A precariedade e a exclusión social instálanse no mundo do traballo
O paro rexistrado o pasado mes de setembro de 2017 ascendeu a 184.057 persoas, un 1,62% máis que o mes anterior, a pesar de que se asinaron un total de 96.369 contratos. Isto constata, para a CIG, a enorme temporalidade do emprego que se crea e evidencia o absoluto fracaso das políticas laborais da Xunta de Galiza. A central sindical alerta ademais do grave risco de exclusión social que sofren as persoas desempregadas, xa que máis da metade non cobran ningún tipo de prestación.
Resulta rechamante tamén que descenda máis a afiliación á Seguridade Social que o paro xa que mentres se incrementou en 2.932 o número de persoas desempregadas, porén en setembro houbo unha media de 6.631,15 afiliados/as menos.
Os datos permiten confirmar tamén non só a enorme dependencia dos Servizos, porque de feito só neste sector se perderon 2.616 empregos, senón tamén a enorme rotación e pésima calidade do pouco emprego que se crea: temporal e precario.
Tal é así que aínda incrementándose o paro en setembro medrou o número de contratos asinados con respecto ao mes de agosto (649 máis) e do total o 92% foron temporais.
Exclusión social
Xunto á precariedade laboral aséntase en Galiza a exclusión social, xa que só 87.005 persoas desempregadas foron beneficiarias dalgún tipo de prestación, sen que o goberno do PP articule medida algunha para frear o cada vez maior risco de pobreza existente.
O secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle denuncia precisamente como “a precariedade e a exclusión social se instalan no mundo do traballo” pola “nula incapacidade do governo do PP para solucionar calquera dos graves problema tanto no Estado, nin o desemprego, nin o encaxie territorial, entre outros, nin en Galiza”.
Precisamente respecto do goberno de Feijóo na Xunta de Galiza lembra que “eles mesmos recoñecen o seu fracaso e incompetencia ao presentar unha Proposición de Lei como a de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais” que supón “unha auténtica moción de censura ás nefastas políticas desenvolvidas ao longo destes anos”.
Para Cartelle resulta “lamentábel” que se aposte por un modelo industrial que o único que pretende é “darlle máis facilidades ás empresas con actividades lixo sen ter en conta os prexuízos para o contorno” mentres “carecen de iniciativas para impulsar os nosos sectores produtivos”.
O secretario confederal de Emprego responsabiliza ademais ao PP e ás sucesivas reformas laborais da precariedade e da exclusión social. “Co tipo de emprego que se está creando queda claro que o seu único obxectivo era pór a disposición das empresas man de obra barata”, conclúe.