aumentan o seu poderío militar. Mentres que algúns estados vasalos sacrificaron a súa soberanía político-militar para conseguir un desenvolvemento económico independente, outros optaron pola independencia política.

As contradicións primeiras e últimas da expansión do imperialismo

 As dinámicas inherentes aos estados e sistemas imperiais experimentan contradicións que reformulan e cambian constantemente os contornos do imperio.

 Estados Unidos dedicou inmensos recursos para manter a súa supremacía militar entre os estados vasalos, pero experimentou un grave devalar na súa cota de mercado mundial, especialmente co rápido aumento de novos produtores económicos.

 A competencia económica obrigou os centros imperiais a reconfigurar o centro das súas economías: a “renda” (finanzas e especulación) desprazou os beneficios do comercio e a produción. As industrias imperiais trasladáronse ao estranxeiro en busca de man de obra barata. A economía nacional está agora dominada polas finanzas, os seguros, os bens inmobles, as comunicacións e as industrias militares e de seguridade. Isto creou un círculo vicioso: coa erosión da súa base produtiva, o imperio incrementou aínda máis a súa dependencia do exército, do capital financeiro e da importación de bens de consumo baratos.

 Xusto despois da Segunda Guerra Mundial, Washington puxo a proba a súa destreza militar a través da intervención en terceiros países. Debido á gran resistencia popular e a proximidade da URSS, e máis tarde a República Popular China, a construción do imperio na Asia poscolonial contívose ou fracasou militarmente. En Corea, as forzas estadounidenses alcanzaron transitoriamente un punto morto logo de matar a millóns de persoas. En China, a súa derrota provocou a fuxida dos “nacionalistas” á illa de Taiwán. A resistencia popular e o apoio material das potencias socialistas obrigaron a EUA a retirarse de Indochina. Por mor diso, non tivo máis opción que recorrer ás sancións económicas para esganar os gobernos revolucionarios.

O crecemento da ideoloxía unipolar

 Ante o crecente poder dos seus competidores económicos no estranxeiro e a súa maior dependencia da intervención militar directa, o imperio de EUA aproveitou a desintegración interna da URSS e a viraxe de China cara ao “capitalismo de Estado” nas décadas dos oitenta e os noventa. Coa desintegración forzada de Iugoslavia, Estados Unidos expandiuse pola rexión do Báltico, Europa oriental e central e os Balcáns. Os estrategos imperiais anticiparon “un imperio unipolar”, un Estado imperial sen rivais. Os construtores do imperio eran libres para invadir, ocupar e saquear estados independentes en calquera continente e mesmo para bombardear unha capital europea, Belgrado, con total impunidade. Iniciáronse múltiplas guerras contra sinalados adversarios que carecían de aliados globais fortes.

 Países do sur de Asia, Oriente Medio e o Norte de África foron obxecto de destrución. América do Sur estaba baixo o control dos réximes neoliberais. A antiga Unión Soviética foi saqueada e desarmada por vasalos do imperio. Rusia estaba gobernada por gángsteres cleptócratas aliados con títeres de Estados Unidos. O papel asignado a China era o de se converter nun taller de escravos para producir artigos de consumo baratos para os estadounidenses e xerar grandes beneficios para as corporacións multinacionais e minoristas como Wal-Mart.

 A diferenza do que ocorreu co Imperio Romano, a década dos noventa non ía ser o preludio dun imperio indiscutíbel de longa duración para Estados Unidos. Os “unipolaristas” embarcáronse en múltiplas guerras caras e destrutivas de conquista e non foron capaces de confiar no crecemento das economías industriais emerxentes para obter beneficios; o poder global de EUA deteriorouse.

