A precariedade, a pobreza e a desigualdade instálanse no mundo do traballo en Galiza
O Informe sobre a situación do mundo do traballo en Galiza no ano 2019 constata a necesidade de executar políticas económicas e laborais ao servizo do clase traballadora. Así o afirmou esta mañá en rolda de prensa o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, para quen é imprescindible a derrogación íntegra das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións para a creación de emprego digno e de calidade.
De feito, na presentación dos datos recollidos no informe, a responsable do gabinete Técnico de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, apuntou que foron precisamente eses cambios legais os que provocaron os cambios nas condicións laborais, salariais e de vida da clase traballadora.
Aumento das desigualdades
Neste sentido salientou o enorme aumento das desigualdades, que se constatan, por unha banda, na perda de peso das rendas salariais no PIB, que perderon 4,4 puntos respecto de 2009, pasando de supor o 46,8% a ser o 42,4% dez anos despois e, pola outra, na perda de poboación asalariada nos tramos medios de ingresos.
A este respecto indicou que “a poboación asalariada só medrou nos tramos de ingresos máis baixos, de ata 1,5 veces o SMI”, apuntou que o 30% tiveron uns ingresos inferiores ao SMI e que, porén, reduciuse case nun 50% a poboación asalariada no tramo de salarios de ata 4,5 veces o SMI.
Xunto a isto salientou que se en 2009 había que sumar os ingresos de 66 traballadoras/es para chegar ao dunha persoa do tramo máis alto de ingresos, o deterioro foi tal nesta década que hoxe xa hai que sumar o salario de case 84 persoas para chegar ao mesmo.
Descende a poboación activa entre menores de 40 anos
No retrato que fixo da clase traballadora galega, Gromaz chamou a atención tamén sobre a perda de poboación ocupada, que malia aumentar en 2019 en 17.600 persoas aínda é inferior en 60.200 á que había en 2009 e sobre o descenso da poboación activa, nomeadamente entre as persoas menores de 40 anos, xa que hai 212.400 menos que en 2009. Descenso que atribuíu, en grande medida, á emigración.
A economista da CIG chamou a atención ademais sobre a perda de emprego no sector público xa que desde 2009 o número de persoas empregadas no sector público descendeu en 10.900 das que se perderon, só en 2019, un total de 3.400. Fronte a isto subliñou que o emprego creouse no sector Servizos, e fundamentalmente nos Servizos Sociais, onde as condicións laborais son peores.
Con todo, López Gromaz quixo salientar tamén a través dos datos o medre da precariedade, que se constata no medre das xornadas a tempo parcial e da temporalidade. Tal é así que o 47% dos contratos asinados en 2019 (que foron un total de 1.086.121), o 47% duraron menos dun mes.
“É necesario e urxente crear emprego de calidade”
Para o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, estes datos reflicten un mundo do traballo no que se afonda na precariedade, na temporalidade, parcialidade e desigualdade coa consolidación da figura do traballador ou traballadora pobre. Nese sentido lembrou que “hai anos era inconcibíbel que un traballador ou unha traballadora que tivese un salario non dese cuberto as súas necesidades vitais básicas. Hoxe en día é o habitual”.
Por iso considerou “necesario e urxente” crear emprego de calidade, dar unha maior cobertura ás persoas que non poden traballar e “inserir á mocidade do noso país para que non teña que seguir emigrando”.
Asegurou que o que hai que facer é “todo o contrario ao que se fixo nestes últimos anos”. Reiterou a demanda da derrogación das reformas laborais do PP e do PSOE que, tal e como denunciou, tiñan como obxectivo “alixeirar cadros de persoal -e para iso se facilicitaron os despedimentos colectivos- e rebaixar salarios –e para iso se fixo a reforma da negociación colectiva, que permite a primacía do convenio de empresa, aínda con condicións inferiores ao convenio sectorial-“.
Recuperar o principio de causalidade para rematar coa temporalidade
Nesa liña, reclamou, para acabar coa temporalidade, devolver o principio da causalidade á contratación temporal, porque “agora mesmo estamos sufrindo unha fraude masiva na utilización dos contratos temporais que atinxe mesmo á administración do Estado, a administración da Xunta de Galiza e local”.
Demandou o desenvolvemento de políticas de rendas que favorezan a mellora dos salarios e a redución progresiva do abano salarial para frear o incremento das desigualdades, á vista de que “os salarios máis baixos cada vez son máis e os salarios máis altos cada vez son menos pero máis altos”; o incremento do SMI até ser do 60% do salario medio, como di a Carta social Europea, o que o elevaría aos 1.200€; a supresión do IPREM como índice de referencia para as prestacións sociais e intensificar os controis da inspección de traballo, non só sobre a causalidade na contratación, senón tamén sobre a economía irregular, favorecendo así a creación de emprego estable e con dereitos.
