A presión do persoal da limpeza dos colexios do Concello de Vigo forza unha xuntanza coa empresa
O cadro de persoal de Mantelnor, concesionaria do servizo de limpeza dos colexios do Concello de Vigo, logrou forzar unha xuntanza coa dirección tras as dúas mobilizacións desenvolvidas diante da sede da empresa na cidade. As traballadoras/es, que hoxe volveron concentrarse ás portas da compañía, reclaman o pago dos atrasos salariais pactados no convenio colectivo.
Dende a federación de Servizos da CIG denuncian que Mantelnor non abonou os atrasos conforme ao IPC real, tal e como se acordou ao ratificar o novo convenio colectivo que vén de entrar en vigor e que estará vixente de 2021 a 2023.
En consecuencia, a central apostou por convocar mobilizacións e solicitou a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para intentar desbloquear a situación. A raíz destas protestas a empresa fixou chamou a representación sindical a unha xuntanza, que terá lugar este mércores pola tarde. En caso de que non se chegue a un acordo as partes están chamadas ao AGA o vindeiro 16 de xuño.