A desaparición da unipolaridade: O século XXI

 Nos primeiros dez anos do século XXI, a visión dun imperio unipolar indiscutido veuse abaixo. A acumulación “primitiva” de China deu paso a unha acumulación interna avanzada da que se beneficiaron o pobo e o Estado chineses. O poder de China expandiuse polo estranxeiro mediante investimentos, comercio e adquisicións, desprazando a EUA como principal socio comercial en Asia e maior importador de materias primas de América Latina e África. China converteuse no principal fabricante e exportador de bens de consumo para América do Norte e a Unión Europea (UE).

 A primeira década do século XXI foi testemuña do derrocamento ou a derrota dos estados vasalos de Estados Unidos en América Latina (Arxentina, Bolivia, Venezuela, Ecuador e Brasil) e da aparición de réximes agro-minerais independentes dispostos a formar alianzas comerciais rexionais. Foi un período de aumento da demanda dos seus recursos naturais e materias primas que coincidiu co proceso de desindustrialización de EUA, inmerso en custosas guerras desastrosas en Oriente Medio.

 En contraste coa crecente independencia de América Latina, a UE incrementou a súa participación militar nas brutais guerras no estranxeiro lideradas por Estados Unidos mediante a ampliación do 'mandato' da OTAN. Bruxelas seguiu a política sistemática de cercar a Rusia para debilitar a súa independencia a través de duras sancións. A expansión cara ao exterior da UE (financiada grazas ás políticas internas de austeridade) acentuou as divisións no seo da organización, provocando o descontento popular. Reino Unido votou a favor nun referendo para se separar da UE.

 Nos noventa, os desastres internos do réxime vasalo de Estados Unidos na Rusia de Boris Ieltsin empurraron os votantes a elixir a un nacionalista, Vladimir Putin. O goberno do presidente Putin embarcouse nun programa para recuperar a soberanía de Rusia e a súa posición como potencia mundial, contrarrestar a intervención de EUA no país e afastar das fronteiras o cerco creado pola OTAN.

 Os defensores do imperio unipolar continuaron iniciando múltiplas guerras de conquista en Oriente Medio, África do Norte e sur de Asia, cun custo de billóns de dólares, que provocaron unha perda dos mercados globais e de competitividade. A medida que os exércitos do imperio se expandían por todo o mundo, a economía doméstica (“a República”) contraeuse. Estados Unidos quedou atrapado na recesión e asediado polo aumento da pobreza. A política unipolar permitiu un crecemento da economía global multipolar, ao impoñer de forma ríxida prioridades militares.

O Imperio contraataca: A opción nuclear

 A segunda década do século XXI marcou o comezo da desaparición da unipolaridade ante a consternación de moitos 'expertos' e a negación cega dos seus arquitectos políticos. A chegada dunha economía mundial multipolar intensificou o impulso desesperado do imperio por restaurar a unipolaridade por medios militares, a cargo de militaristas incapaces de se adaptaren ou avaliaren as súas propias políticas.

 Baixo o réxime do “primeiro presidente negro”, Barack Obama, elixido baixo a promesa de refrear os militares, os estrategos imperiais intensificaron o seu belicismo, mantendo sete guerras, novas e antigas. Para os lexisladores e os propagandistas dos medios de comunicación de masas de EUA e a UE, foron guerras imperiais exitosas, que viñeron acompañadas de declaracións prematuras de vitoria en Somalia, Iraq e Afganistán. Estes delirios de grandeza levaron a nova administración a poñer en marcha novas guerras en Ucraína, Libia, Siria e Iemen.

 Cando a nova vaga de guerras e golpes de Estado (de “cambio de réxime”) para volver impoñer a unipolaridade fracasou, puxéronse en marcha políticas belicistas aínda maiores que desprazaron as estratexias económicas para conseguir a dominación mundial. Os militaristas que dirixen o aparello de Estado permanente, seguiron sacrificando mercados e investimentos con total inmunidade ás desastrosas consecuencias dos seus fracasos na economía nacional.

