A privatización do SAF de Pol está a supor a precarización das condicións laborais das traballadoras
A privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que o goberno municipal de Pol fixo efectivo a principios deste ano está a supor unha precarización das condicións laborais das traballadoras que viñan prestando o servizo e que foron subrogadas por Asanis Galicia SL, empresa adxudicataria do contrato.
A CIG-Servizos de Lugo-A Mariña denuncia que a empresa vulnera o dereito de subrogación regulado no vixente convenio colectivo, xa que non respecta as condicións laborais e salariais que as traballadoras tiñan canto o servizo se prestaba de maneira directa polo Concello.
Responsabilidade do goberno municipal
Unha situación da que responsabilizan ao goberno municipal por non establecer criterios claros no prego de condicións para a adxudicación do SAF ao non incluír neste as antigüidades reais das traballadoras (recoñecidas por decretos do Concello), o dereito a percibir o complemento de domingos/festivos regulado no convenio, así como os desprazamentos dende os seus domicilios até ao regreso aos mesmos.
"Estas condicións que tiñan recoñecidas na súa relación laboral co Concello de Pol non lles son respectadas pola adxudicataria do servizo, polo que as traballadoras se ven na obriga de defendelas ante o Xulgado do Social", explican dende a CIG-Servizos.
Xunto a isto, a central sindical denuncia a negativa do goberno local a manter unha xuntanza coa empresa e o persoal para tratar de resolver esta situación pola vía do diálogo.
Atrancos ao proceso de eleccións sindicais
Pola contra, diante da convocatoria de eleccións sindicais por parte da CIG, "si que houbo reacción por parte do alcalde de Pol, "que se dedicou a falar con varias traballadoras para intentar que non se fixeran as eleccións e mesmo lles negou a utilización dun local onde constituír a mesa electoral e celebrar as votacións, incorrendo en represión e vulneración da liberdade sindical".
Malia estes atrancos -houbo que constituír a mesa na rúa e realizar as votacións nun local de hostalería-, as traballadoras exerceron o seu dereito e elixiron unha delega "para defender colectivamente os dereitos do cadro de persoal de Anasis Galicia".