“A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”
A secretaría das Mulleres da CIG conmemora este 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, cunha campaña baixo o lema “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”, para denunciar a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a cada vez maior precarización.
Traballos nos que, tal e como sinala a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral,“as mulleres non só padecen a temporalidade e salarios miserentos, por debaixo do SMI, senón que mesmo se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas”. Isto, ademais, sen EPI’s, con problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo ou concrecións horarias da xornada con variacións diarias.
“Isto acontece porque o traballo no fogar e de coidados de persoas dependentes é continuamente ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos. Ao mercantilizalos, convertéronse en empregos de segunda, e desenvólvense en condicións de elevada precariedade laboral, convivindo desigualdades de xénero, de clase, raciais (ou de etnia). E lonxe de reducirse, cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas mediante subcontratas”, explica Corral.
Toda unha serie de irregularidades que se cometen “coa complicidade da Xunta, dos concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos”. Por iso a campaña non se vai cinxir só a denunciar as condicións nos Servizos de Axuda no Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de día, escolas infantís, comedores escolares,nos traballos de limpeza e de asistencia no fogar, entre outros.
Exixencias da CIG
Margarida Corral lembra que as mulleres “non participamos en dúas convocatorias de folga o 8 de marzo, para que non mudara nada. Unha folga que non só foi laboral, senón tamén de consumo, estudantil e de coidados”. Respecto deste último lembra que, conscientes das dificultades, “fixemos un chamamento ás mulleres que non podían facela a que penduraran os seus mandís nas xanelas das casas, e moitas de nós levamos esta indumentaria ás mobilizacións esixindo unha revalorización social e laboral do traballo dos coidados”.
Por iso Secretaría das Mulleres da CIG achega unha batería de propostas ao goberno, esixindo a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público.
Isto xunto ao recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social; salarios dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo de coidados e accións formativas específicas para o desempeño dos postos; garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais; recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de traballo; estabelecendo medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade.
Porque tal e como di Corral, “todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento, así que o estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a necesidade de socializar o coidado, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, e rematando coa inercia social de que este dependa en exclusiva da familia, e en concreto das mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións e pasar a ocupar o papel fundamental que teñen para o desenvolvemento das vidas humanas”.
Concentracións nos concellos e administracións públicas
A secretaría das Mulleres da CIG escolleu concentracións, maioritariamente diante dos concellos e das administracións, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos, que ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando ás mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados” porque, segundo explica Corral, “queremos quitarlle a careta a eses concellos que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros nas fachadas deses espazos teoricamente libres de violencias machistas e son quen precarizan a estas traballadoras”.
A secretaria das Mulleres da CIG sinala a Estado e Xunta de Galiza como culpábeis da precarización de miles de mulleres que traballan no sector dos coidados. “Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país; converte as miserias de moitas en cartos para uns poucos; non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza as mulleres que neles traballan”.
Margarida Corral denuncia ademais que se desmantelan os empregos de calidade, que deberían ser públicos, para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día, residencias da terceira idade, deixando o rural sen atención primaria, reducindo os recursos da atención especializada, deixando sen recursos o ensino público, os servizos sociais, poxando o prezo do traballo de coidados, sacándollelo ás traballadoras e poñéndoo ao servizo do capital. “Estamos a falar de miles de mulleres que son silenciadas, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola sociedade”.
Concentracións convocadas pola CIG:
A Coruña, ás 11:30 h diante na Xunta, Praza Luis Seoane
Ferrol , ás 12 h na praza de atrás do Concello de Ferrol
Compostela, ás 12:00 h na Xunta, en San Caetano (fronte á estación de autobuses)
Lugo, ás 11:30 h diante do Concello
Chantada, ás 20 h na Praza de Galicia
Cervo, ás 11:30 h no Centro de Día e Residencia de San Cibrao
Ourense, ás 11 h diante do Concello
Pontevedra, ás 12 h diante da Delegación do Goberno
Vilagarcía, ás 12 h na Praza de Galiza
Vigo, de 11 a 12 h na Praza da Vella Escola, detrás do Concello de Gondomar
Concentracións do feminismo galego
A Secretaría das Mulleres da CIG convoca tamén a toda a cidadanía galega a que participe nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos do feminismo galego en diferentes localidades do país:
- A Coruña, 20:00 h Obelisco.
- A Estrada, 20:30 h diante do Concello.
- As Pontes, 20.30 h na Praza do Hospital.
- Betanzos, 20:00 h a carón do Palco da Música.
- Carnota , 20:00 h na Praza da Pedra ás 20h
- Celanova, 20:00 h na Praza Maior.
- Compostela, 20:00 h Praza 8 de marzo
- Ferrolterra, 19:00 h no Cantón de Molíns.
- Lugo, 20:00 h diante do Concello.
- Marín, 20.30 h na Praza 8 de Marzo.
- Ourense, 20:00 h diante da subdelegación do Goberno.
- Pontevedra, 20:00 h na Peregrina.
- Ribeira, 20:00 h na Praza do Concello.
- Val Miñor, 20:00 h no cruce da Ramallosa.
- Verín, 20.30 h Praza do Concello.
- Vigo, 20:00 h cruce de Vía Norte con Urzaiz.