Breve renacemento da unipolaridade en América Latina

 Arxentina, Brasil, Paraguai e Honduras sufriron golpes de Estado e os gobernos progresistas de Bolivia, Venezuela e Ecuador estiveron a piques de sufrilos. Porén, o retroceso a favor do imperio en América Latina non é política nin economicamente sostíbel e ameaza con socavar calquera restauración da dominación unipolar na rexión.

 EUA non proporcionou ningunha axuda económica nin ampliou o acceso aos mercados para premiar e apoiar os seus réximes clientelares recentemente adquiridos. O seu novo vasalo en Arxentina, Mauricio Macri, transferiu miles de millóns de dólares aos banqueiros depredadores de Wall Street e entregou a Estados Unidos o acceso ás bases militares e os recursos lucrativos sen recibir por iso fluxos recíprocos de capital de investimento. De feito, as políticas servís do Presidente Macri crearon maiores niveis de desemprego e reduciron o nivel de vida, creando descontento popular. O “rapaz novo” do imperio unipolar no seu feudo Bos Aires enfróntase a unha defunción temperá.

 Do mesmo xeito, a corrupción xeneralizada, unha profunda depresión económica e os niveis de dous díxitos de desemprego sen precedentes en Brasil ameazan o ilícito réxime vasalo de Michel Temer coa crise permanente e o aumento da loita de clases.

O efémero éxito en Oriente Medio

 O poder devastador dos bombardeos aéreo e naval de Estados Unidos e da OTAN pareceu outorgar un breve triunfo á nova vaga de guerras revanchistas en Oriente Medio e África do Norte. Logo, esa aparente vitoria esvaeceuse no medio da destrución e o caos, inundando Europa con millóns de refuxiados.

 Importantes accións de resistencia á invasión estadounidense de Iraq e Afganistán precipitaron o retroceso cara a un mundo multipolar. Os insurxentes islamitas obrigaron a EUA a refuxiarse nas súas guarnicións fortificadas e tomaron o control do campo e as cidades cercadas en Afganistán; en Iraq, Siria, Iemen, Somalia e Libia forzaron a fuxida dos réximes e mercenarios apoiados por EUA.

A pulsión unipolar e o Estado permanente: Reagrupamento e ataque

 Fronte aos seus fracasos, os defensores do imperio unipolar reagrupáronse para poñer en marcha unha estratexia militar aínda máis perigosa: o aumento da súa potencia nuclear de “primeiro ataque” dirixida a China e Rusia.

 Argallada polos políticos designados polo departamento de Estado de Estados Unidos, o goberno de Ucraína foi substituído por vasalos de EUA dando lugar á ruptura dese país, aínda en marcha. Medorentos dos neofascistas e os rusófobos, os cidadáns de Crimea aprobaron en referendo a súa unión con Rusia. As maiorías étnicas rusas da rexión de Donbass en Ucraína entraron en guerra con Kiev, o que provocou miles de mortos e millóns de desprazados que buscan refuxio en Rusia. Os imperialistas de Washington financiaron e dirixiron o golpe de Estado de Kiev liderado por cleptócratas e fascistas sendo inmunes, como sempre, ás súas consecuencias.

 Mentres tanto, EUA está aumentando o seu número de tropas de combate en Afganistán, Iraq e Siria para afortalar os seus pouco fiábeis aliados e mercenarios.

 O que é crucial para a comprensión da ascensión e caída do poder imperial e das eufóricas declaracións unipolares da década de 1990 (especialmente durante o apoxeo do reinado sanguento do presidente Clinton), é que os avances militares e políticos non foron afortalados en ningún momento pola construción de economías fortes.

 EUA derrotou e posteriormente ocupou Iraq, pero tamén destruíu sistematicamente a súa sociedade civil e a súa economía, creando un terreo fértil para a limpeza étnica, as vagas de refuxiados e o levantamento islamita posterior que se estendeu polos territorios adxacentes. De feito, foron as políticas deliberadas de EUA en Iraq e outros lugares as que crearon a crise de refuxiados que angustia Europa.

