
A precariedade é unha cuestión prioritaria

A precariedade, a desigualdade, son parte esencial da globalización neoliberal. Son as eivas e atrancos dun capitalismo senil, do que tamén son expresión as intervencións e sancións, as guerras, a especulación financeira...
Segundo os últimos datos do Goberno central a taxa de desemprego foi do 10,6% no Estado español (EE), e na Galiza un chisco menos, o 8,7%. Un dato que aínda que semelle mellor na nación galega non o é se temos en conta o avellentamento da poboación pola baixa natalidade, e que se mantén moi alta a taxa de emigración aínda que tamén o fixese a entrada de inmigrantes. Agora ben, estes son os datos da estatística oficial que, por exemplo, non inclúen os fixos descontinuos en paro. Daquela que se considere que o desemprego real supera o 15% da poboación activa no EE e tamén é máis alto na Galiza. Para facer unha radiografía axeitada deberíase clasificar, cando menos, a poboación como: ocupada, sub-empregada e en paro.
Coa globalización neoliberal o capitalismo optou pola precariedade no mercado laboral, con contratos a tempo parcial, temporais, fixos descontinuos... Daquela que denunciase o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o Día da Clase Traballadora Galega, segundo recollía a páxina da CIG: “a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións; do aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e do medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social. Unha situación da que responsabilizou á reforma laboral, vixente desde hai xa 2 anos, que “nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012 (...) algúns dos datos que constatan esta situación, como o aumento nun 125,1% dos contratos fixos-descontinuos desde 2021; o medre das xornadas parciais, que pasaron de ser o 19,8% en 2021 a representar o 23,9% en 2023 e que teñen maioritariamente mulleres (o 75,5%) ou que o 42,5% dos contratos temporais duraron menos dunha semana no 2023.”.
Consecuencias: o risco de pobreza abrangue ao 61,4% dos inmigrantes de orixe non europea e ao 52% das familias monoparentais, e nas persoas de “nacionalidade española” baixa ao 22% (que aínda é unha porcentaxe altísima). Son cifras alarmantes que deixan en evidencia que ademais dos que están no paro unha gran parte das persoas que traballan non obteñen os recursos mínimos para vivir dignamente. Daquela é lóxico que haxa postos de emprego que non atopen quen os ocupe (salarios baixos, xornadas moi longas ou que consumen o día, altos gastos de desprazamento, etc.). Se a iso sumamos a cada vez maior concentración e centralización da distribución da renda producida no gran capital, nunhas poucas corporacións e grandes fortunas, e a entrada masiva de inmigrantes na procura de subsistir, temos un marco laboral, que malia a mobilización sindical e que se obteñan avances alí onde a organización da clase traballadora é moi forte, non evita que medre a precariedade e a pobreza no conxunto, aínda que artificialmente baixe a taxa de desemprego (nas estatísticas e por un tempo). Tampouco axuda na mellora das condicións de traballo a fragmentación da clase traballadora, cultural, lingüística e nos obxectivos económicos, e o sindicalismo pactista (favorecido polos medios de comunicación e partidos do sistema).
Son datos que deixan en evidencia que a precariedade, a desigualdade, son parte esencial da globalización neoliberal. Son as eivas e atrancos dun capitalismo senil, do que tamén son expresión as intervencións e sancións, as guerras, a especulación financeira... Daquela as noticias parciais e prefabricadas coas que nos machuca o Goberno do momento, coa evidente intención de pintar o contexto como o único posíbel, para que se vexa o máis mínimo paso adiante por máis cativo que sexa como un importante avance. Trátase de frear a mobilización das clases populares e a conquista de cambios esenciais presentando cinicamente a Unión Europea e o militarismo, acompañado de medidas autoritarias e redución do gasto público en pensións, subvencións e achegas sociais, como a única saída á crise do sistema.
Son datos que cuestionan que falte oferta laboral. Unha escusa que se utiliza para aumentar a man de obra de reserva, maximizar a competencia polo emprego e intentar fragmentar a clase traballadora. Polo que, malia as promesas de progreso e os avances tecnolóxicos, non deixa de medrar a desigualdade entre clases sociais e entre territorios, así como a desfeita do ecosistema e o esgotamento de materias primas esenciais. Vivimos nesta conxuntura un duro reaxuste na UE, con todo o que iso implica, máxime cando está focalizado nunha confrontación entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes. Un alternativa na que as vellas potencias hexemónicas (mesmo aquelas cun papel secundario como o Estado español) exclúen como obxectivos a participación e protagonismo das maiorías, a igualdade, a xustiza social e a soberanía nacional-popular... A única alternativa é mobilización, organización, folla de ruta, relato, e unha política correcta de alianzas. Sen dúbida, a CIG é unha gran achega nestes aspectos, tanto no medio século de existencia do sindicalismo nacionalista e de clase, como nesta conxuntura histórica... aínda que sempre haxa que mellorar.
[Galiza, 24 de marzo de 2025]