A primeira folga do transporte na provincia de Pontevedra
Esta vaga de fortes loitas obreiras veríase atrancada no futuro polo asinamento polos partidos políticos dos Pactos da Moncloa, coa participación do PCE e o PSOE, que arrastrou a CCOO e UGT, dividindo o movemento obreiro
Os anos 1976 e 1977 destacáronse polas grandes folgas sectoriais, superando así o retroceso causado pola represión de 1972 na organización e mobilizacións reivindicativas da clase obreira galega. A situación posterior a aquela dura represión era complexa, xa que, xunto ás declaracións de abertura ao mesmo tempo, se empregaba acotío a forza policial. Por exemplo, o primeiro de maio de 1977, xa gobernando Adolfo Suárez, non se puido celebrar en moitas cidades o Día Internacional da Clase Traballadora e en moitas outras as manifestacións foron disoltas pola policía. Agora ben, a situación xa non era a mesma no ámbito sindical en Galiza que en 1972. No ano 1975 nacía o SOG que tería como voceiro O Eixo. E a finais de 1976 dáse un importante debate interno no nacionalismo respecto da formación dunha central sindical galega, sendo o primeiro paso a saída do SOG da ANPG para constituír un sindicato de masas. Este paso adiante consolidarase coa Intersindical Nacional Galega (ING), constituída en marzo e legalizada en maio de 1977 (na que se integran tanto o SOG, como a UTEG, UTSG e SGTM).
Lembremos a situación laboral do momento. No ano 1975, en agosto, comezou o paro nas empresas auxiliares que participaban na construción da central eléctrica das Pontes; tamén se fan paros no ensino, Barreras de Vigo e Intelsa na Coruña. No ano 1976 prodúcese un peche en Conxo, unha manifestación de 8.000 persoas en solidariedade cos labregos das Encrobas, os paros en Astano e a folga do metal na Coruña, etc. No ano 1977 a contestación social dá un salto adiante. Conflito en Cablerías Conductoras en Vigo, folga da construción en Lugo e Ourense, na empresa Planosa de Vigo, no transporte de Lugo, protestas en Ascón e Alúmina-aluminio, folga en Corffi do Porriño, conflito do can na ría e vara nas Rías Baixas. A estes conflitos laborais hai que sumar a forte protesta labrega contra a cota empresarial, en defensa das terras en común e contra as expropiacións, e a loita ecoloxista. Por exemplo represión da Garda Civil en febreiro, a mobilización contra central nuclear en Xove en abril, o mitin realizado por Comisións Labregas en novembro no pavillón de Lugo (cunha asistencia de 15.000 persoas). A protesta contra a ocupación das praias de Baldaio en decembro, cunha dura carga da Garda Civil.
Neste contexto tomouse a iniciativa de convocar a folga do transporte na provincia de Pontevedra. Un sector que hoxe volve estar de actualidade, mais cunha situación totalmente distinta xa que a inmensa maioría dos condutores/as son autónomos, mentres que daquela eran asalariados. Así o reflectía o voceiro do SOG, nun artigo sobre as condicións laborais no sector, baixo o título de “O transporte en pé” publicado n’O Eixo nº 9 de abril de 1977, os afectados afirman:
-“-condutor- Facemos moitas horas de traballo sen retribución (...) As dietas son miserentas, con 600 pesetas temos que almorzar, xantar, cear e pagar a pensión (...)
–mozo- Temos que levantar pesos de até 60 ou 70 Kg. Cando o máximo que marca a Lei son 30, o traballo de 7 ou 8 homes facémolo 2 ou 3 (...)
–administrativo- sabemos a que hora entramos porén nunca a de saída, mesmo nos obrigan a descargar”.