 Durante as dúas primeiras décadas deste século produciuse unha situación similar: as vitorias militares instalaron líderes impopulares e ineficaces apoiados polo imperio e os seus impulsores dependen cada vez máis da chusma tribal máis retrógrada, os extremistas islamitas, os clientes de ultramar e os mercenarios. O ataque deliberado de Estados Unidos ás mesmas persoas capaces de liderar nacións multiculturais modernas como Iraq, Libia, Siria e Ucraína é unha caricatura dos notorios ataques de Pol Pot ás clases educadas de Camboxa. Por suposto, EUA perfeccionou as súas habilidades especiais para “matar os profesores de escola” cando adestrou e financiou os muxahidíns de Afganistán na década dos oitenta.

 O segundo punto débil, o que levou ao colapso da ilusión unipolar, foi a súa incapacidade para reformular os seus supostos e reorientar e reequilibrar o seu paradigma militarista estratéxico tras a incríbel desorde mundial que crearon.

 Estados Unidos negouse rotundamente a traballar coas elites económicas educadas nos países conquistados e promovelas. Iso requiriría manter intacto o sistema económico da seguridade social nos países que esmagaran de xeito sistemático. supoñería rexeitar o paradigma de guerra total, rendición incondicional e ocupación militar pura e dura, co fin de permitir o desenvolvemento de aliados económicos viábeis, en lugar de impoñer réximes vasalos flexíbeis pero grotescamente corruptos.

 O enorme aparello de intelixencia policial-militar fondamente arraigado e fortemente financiado, que conta con moitos millóns de persoas, creou un estado imperial paralelo ao réxime civil elixido en EUA.

 O chamado “Estado profundo” é en realidade un estado gobernado por “unipolaristas”. Non é unha “entidade sen rostro”: Ten unha identidade de clase, ideolóxica e económica.

 A pesar do grave custo que supón perder unha serie de guerras catastróficas e o roubo de miles de millóns de dólares perpetrado polos réximes vasalos cleptocráticos, os unipolaristas permaneceron intactos, e mesmo aumentaron os seus esforzos para conseguir unha conquista ou unha vitoria militar temporal.

 Digámolo aberta e claramente: os unipolaristas dedícanse agora a culpar dos seus terríbeis fracasos militares e políticos a Rusia e China. Esta é a razón pola que buscan, directa e indirectamente, debilitar os aliados internos e externos de Rusia e China. De feito, a campaña salvaxe para “culpar os rusos” da elección do presidente Trump reflicte a súa profunda hostilidade cara a Rusia e o seu desprezo polos votantes de clase traballadora e media baixa (a “cesta de deplorábeis”) que elixiron a Trump. A incapacidade desta elite para recoñecer os seus propios fracasos e a incapacidade do sistema político para eliminar estes estrategos desastrosos é unha seria ameaza para o futuro do mundo.

A fabricación de pretextos para a guerra mundial

 Mentres o Estado unipolarista sufría predicíbeis derrotas militares e guerras prolongadas á vez que unha dependencia de inestábeis réximes civís, os ideólogos continúan botando a culpa a Rusia e China por todas as súas derrotas militares. A súa monoteima transformouse nun aumento provocativo da súa capacidade nuclear a gran escala en Europa e Asia, o que aumenta o risco dunha guerra nuclear ao participar nun letal “xogo da galiña”(1).

 Os expertos físicos nucleares que editan o boletín dos Científicos Atómicos publicaron unha importante descrición dos plans de guerra unipolaristas. Segundo eles, “o programa nuclear en marcha implementou novas tecnoloxías revolucionarias que aumentarán enormemente a capacidade letal do arsenal nuclear. Estas novas tecnoloxías triplican a potencia letal global dos actuais mísiles balísticos de Estados Unidos”. Isto é exactamente o que un observador obxectivo podería esperar duns Estados Unidos provistos de armas nucleares dispostos a iniciar unha guerra desarmando a China e Rusia sendo os primeiros en lanzar un “ataque sorpresa”.

