A primeira xornada de folga das TCAE do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo rexistra un seguimento do 80%
As Técnicas/es en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo secundaron masivamente a primeira das catro xornadas de folga convocada pola comisión de centro para rexeitar a obriga de trasladar as bolsas da roupa sucia, función que até o de agora asumía a empresa concesionaria.
A comisión de centro cifra nun 80% o seguimento do paro, cifra que a Xerencia da EOXI rebaixa até o 48%. Co todo, trataríase dun dato que amosa o éxito da convocatoria, tal e como sinalan dende a CIG-Saúde de Vigo.
E iso a pesar dos "servizos mínimos abusivos", que nalgúns casos chegan a superar ás dotacións dun domingo ou festivo. Dende a central consideran que as TCAE "veñen de demostrar na xornada de hoxe a forza que teñen, deixando moi claro que o conflito, lonxe de estar superado, sitúase no momento máis duro con catro xornadas de folga convocadas (18, 21, 25 e 28 de xuño)".
Denuncian que a día de hoxe a Xerencia segue sen aportar solucións e intenta descargar a responsabilidade sobre as traballadoras/as, demostrando a súa nula capacidade de actuación nesta cuestión, xa que con este modelo a concesionaria ten secuestrado o hospital".
Intensificar as mobilizacións
Nesta situación, tras reclamar comisión de de centro a implicación do conselleiro mediante unha petición de xuntanza por escrito, "obtivemos o silencio por resposta".
Finalmente adiantan que as integrantes do colectivo afectado, lonxe de baixar o ton das protestas, "están dispostas a intensificar as mobilizacións e levalas até onde faga falta".