A prevalencia dos convenios galegos fortalece a loita por mellores condicións laborais

Cómpre unha negociación próxima aos centros de traballo e que os convenios asinados en Galiza teñan prioridade
Nacional - 19 Xan 2024

A negociación colectiva constitúe unha ferramenta fundamental da clase obreira para mellorar as súas condicións de traballo. É na negociación colectiva onde se pode frear a aplicación das medidas máis lesivas da normativa laboral e é o marco no que avanzar nos dereitos que a lexislación non recolle. 

Temos que exercer o noso dereito a democratizar a negociación colectiva, que algunhas organizacións sindicais pretenden secuestrar en mesas en Madrid

Pero para que sexa eficaz cómpre unha negociación próxima aos centros de traballo e que os convenios asinados en Galiza teñan prioridade aplicativa sobre os de ámbito estatal. A recente modificación do artigo 84 do ET -finalmente non validada no Congreso- respondía en parte a esta histórica reivindicación do sindicalismo nacionalista e afianzaba a recuperación dun dereito perdido coas últimas reformas laborais.

Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, urxe a entrada en vigor dunha modificación que constitúa “unha oportunidade para reforzarmos o marco galego de relacións laborais” e fortaleza a capacidade da clase traballadora galega para loitar pola mellora das súas condicións laborais e salariais. “Temos que exercer o noso dereito a democratizar a negociación colectiva, que algunhas organizacións sindicais pretenden secuestrar en mesas en Madrid”.

Tanto a CIG como o sindicato vasco ELA son maioritarios nos seus respectivos países e a afectos da Lei Orgánica de Liberdade Sindical tan representativos como UGT e CCOO. Por iso, Carril rexeita a oposición manifestada por estas dúas centrais porque “non podemos seguir soportando que a negociación estatal impida a negociación colectiva en Galiza”.

Mais recuperar a prioridade aplicativa dos convenios negociados en Galiza non será posíbel sen a loita iniciada polo sindicalismo nacionalista e as mobilizacións desenvolvidas ao longo destes anos.

O Goberno español viuse forzado a asumir esta modificación fronte ao contemplado na reforma laboral aprobada na pasada lexislatura, que só eliminou a prevalencia dos convenios de empresa en materia de contía salarial (sempre que exista concorrencia cun convenio sectorial); pero que mantivo a estrutura centralizada impulsada pola reforma da negociación colectiva de Zapatero en 2011, e afianzada posteriormente polos Gobernos do PP.

Isto provocou consecuencias moi prexudiciais, sendo a última a rexistrada no convenio da construción de Pontevedra, que foi asinado pola CIG (sindicato maioritario) e a patronal provincial, pero declarado nulo polo TSXG tras a demanda presentada pola patronal estatal por entender que regula materias reservadas e mellora os dereitos pactados en Madrid.

A CIG defende unha negociación colectiva próxima á clase traballadora, como mellor garantía de organización e capacidade de resposta, e para que sexan as persoas traballadoras as que incidan e decidan en cada momento sobre as súas condicións laborais.

Un modelo sindical como o que representa o sindicalismo nacionalista, a CIG, promove a mobilización, o conflito e a folga como único camiño para a conquista dos dereitos.  Por iso a patronal, UGT e CCOO queren impedir os ámbitos galegos de negociación colectiva, a través da centralización, do diálogo social e de acordos vergoñentos como o V AENC, que empeoran as condicións da clase obreira galega. 

Neste contexto, a CIG aposta polos convenios sectoriais de ámbito galego e a necesidade dun acordo interprofesional galego de estrutura da negociación colectiva que sirva para protexer os convenios provinciais da colonización por parte dos estatais.

Con todo, a prioridade de aplicación fica condicionada a que a regulación dos acordos ou convenios autonómicos sexa máis favorábel para as perso-as traballadoras que a fixada nos convenios ou acordos estatais, polo que “aínda temos que seguir pelexando para acadarmos o pleno recoñecemento do dereito a negociar aquí e con todas as garantías xurídicas as nosas condicións de traballo”.