 O estado unipolar centrouse en varios países como pretexto para lanzar unha guerra. O Goberno de Estados Unidos instalou bases de mísiles nos países bálticos e Polonia a xeito de provocación. Estes réximes foron elixidos polo seu afán de violar as fronteiras ou o espazo aéreo de Rusia e porque a súa tolemia os predispón a aceptar a inevitábel resposta militar e a reacción en cadea en contra das súas propias poboacións. Outro lugar con enormes bases militares estadounidenses e disposto a albergar unha expansión da OTAN é a rexión dos Balcáns, nomeadamente as antigas provincias iugoslavas de Cosovo e Montenegro. Trátase de Estados mafiosos etno-facistas en bancarrota e potenciais polvoreiras de conflitos provocados pola OTAN, que xustificarían un ataque de Estados Unidos. Isto explica por que os máis furibundos militaristas do senado estadounidense estiveron presionando para lograr a integración de Cosovo e Montenegro na OTAN.

 Mais é en Siria onde os unipolaristas están creando un pretexto para a guerra nuclear. O senado de Estados Unidos enviou máis forzas especiais a zonas altamente conflitivas para apoiar os seus mercenarios aliados. Isto significa que as tropas estadounidenses atoparanse (ilegalmente) cara a cara co avance do exército sirio, apoiado (legalmente) pola forza aérea militar rusa. EUA proxecta apoderarse de Raqqa no norte de Siria, controlada por ISIS, para a converter en base de operacións coa intención de negar a vitoria do goberno sirio sobre os xihadistas-terroristas. A probabilidade de “incidentes” armados entre EUA e Rusia en Siria é cada vez maior para satisfacción dos unipolaristas estadounidenses.

 EUA financiou e apoiou os combatentes kurdos no seu avance por territorio sirio baixo control dos xihadistas-terroristas, especialmente ao longo da fronteira con Turquía. Isto está provocando un conflito inevitábeis entre Turquía e os kurdos apoiados por Estados Unidos.

 Outro sitio probábel para a expansión da guerra é Ucraína. Despois de tomar o poder en Kiev, os clepto-fascistas lanzaron unha guerra e un bloqueo económico contra os ucraínos bilingües de orixe rusa da rexión de Donbass. Os ataques da xunta de Kiev, as innumerábeis matanzas de civís (incluíndo a queima de ducias de manifestantes de fala rusa desarmados en Odessa) e a sabotaxe dos envíos de axuda humanitaria rusos poderían provocar represalias por parte de Rusia e ser o pretexto dunha intervención militar de Estados Unidos contra Crimea a través do Mar Negro.

 Pero o lugar que conta con máis probabilidades de se converter no inicio da Terceira Guerra Mundial é a península de Corea. Os unipolaristas e os seus aliados no aparello do Estado crearon sistematicamente as condicións para desencadear unha guerra con China usando o pretexto do programa de armas defensivas de Corea do Norte.

 O aparello estatal dos unipolaristas uniu os seus aliados no Congreso e os medios de comunicación para crear histeria xeneralizada. O congreso e a administración do presidente Trump consideran o programa de mísiles de Corea do Norte “unha ameaza para Estados Unidos”. Isto permitiu que o estado unipolarista poña en marcha unha estratexia militar ofensiva para contrarrestar esta falsa “ameaza”.

 A elite desbotou todas as negociacións previas e os acordos diplomáticos con Corea do Norte co fin de se preparar para a guerra -en última instancia, en contra de China. Isto débese a que China é o adversario económico global máis dinámico e exitoso ao que se enfronta Estados Unidos para manter a súa hexemonía mundial. EUA sufriu unha derrota económica pacífica, pero humillante, a mans dunha potencia emerxente de Asia. A economía de China creceu tres veces máis rápido que a de EUA durante as últimas dúas décadas. E o banco de desenvolvemento de infraestruturas de China atraeu a decenas de participantes rexionais e europeos despois de que o moi publicitado acordo comercial de Estados Unidos en Asia, desenvolvido pola Administración de Obama, viñese abaixo. Na última década, mentres os soldos e salarios se estancaron ou retrocederon en EUA e a UE, triplicáronse en China.