Rematar coas subvencións xenéricas
Así mesmo, Cartelle insistiu na necesidade acabar con todas as subvencións xenéricas á contratación, co fin de empregar eses recursos na creación de emprego público, o cal está a ser desmantelado de xeito continuo nos últimos anos. De igual xeito, puxo de manifesto a demanda de que os convenios de sector sexan a referencia mínima obrigada para este tipo de empresas de servizos, ás cales, segundo sinalou, cómpre poñer termo, dado que adoitan facer competencia á baixa, e isto repercute de forma lesiva nos salarios das traballadoras e traballadores.
En canto ao servizo público de emprego en Galiza, avogou polo seu reforzamento, co fin de que as persoas menores de 25 anos reciban unha boa oferta de emprego con formación continua en prácticas non máis alá de catro meses despois de que rematen os estudos ou estean en situación de desemprego.
Rebaixar a idade de xubilación para favorecer a creación de emprego
Noutra orde de cousas, o secretario confederal de Emprego da CIG referiuse á necesidade de que se derrogue por parte do Goberno central a última reforma do sistema de pensións, dado que, ademais de supor unha caída nos ingresos das persoas xubiladas, resulta unha medida negativa para a creación de emprego ao atrasar a idade de xubilación e dificultar o acceso a unha pensión.
En canto ás políticas activas de emprego, Cartelle demandou o seu potenciamento, co establecemento de programas específicos de formación e orientación e recualificación para a mocidade desempregada e as persoas desempregadas de longa duración. E isto, enmarcado nunha mellora da calidade do emprego, así como da cobertura social daquelas persoas que non poden traballar. Xa de maneira específica, avogou pola eliminación do IPREM como índice de referencia para o cálculo das contías das prestacións. Un indicador creado polo PSPE en 2004 e que desvinculou o SMI como índice a ter en conta para ese cálculo e o que fixo na práctica foi rebaixar as contías das prestacións durante todos estes anos, posto que leva conxelado máis dunha década.
Para o secretario confederal de Emprego, non só cómpre que se fagan “estes cambios normativos senón que tamén son necesarios cambios estruturais, sistémicos, que procuren acabar coa desigualdade”. Así, sinalou que cada vez teñen menor peso as rendas dos salarios no PIB. Para corrixilo demandou a introdución dunha “fiscalidade máis progresiva onde pagasen máis os que máis cobran e onde as empresas tributasen máis do que tributan, porque hoxe tributan menos que calquera traballador/a”. Unha medida que contribuiría a unha máis xusta repartición da riqueza xerada e que esta non ficase apenas nas mans duns poucos.
Unha verdadeira política industrial da que carece o goberno de Feixóo
Cartelle fixo, así mesmo, fincapé na necesidade de que no noso país se desenvolvese unha política industrial digna de tal nome, da que carece actual Xunta de Galiza, unha Xunta de Galiza que se limita a “aferrarse ao sector servizos e, nomeadamente ao turismo, encomendándose ao Apóstolo para que haxa un bo Xacobeo, e non hai máis que ver a situación de desmantelamento industrial que estamos padecendo, desde a descarbonización, cunha transición enerxética inxusta”, coas problemáticas das industrias electrointensivas, do sector naval, do automóbil e doutros sectores industriais que en Galiza están abandonados, e isto malia ter a Xunta competencias nesta materia, as cales “non exerce, demostrando que unha cousa é ter competencias, e outra cousa é ser competente”.
Un necesario cambio de goberno en Galiza
Todas estas mudanzas na normativa laboral e todos estes cambios estruturais na distribución da riqueza só se poden facer, segundo concluíu Cartelle, “da man de gobernos que teñan claro que deben servir a unha maioría social, que deben servir aos intereses da maioría da poboación e da clase traballadora”, algo que non que non vén sendo así, dado que se está a lexislar “favorecendo a oligarquía económica, a xente poderosa”. Sen eses cambios urxentes e profundos, sinalou, seguirase afondando “na precarización das condicións de traballo e na desigualdade e iso non se pode nin se debe permitir”.
Por último, e co fin de recuperar os dereitos laborais e sociais arrebatados á clase traballadora na última década, o secretario confederal de Emprego da CIG fixo un chamamento “á participación, á mobilización social, a saír á rúa”, chamamento que concretou no arroupe das mobilizacións convocadas pola CIG en todas as comarcas para o vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, baixo o lema “Pola recuperación de dereitos. Na Galiza salarios e pensións dignas”.