A proposta de teletraballo da Xunta supón un retroceso respecto da regulación actual
O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de amosar o seu rexeitamento ao borrador de acordo sobre o teletraballo no emprego público remitido pola Xunta ao entender que supón un retroceso en dereitos con respecto á actual regulación. Entre outras cousas, dende a central denuncian que a proposta reduce as xornadas para acollerse a esta modalidade e dificulta a conciliación laboral e familiar ao eliminar a flexibilización horaria.
Na CIG-Autonómica consideran que o borrador feito público o venres pola Administración non cumpre as expectativas do persoal público xa que nalgunhas cuestións supón un retroceso con respecto á regulación de 2013. En concreto, no que ten que ver coa redución das xornadas máximas para teletraballar ou coa eliminación da flexibilización horaria, establecendo incluso limitacións que non se basean na tipoloxía do traballo que se realiza nas unidades.
As organizacións sindicais con representación na mesa xeral de empregados/as públicos/as recibiron o venres un borrador de acordo coa que agardaban unha mellor regulación do teletraballo tras varios meses agardando por unha proposta que substituíse a actual normativa, do 2013, “que quedou raquítica e obsoleta”.
Para a CIG, coa experiencia deste ano quedou claro que o teletraballo é unha ferramenta fundamental para a prestación dos servizos públicos que evitou o peche dos mesmos e demostrou que os servizos de carácter administrativo puideron seguir funcionando con normalidade e con altos índices de eficiencia durante a crise da covid.
“Pero lonxe de aprender desta experiencia, a Xunta presenta un borrador de acordo sobre o teletraballo con varias eivas e limitacións; algunhas delas empeoran con respecto á regulación actual de teletraballo ordinario (previo á crise do coronavirus)”.
Exclusión de corpos, escalas e colectivos
Consideran que se ben a nova regulación do teletraballo parece configurar un sistema máis amplo en canto ao persoal que pode recorrer a esta modalidade, establece un sistema de limitacións que debera ser máis flexíbel (exclúe colectivos completos, nos que parte dos seus efectivos fan todo ou parte do traballo de carácter administrativo).
Esta exclusión de corpos e escalas completas é máis cómoda para a Xunta que determinar que postos de traballo concretos poden acollerse ao teletraballo ou non. “A modo de exemplo: nun instituto de ensino secundario onde hai tres ou catro auxiliares administrativos/as, por que se exclúe a este persoal do teletraballo?”
Flexibilización por conciliación
No relativo á conxugación do teletraballo con medidas de flexibilización horaria por conciliación xa existentes, supón un retroceso ao restrinxir esta flexibilidade ás franxas da ordinaria (de 9 a 14:30 horas como período obrigatorio de conexión), o que supón dinamitar a flexibilización horaria por coidado de crianzas menores ou maiores a cargo e impedir que o persoal que xa o teña autorizado poida acollerse ao teletraballo.
Concursos e promoción interna
Outra limitación “absurda” establecida neste borrador é a de esixir dous anos de servizo no posto de traballo para o que se solicita o teletraballo. Isto parece significar que ou ben a Xunta non quere teletraballo ou non quere mobilidade, nin concursos, nin promocións internas, “porque quen se mova non vai saír na foto do teletraballo”.
Redución das xornadas
Restrínxense as xornadas que se poden prestar nesta modalidade en relación á regulación actual, pasando a ser a metade das xornadas semanais mensuais, o que reduciría en cómputo semanal as xornadas de 3 a 2,5.
O 40%, presente
Outra limitación arbitraria, “recurso da indolencia intelectual da Xunta”, é a de fixar como “café para todos/as” unha porcentaxe de presencia dos efectivos de cada unidade administrativa. “É o camiño máis cómodo en vez de analizar as necesidades de presencia do persoal en cada unha das unidades”.
Día do contaxio
Establécese que un día de cada semana todo o cadro de persoal da unidade preste servizos de forma presencial simultaneamente. “Se ben nunha situación de normalidade isto pode ser aceptábel, na situación actual non parece unha grande idea e habería que contemplar a suspensión desta obriga nunha disposición transitoria”.
Lentitude coas solicitudes
Para as solicitudes presentadas este ano, e que estean en trámite á entrada en vigor deste acordo, a Administración amplía outros tres meses o prazo para resolver o que non foi quen de resolver até o de agora, polo que haberá persoas que teñan que agardar até seis meses para poder teletraballar.
Medios propios
No caso de non utilizar medios propios hai que esperar a que AMTEGA os facilite. A pesar do que di a nova modificación do EBEP, a Xunta establece que a obrigatoriedade de facilitar os medios non vai ser efectiva até que transcorra un ano dende a entrada en vigor, o que supón que se a persoa non ten os medios non poderá teletraballar.
Dereito á desconexión dixital?
Como xa explicaran dende a CIG, na modificación do teletraballo no EBEP asinada por CCOO, UGT e CSIF, un dos motivos da central para non asinar foi que moitas das demandas achegadas pola CIG contemplábanse na exposición de motivos pero non na parte dispositiva, e polo tanto non obrigaban ás administracións. “Unha delas era a desconexión dixital, e parece que desgraciadamente tiñamos razón; para a Xunta, o que está na exposición de motivos non existe e por isto non contempla este dereito”.
Conclusións provisionais
Diante isto, na CIG sospeitan que moitas destas limitacións, como a incompatibilidade con algunhas flexibilidades horarias ou con concursos e promocións internas, están destinadas a impedir que o persoal que teletraballa non sexa a maioría que en principio se deduce. “A Administración segue a gardar un as na manga ao establecer as necesidades do servizo como guillotina das concesións do teletraballo”, critican.
Ao mesmo tempo, lamentan que todo o proceso se estea a ralentizar: “Danse un ano de vacatio da obriga de facilitar os medios e prorrogan tres meses máis o prazo para resolver as solicitudes en trámite”.
Por iso cualifican de “ambiguo” o documento, xa que a pesar de conter algúns avances tamén ten retrocesos, tanto a respecto do teletraballo covid como da regulación anterior. “Non parecen entender que o teletraballo non só é un dereito, senón un sistema eficaz para dar cumprimento aos cometidos das Administracións públicas, unha ferramenta que pode permitirlle a unha Administración afrontar retos presentes e futuros; a percepción da Xunta de que o teletraballo debe ser algo anecdótico, restrinxido a uns poucos/as e graciábel na súa concesión é o pasado; e na CIG apostamos polo futuro”, rematan.