 Se a tendencia continúa, a economía chinesa superará a de EUA nun futuro próximo e afastado. Iso supoñerá que China substitúa inevitabelmente a Estados Unidos como potencia económica máis dinámica do mundo.... a menos que se produza un ataque nuclear por parte de EUA. Non é de estrañar que China está embarcada nun programa para modernizar os seus sistemas de mísiles defensivos e a súa seguridade marítima e fronteiriza.

 Mentres os unipolaristas se preparan para a “decisión final” de atacar a China, dedícanse a instalar sistematicamente os seus mísiles nucleares máis avanzados en Corea do Sur baixo o absurdo pretexto de contrarrestar o réxime de Pyongyang. Para exacerbar as tensións, o alto mando de Estados Unidos iniciou ataques cibernéticos contra o programa de mísiles de Corea do Norte. participou en descomunais manobras militares con Seúl, o que provocou que o exército de Corea do Norte “probase” catro dos seus mísiles balísticos de medio alcance no Mar de Xapón. Washington ignorou os esforzos do goberno chinés para acougar a situación e persuadir a Corea do Norte de que resistise as provocacións de Estados Unidos nas súas fronteiras e mesmo reducise o seu programa de armas nucleares.

 A maquinaria de propaganda de guerra de Estados Unidos afirma que a resposta nerviosa de Pyongyang aos provocadores exercicios militares de Washington (denominados “Foal Eagle”) na fronteira de Corea do Norte son unha “ameaza” a Corea do Sur e unha proba da tolemia dos seus líderes . En última instancia, Washington ten a intención de se dirixir a China. Para iso, instalou o seu Terminal High Altitude Area Defense System (THAAD), un sistema de vixilancia e ataque ofensivo (malia o seu nome), deseñado para atacar as principais cidades de China e complementar o cerco marítimo estadounidense a China e Rusia. Utilizando a Corea do Norte como pretexto, instalou o sistema THAAD en Corea do Sur, cuxo alcance supera os 3.000 quilómetros, o que lle permite chegar aos centros vitais de China en cuestión de minutos. Os mísiles dirixidos do THAAD están deseñados especificamente para identificar e destruír o sistema de mísiles de defensa de China.

 Coa instalación do THADD en Corea do Sur, o extremo oriental de Rusia está agora rodeado dos mísiles ofensivos dos Estados Unidos, o que complementa a súa potencia de ataque desde Occidente.

 Aos estrategos unipolares uniuse agora o goberno xaponés, cada vez máis militarista, unha circunstancia en grao sumo alarmante para os coreanos e os chineses dada a historia de brutalidade xaponesa na rexión. O Ministro de Defensa de Xapón propuxo dotarse de capacidade para un “ataque preventivo”, unha repetición imperial da súa invasión e escravización de Corea e Manchuria. Xapón apunta a Corea do Norte, pero a quen ameaza realmente é a China.

 Corea do Sur, un réxime fondamente corrupto e cegamente submiso, aceptou de inmediato o sistema THADD no seu territorio. Washington atopou o dócil Estado profundo de Corea do Sur disposto a sacrificar os seus cruciais vínculos económicos con Pequín: China é o maior socio comercial de Corea do Sur. A cambio de servir como plataforma para futuras agresións de Estados Unidos contra China, Corea do Sur sufriu perdas no comercio, os investimentos e o emprego. Mesmo se se dese o caso de que un novo goberno de Corea do Sur quixese reverter esta política, EUA non trasladaría a súa instalación THAAD. China, pola súa banda, reduciu en gran medida as súas relacións económicas e de investimento con algúns dos maiores conglomerados empresariais de Corea do Sur. O turismo, os intercambios culturais e académicos, os acordos comerciais e, sobre todo, a maior parte das exportacións industriais de Corea do Sur enfróntanse a importantes perdas.

