Na mañá do mércores tivo lugar unha reunión do grupo de traballo 4 “Reforma da profesión docente” do Ministerio de Educación coas organizacións sindicais máis representativas a nivel estatal, entre as que está a CIG-Ensino. A súa secretaria nacional, Laura Arroxo, expuxo a preocupación do sindicato maioritario en Galiza porque aínda estean pendentes moitos asuntos que se prometeran regular ao inicio desta lexislatura.
Ademais, sobre os temas que o Ministerio trouxo a esta reunión -a posibilidade de presentar unha proposta para reducir as ratios en infantil, tanto no primeiro ciclo como no segundo, e en bacharelato-, a representante sindical instou a que se presente canto antes unha proposta e lembrou a da CIG-Ensino, dado que as ratios actuais de 8 de 0-1 anos, 12 de 1-2 e 20 de 2 a 6 anos non garanten unha correcta atención do alumnado de infantil, así como a actual de 35 no Bacharelato. A CIG propón 4, 6, 8, 15 e 25 respectivamente.
Aproveitou tamén para pedir que se abordase a baixada de ratios en todas as demais ensinanzas (FP e ensinanzas de réxime especial) e que se tivese en conta a consideración especial das aulas rurais onde a tendencia é aos agrupamentos de diferentes niveis e mesmo de etapas, unha situación que afecta especialmente a Galiza e que supón unha desigualdade deste alumnado con respecto ao de localidades urbanas.
Cómpre lembrar que o Proxecto de Lei, que comezará o seu trámite no Congreso o día 18 co debate e votación das emendas á totalidade presentadas por Junts e o PNV, só inclúe a rebaixa das ratios de primaria a 22 alumnos e alumnas e na ESO a 25 en diferentes prazos.
O secretario de Estado de Educación explicou que están pendentes do que aconteza ese día no Congreso e que se prevé unha nova reunión o día 23 na que traerán unha proposta concreta para debater no grupo de traballo.
Primeiro ciclo de Educación Infantil, a reforma pendente
O Ministerio presentou un documento que leva por título “Análise sobre o primeiro ciclo de Educación Infantil para o desenvolvemento regulamentario do artigo 14.7 da Lei Orgánica 2/2006, de Educación” no que fai unha análise da normativa e da diversidade contextual da atención educativa en todo o Estado nesta etapa e recoñece a necesidade dun marco normativo de máximos no que a ratios se refire.
Dando traslado ás reivindicacións do sector de 0-3 anos, desde a CIG-Ensino solicitouse que se revisen tamén outras cuestións como as condicións das instalacións, xa que, por exemplo, o uso da sala de usos múltiples como comedor implica que as profesionais teñan que ter nas súas tarefas o traslado continuo de mobiliario, algo que non acontece noutras etapas educativas. E tamén é necesario incorporar outras medidas que hai décadas non tiñan a relevancia que teñen agora como pode ser ventilación, temperatura, ou accesibilidade das instalacións en xeral.
Mellora das condicións laborais na etapa 0-3
Con todo, as principais reivindicacións da CIG-Ensino centráronse na mellora das condicións laborais das traballadoras deste sector e, por conseguinte, na mellora da calidade do servizo que ofrecen: máis recursos tanto materiais como humanos para atención aos nenos e nenas que presenten necesidades específicas de apoio educativo, a codocencia en parella educativa, o recoñecemento de horas de xornada non lectiva para programación, titorías, reunión de persoal ou de aula, preparacións de materiais... e o recoñecemento do carácter educativo deste ciclo, algo que en Galiza segue sen materializarse ao depender de Política Social e non de Educación.
Neste sentido, Arroxo tamén foi moi crítica coa decisión da Xunta de devolver 22 millóns de euros de fondos europeos destinados á creación de novas prazas públicas nas escolas infantís e optar por manter o sistema de centros privados.
Na súa réplica os representantes do Ministerio lembraron que hai moitas cuestións que son competencia autonómica ou de negociación colectiva (salarios, convenios colectivos...) e que a administración central se comprometía a reformar o RD 132/2010 de requisitos mínimos dos centros e a relación numérica alumnado-profesorado, xa que outras cuestións como o currículo, as titulacións do persoal educativo e o número de postos escolares que emanaban da LOE xa están resoltas.
Así, solicitaron ás organizacións sindicais presentes que envíen unha proposta antes do día 16 e convocarase outra reunión para o día 23 deste mes coa intención de avanzar tanto no que ten a ver coas condicións dos centros como coas ratios.