A proclamación do Estado Galego en 1931. O valor do simbólico

Manuel Mera - 22 Xun 2020

Se analizamos os feitos no contexto histórico e como un proceso, a proclamación do Estado Galego o 25 e 27 de xuño, é máis que unha anécdota. É o reflexo do estado de ánimo do momento, e un salto adiante nunha conxuntura chave como o inicio da República

 A decisión do Goberno de suspender a construción do carril de ferro Zamora-Ourense-Compostela-A Coruña causou un reaxir tanto das forzas institucionais como de amplos sectores da sociedade, comezando polo obreiros directamente atinxidos na paralización. A resposta foi inmediata, e o 25 de xuño a primeira hora realizábase unha manifestación en Ourense, que remataba diante do pazo do Concello coa proclamación do Estado Galego(1). Un acto simbólico que evidenciaba o estado de ánimo tanto respecto da forte oposición á suspensión das obras como en relación aos desexos de autogoberno. Non sería un feito casual, xa que ese mesmo día nunha reunión sindical en Santiago de Compostela se pedía a declaración do Estado Galego, e o día 27 proclamábase máis unha vez dende o balcón do concello ao remate dunha manifestación nesa cidade.

 Hai que destacar que naquel intre a capacidade mobilizadora dos obreiros do camiño de ferro (os carrileiros) era importante tendo en consideración o que nos di Dionisio Pereira (Sindicalistas e Rebeldes): “Proclamada a República no tramo que transcorre pola bisbarra de Monterrei prodúcense diversas folgas para acadar melloras laborais(...) Andando 1931, imítanos os peóns e canteiros da zona de Vilar de Barrio que, en número de 1.000, perden 9.000 horas de traballo con idéntico obxectivo.”. A medida que se achegan as votacións para a elección á Asemblea Constituínte a presión institucional e social faise máis forte, tamén as reivindicacións de claro matiz político.

A República como revulsivo

 A Segunda República proclamouse o 14 de abril de 1931, nun proceso que abriu unha enxurrada de rápidas mudanzas moito tempo contidas. O 18 de abril ORGA (Organización Regionalista Gallega Autónoma) convocou unha asemblea para debater a constitución dun gran partido nacional galego e levar ás Cortes o proxecto de constitución do Estado Galego. A xuntanza celebrouse o 4 de xuño na Coruña e foi presidida por Antón Alonso Ríos (que acababa de retornar da emigración en Bos Aires, e viña en representación da Federación de Sociedades Galegas xunto a Suárez Pícallo e Campos Couceiro. Nesta asemblea acordouse: o recoñecemento da igualdade de dereitos políticos entre o home e a muller, a definición de quen é galego e a condición dos cidadáns españois na Galiza, e afirmábase a Galiza como un Estado autónomo dentro da República española. Un bo comezo que atoparía unha morea de atrancos, por mor das resistencias do centralismo e pola inconsistencia de compromiso da propia ORGA, xa que no seu seo converxían tendencias moi diversas.

 Un día antes do comezo desta asemblea suspendíanse as obras do camiño de ferro entre Zamora-Ourense-A Coruña, así como tramos do de Ferrol a Xixón. Esta decisión tería unha ampla repercusión política e social na Galiza. A paralización da construción atinxía a 9.500 “carrileiros”, un número inmenso para economía da época. A suspensión das obras do ferrocarril abriron unha fronte social e política en Galiza, orixinando a creación de comisións populares, como a do Carballiño, vila na que dimitirían os concelleiros e ademais deciden absterse nas eleccións para Asemblea Constituínte do 28 de xuño de 1931.

 En Ourense a medida que se estendeu a noticia da paralización da construción aumentaron as protestas. Entre elas, a concentración realizada por republicanos e galeguistas en Ourense o 13 de xuño no xardín do Posío, na que falaron Eleuterio Salgado, Basilio Álvarez e Otero Pedrayo. O pobo organízase en Asemblea Permanente. Sucédense as reunións co goberno en Madrid e as mobilizacións, como a que se fixo en Compostela o 17 de xuño, na que participaron 800 labregos da comarca do Ulla afectados pola paralización. O 24 de xuño, dimiten no Carballiño todos os concelleiros municipais do Partido Xudicial. Durante a tarde-noite dese día unha multitude axuntase diante do Goberno civil de Ourense á espera da decisión do Consello de Ministros en Madrid. A resposta que chegou en forma de telegrama o día 25 ás dúas hora da mañá non era clara, deixando no aire a continuidade das obras, polo que os presentes se dirixiron ao concello. Alí varias persoas subiron ao balcón, ergueron a bandeira galega e un mozo proclamou o Estado Galego. Ese mesmo día faise unha asemblea no Teatro Losada, “con máis persoas fóra que dentro”. Asistiron delegacións de toda Galiza e da Pobra de Seabra. Entre as intervencións salienta a de Alonso Ríos, como presidente da Comisión Permanente a prol do Estatuto, elixida na Coruña o 4 de xuño.

 Ante a falta de respostas claras os ánimos comezaron a ferver de xeito tal que o 27 de xuño, relata o xornal El Pueblo Gallego, que se fixo un mitin na Alameda de Compostela. Carnero Valenzuela, o primeiro dos oradores, afirmou: “Galiza demostra ben ás claras que está en pé, en aberta revolución para acadar a súa liberdade, a súa autonomía, a súa independencia absoluta(...) non nos interesa a República Federal Española senón a República Galega”. O seguinte en falar foi Campos Couceiro, facendo fincapé na necesidade revolucionaria da Autonomía. A continuación faríao Antón Alonso Ríos, que dixo: “hai que facer a revolución na rúa e por todos os medios(...) as candidaturas até o de agora están ateigadas de caciques. A verdadeira vontade galega, verdadeiramente revolucionaria, aínda non deixou sentir a súa voz(...) Proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falla, agarimosamente a Portugal.”.