 No medio dun gran escándalo político que involucra o presidente de Corea do Sur (que se enfronta á destitución e o encarceramento), a alianza militar entre EEUU e Xapón incorporou brutalmente o desafortunado pobo de Corea do Sur a unha escalada militar contra China. O devandito proceso pon en perigo as pacíficas relacións económicas de Seúl con China. Os surcoreanos son esmagadoramente partidarios da paz, pero atópanse en primeira liña dunha potencial guerra nuclear.

 China respondeu á ameaza de Washington incrementando enormemente a súa propia capacidade defensiva en termos de mísiles. Os chineses afirman agora posuír a capacidade de destruír rapidamente as bases THAAD en Corea do Sur, se EUA os obriga a iso. Así mesmo, China está reequipando as súas fábricas para compensar a perda das importacións industriais de Corea do Sur.

Conclusión

 A ascensión e caída do imperio estadounidense unipolar non desprazou ao aparello de Estado permanente, que segue adiante coas súas estratexias abraiantes.

 Pola contra, os unipolaristas están acelerando a súa campaña de conquista militar global apuntando a Rusia e China, aos que acusan insistentemente de ser a causa das súas guerras perdidas e do seu devalar económico global. Eles viven nos seus delirios da “idade de ouro” dos noventa, cando George Bush pai podía devastar Iraq e Bill Clinton bombardear cidades iugoslavas con total impunidade.

 Atrás quedaron os días en que os unipolaristas podían esfarelar a URSS, financiar antigos réximes soviéticos separatistas e violentos en Asia e o Cáucaso e organizar eleccións fraudulentas para os seus clientes bébedos en Rusia.

 As desfeitas da política de Estados Unidos e a súa decadencia económica interna deron lugar a rápidos e profundos cambios nas relacións de poder nas últimas dúas décadas, esnaquizando calquera ilusión dun “século americano” unipolar.

 A unipolaridade segue sendo a ideoloxía do aparello permanente de seguridade do Estado e as súas elites en Washington. Eles acreditan en que a unión do militarismo no estranxeiro e o control financeiro en casa lles permitirá recuperar o seu “Xardín do Edén” unipolar perdido.

 China e Rusia son os novos protagonistas esenciais dun mundo multipolar. As dinámicas da necesidade e o seu propio crecemento económico empurráronos a buscar con éxito estados e mercados alternativos e independentes.

 Esta realidade obvia e irreversíbel fixo que os unipolaristas se obsesionen con se preparar para unha guerra nuclear mundial! Os pretextos son infinitos e absurdos; os obxectivos son claros e globais; os medios militares ofensivos e destrutivos están dispoñíbeis; pero tamén o están as formidábeis capacidades defensivas e de represalia de China e Rusia.

 O Estado unipolarista acariña o delirio de gañar unha guerra nuclear mundial, o que pon aos estadounidenses na disxuntiva de resistir ou renderse ante un imperio en decadencia demencialmente perigoso que está disposto a iniciar unha guerra que traería a destrución mundial.

 

Nota:

(1): O “xogo da galiña” (game of chicken) é unha competición na que dous coches se lanzan un contra outro; o primeiro que se desvía da traxectoria do choque perde e é humillado por se comportar como un galiña. Baséase na idea de crear presión psicolóxica até que un dos participantes se bota atrás e a expresión aplícase como metáfora a unha situación na que dous bandos se enguedellan nunha escalada na que non teñen nada que gañar e na que só o orgullo evita que se boten atrás. Bertrand Russell foi o primeiro en usala en relación coa carreira armamentística.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 5 de maio de 2017]