A táboa reivindicativa presentada pedía: 30.000 pesetas de salario mínimo para os condutores; axudas de custo de 1.500 pesetas para viaxar polo Estado español e 2.500 para o exterior; tres pagas extraordinarias de 30 días; trinta días de vacacións; xornada laboral de 44 horas, IRTP a cargo da empresa... O sector do transporte abranguía a uns 4.500 traballadores/as e unhas 600 empresas. Os intentos de negociación fracasaron. Non puideron falar co delegado do Sindicato Vertical (CSN), o día antes do inicio da folga, e tiveron que facelo co director de Asuntos Sociais, Corral, que daquela estaba no CNS, no que estaban representados traballadores/as e empresarios/as.
O día 21 de marzo comezou a folga que se alongou até o 29 do mesmo mes. Os xornais reflectían que o paro atinxiu o primeiro día a 100 autobuses, outros tantos camións e uns 1.000 traballadores/as. Un lugar chave para facer efectiva folga foi a Praza España, en Vigo, onde chegaban miles de obreiros da construción dos concellos dos arredores que despois collían o transporte urbano. Nese punto estaban membros da Comisión Negociadora, así como militantes do SOG tanto do transporte como doutros sectores. Falábase cos condutores, repartíanse panfletos sobre a convocatoria entre os que pasaban polo lugar ou querían viaxar nos buses, en poucas palabras, facíase vulto para que se notase o paro, mentres que a policía andaba detrás de todos nós. De cando en vez pinchábase unha roda e pouco máis. O transporte parou porque as reivindicacións eran xustas, a explotación moita, os ánimos estaban quentes e había un ambiente propicio á mobilización social.
Sen dúbida a presenza no sector do SOG e o éxito na preparación do paro debeuse en gran medida a Ismael Otero “Clavelitos”, que era traballador do sector e fora despedido de Citroën na folga xeral de 1972, como tantos outros. Tamén tivo un papel destacado Francisco Lores. Nunha asemblea o día 22 uns 400 traballadores/as do sector ratificaban os delegados/as elixidos con anterioridade, estes eran: Francisco Lores; Berta Albino; Ismael Otero; Ramiro Balea; Antonio Garza; Manuel Pérez; Antonio Isla; José Vencouto; Higinio Pérez; José Lago; Benito Álvarez e Juan Quirós.
Os xornais do 25 de marzo salientan que a folga era xeral no sector, xa que se estendera ao norte da provincia, onde tamén se elixiu unha Comisión, na que CCOO, que decidira apoiar o paro, tería unha maior presenza. A patronal decide presentar “conflito colectivo” mentres que algunhas empresas chegan a acordo cos seus empregados á espera da “decisión arbitral obrigatoria”. O día 29 chégase a un acordo entre as partes, asemade os empresarios aceptan retirar as sancións e non tomar represalias.
A revista Teima, nº 16, do mes de abril, nun artigo titulado “Folga sobre rodas” pregúntase: que conseguiron os traballadores no paro?, e faise a seguinte contestación: “Aumentos económicos (os salarios incrementáronse nun 42%), melloras no traballo e sobor todo en materia de organización. Esta é a análise dos propios traballadores. As características especiais do sector do transporte, onde a fábrica non existe senón que se espalla en tantos postos de traballo illados como máquinas hai na estrada, fan importante a presenza do movemento obreiro no sector, que estivo en Vigo representado especialmente polo Sindicato Obreiro Galego (SOG), e, en segundo termo polas Comisións Obreiras (...) Foi a primeira grande folga do sector.”
Esta vaga de fortes loitas obreiras veríase atrancada no futuro polo asinamento polos partidos políticos dos Pactos da Moncloa, coa participación do PCE e o PSOE, que arrastrou a CCOO e UGT, dividindo o movemento obreiro. Este, entre outros aspectos, implicaba unha suba salarial moi por debaixo da inflación, ou sexa, os traballadores/as perdían capacidade adquisitiva. Nestas folgas, sectoriais, na loita labrega, ecolóxica e estudantil, o nacionalismo galego tería a iniciativa, o que lle permitiría andando o tempo converter a CIG na primeira central sindical en Galiza, por número de delegados/as, afiliación e sobre todo capacidade mobilizadora.
[Galiza, 22 de marzo de 2022]
https://obloguedemera.wordpress.com/