 Ao rematar o mitin formouse unha grandiosa manifestación, que se dirixiu ao pazo do Concello de Santiago de Compostela; alí izouse a bandeira galega e proclamouse o Estado Galego (seica un acto semellante se fixo en Seixalbo, vila preto de Ourense). Dimitiron todas as autoridades de Compostela e pedíuselle a Antón Alonso Ríos que ocupase a presidencia da Xunta Revolucionaria. Foi outro acto simbólico, a correlación de forzas aínda non daba para estes cambios. Era expresión do estado de énimo, e do peso do galeguismo na conciencia colectiva, polo que ao final da protesta acordouse devolver o poder ás autoridades. Hai que dicir que mentres a CNT apoiaba a folga obreira, non facía o propio a UGT, en consonancia coa actitude do PSOE; ambos fuxían do conflito. Véxase o papel da emigración ligando a loita social coa soberanía e empurrando o proceso.

Unha loita con moita historia

 É verdade que a reclamación do Estado Galego viña antecedida polos pasos dados en Cataluña. Porén non se pode ignorar que o noso país ten seus propios antecedentes na loita a prol da soberanía. Cómpre lembrar que Galiza foi independente durante moitos períodos da súa historia e noutros formou confederación con León. A capacidade para decidir da nobreza galega perdería pulo cos Trastamara, e coa renuncia dos reis de Portugal a unir ambos os reinos durante esta etapa (para evitar a invasión de Castela e centrarse na expansión na costa africana) e coa ruptura da unidade administrativa eclesiástica por mor do cisma relixioso entre Roma e Aviñón. Ou sexa que a segunda metade do século XIV será clave para Galiza, aínda que o proceso de colonización real encetase coa “castración e doma” polos Reis Católicos, como consecuencia da última guerra irmandiña.

 No século XIX, a invasión francesa e o papel destacado que ten o pobo galego na derrota do exército de Napoleón na nosa nación, vai axitar as augas do antigo réxime, e cuestionar o papel subordinado dos galegos e galegas. Collen alento novas ideas que están en consonancia co avance da conciencia social e nacional en toda Europa. O primeiro intento de poñer a debate a cuestión nacional galega, coas concepcións actuais respecto da soberanía, dáse como oposición á desaparición da unidade institucional de Galiza (coa eliminación dos antigos reinos como referencia administrativa). En 1843 celébrase unha asemblea en Lugo para tratar a organización territorial, e nela Antolín Faraldo propón o debate sobre a independencia de Galiza; seica a moción perdeu por só un voto. Sería tamén Antolín Faraldo quen en 1846, a través do periódico Revolución, como órgano de expresión da Xunta Suprema de Galiza, caracterizaría o noso país como unha “colonia da Corte” e argumentaba que a revolta era para que nos “temesen e respectasen”. Chama a atención que se utilizaran xa daquela dous conceptos tan actuais, como son colonia e soberanía. A derrota dos sublevados da Revolución de 1846, militares e civís, afogou esta iniciativa liberal e galeguista, deixando varios oficiais fusilados, centos de detidos e milleiros de exiliados políticos.

 No ano 1873, durante a 1ª República, realizouse unha “asemblea republicano-federal” en Compostela á que asistiron 545 delegados de todo o país, e na que se asinou un manifesto pedindo a autonomía de Galiza e un réxime federal para o Estado español. E no ano 1887, en tempos da rexencia de María Cristina, baixo o goberno do liberal Sagasta, o Partido Federal de Galiza redacta un proxecto de “Constitución para o Estado Galaico”. Porén, o maior pulo cualitativo dáse coa realización da 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo (en 1918), na que se esixe a autonomía integral para Galiza e unha Federación de Iberia (incluíndo Portugal)(2).

Máis que un feito espontáneo

 Para alén do carácter espontáneo e limitado estes feitos amosan o estado de ánimo da xente, a unidade popular existente cando se trataba de defender os intereses de Galiza, e que o movemento obreiro e social en xeral tiña unha complicidade básica coa cuestión nacional galega, como se amosou despois da votación masiva a prol do Estatuto de Autonomía polo pobo galego o 28 de xuño de 1936. Aínda máis, pódese dicir que no último século a cuestión nacional e a xustiza social conseguen seus mellores resultados cando están ligadas. En síntese, hai unha longa loita a prol de que os galegos e galegas sexamos os donos de noso presente e futuro, que poidamos dar unha resposta acaída ás nosas necesidades e dignificar a nosa identidade. O proceso histórico da nosa nación, coma outros, é unha andaina con avances e retrocesos, no que cada nova xeración foi facendo a súa contribución. Polo tanto, se non ollamos illadamente a situación, se analizamos os feitos no contexto histórico e como un proceso, a proclamación do Estado Galego o 25 e 27 de xuño, é máis que unha anécdota. É o reflexo do estado de ánimo do momento, e un salto adiante nunha conxuntura chave como o inicio da República. Un pulo que alentou simbolicamente os pasos posteriores na loita a prol da liberdade nacional e da xustiza social.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

(1) https://www.fundacionmonchoreboiras.gal/nova/a-proclamacion-obreira-da-republica-galega-en-1931-video-reportaxe.html

(2) https://www.fundacionmonchoreboiras.gal/nova/percorrido-pola-historia-da-nacion-galega-caderno.html

_______________________________________________________________________________________

 

[Galiza, 22 de xuño de 2020]